Desde
Redelibros:
“Boas, redelibreiras e redelibreiros! Un ano máis, comezan as feiras do libro na nosa terra. E, un ano máis, Redelibros e os Autores Independentes estaremos percorrendo a xeografía galega. Desta volta cunha caseta que compartiremos coa libraría Cartabón e que, xa a veredes, non deixará a ninguén indiferente. Este ano queremos que sexa especial. Queremos coñecervos, queremos verbos as caras. Por iso, en cada feira estableceremos unha data para facer unha quedada redelibreira. E queremos pedirvos algo máis: que vos parece se nos facemos unhas fotos?
Se queredes saber de que vai todo isto, pasádevos polo noso blog e contámosvolo con detalle.
E, por certo, a primeira quedada redelibreira das feiras será o domingo 21 de abril ás 18:30 horas en Ferrol. Ese mesmo día, as 19:30 horas, Xesús Bermúdez Tellado presentará o seu poemario Viaxe sen cancelas, editado por Redelibros.”
Arquivo da categoría: Sociedade
Rosalía terá en Lugo un novo monumento por suscrición popular
Desde
Sermos Galiza:
“Nacerá do asociacionismo cultural e pagarase por suscrición popular. As asociacións Lugopatrimonio, o Clube Cultural Valle-Inclán, Ágora Lugo, Achádego Teatro e María Castaña son as entidades convocantes da primeira xuntanza que comezou a traballar na campaña de suscrición popular co fin de homenaxear a Rosalía cun novo monumento en Lugo. Canda as convocantes, sumáronse á iniciativa as asociacións Hipócrita Teatro, Antigos Alumnos da Escola de Artes Ramón Falcón, Asociación de Veciños da Milagrosa, Fonmiñá, Amigos da Muralla, Orfeón Lucense e Cultura do País. Unha comisión xestora integrada por Isidoro Rodríguez, Antón Somoza, Xulio Xiz, Adolfo de Abel, Tonina Gay e Teresa Campo dará os primeiros pasos co fin de recadar fondos por suscrición popular para que a cidade conte cun monumento á poeta no parque que leva o seu nome. Queren que sexa inaugurado neste 2013 no que se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.”
Un día das Letras anovado?
Reportaxe
en Praza:
“(…) “Que facemos coas letras galegas?”, “Cómpre anovar a súa celebración?”, “Debe ser un día non laborable?”. As Xornadas organizadas pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.
Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que “non todos os mortos están mortos”, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a “facer un pacto” pois “ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non”. Neste “pacto social” o canon debe ser cuestionado e reconstruído “cun papel fundamental da escola na súa transmisión” e sendo conscientes de que “ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais”. Para Leo, profesor e músico, “o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra”.
Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o “éxito” que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de “contaxiar a sociedade dese entusiasmo”, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: “debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet. (…)”
Jurjo Torres Santomé: “A LOMCE é a lei educativa que gostaría de ter aprobado Thatcher”
Entrevista
a Jurjo Torres Santomé en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cal é a xustificación da LOMCE?
– Jurjo Torres (JT): A LOMCE non ten xustificación. Só se achegaron o que eles denominan “comparacións internacionais” que fai a OCDE, o informe Pisa. Porén, esa é unha organización que ten uns intereses moi concretos: promover o desenvolvemento económico.
Non se persegue o desenvolvemento integral da persoa. As materias que poderían axudar a conquerir tal obxectivo vanse varrendo do currículo: Educación para a Cidadanía desaparece; Ética muda de nome e pasa a ser optativa fronte a Relixión; e Filosofía é optativa en todos os niveis agás no bacharelato. En que momento o alumno vai aprender que é a democracia ou que é a igualdade? E agora a última proba de Pisa que nos introduciron: a Educación Financeira. (…)
– SG: Preténdese desdebuxar a realidade, convencer de que non existen outras linguas distintas do castelán, dunha maioría ultrarrelixiosa e conservadora, de que non hai desigualdades sociais?
– JT: As desigualdades sociais vai ser moi difícil velas cando na escola convivan só os fillos das familias de ben. A pobreza estará aí, mais será lonxe, nalgún país africano, e o sistema educativo non vai ensinar a entender por que túa nai ou teu pai foron despedidos do emprego. Pisa lévanos cara ás materias onde esa realidade non existe. Dinnos que temos que comer para estar sans, mais non se analiza por que hai uns señores empeñados en envelenar tales alimentos para obter un rendemento económico, poño por caso.
A educación debe ensinar por que a realidade é como é, non presentar só uns contidos para pasar de curso. Porén, hai un medo terríbel a que o alumnado entre en contacto con coñecementos que contradín verdades oficiais e van evitalo colocando até avaliacións externas para que aquel profesorado que se rebele non poida ensinar outra cousa. Sobre o papel está moi ben pensado. Agardo que na práctica lles estoure na cara. (…)”.
Betanzos: inauguración da Libraría Carricanta
O
venres 12 de abril, a partir das 18:00 horas, na Libraría Carricanta (Praza Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, terá lugar o seu acto de inauguración. No mesmo haberá actividades para nenas e nenos, coas súas familias, e, sobre as 20:00 horas, falará para as persoas presentes Xurxo Souto.
Santiago: O libro ponse de outlet
Desde Sermos Galiza:
“Tres euros, un libro; cinco euros, dous exemplares e cinco títulos, tan só dez euros. Así son os prezos cos que o sábado día 6 de abril se comezaron a vender libros galegos xa descatalogados que se ofrecen ao público cun 80 ou mesmo 90% de rebaixa. En Compostela, o Outlet do libro abriu na sede da Fundación Novacaixagalicia na rúa do Vilar e poderanse adquirir libros até o 14 de abril. Será esta a primeira das citas que a Asociación Galega de Editores ideou para alixeirar os fondos de dezasete empresas galegas que participan na iniciativa. Canda as editoriais, nos Outlet -que continuarán por distintas cidades do país- colaboran librarías da localidade e mesmo se buscou o contributo dos concellos. En Compostela, a libraría Pedreira é quen xestiona esta venda de libros de saldo. O horario será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 h. Os libros galegos que son difíciles de atopar xa en circuitos comerciais habituais volven a poñerse ao dispor do público nestes oulet que se organizan pouco despois da exitosa iniciatva do Consorcio Editorial que puxo tamén á venda os libros do seu fondo a prezos rebaixados.”
Manifesto na defensa das editoras en galego
“E hoxe –mentres os ladros de ilusións e normalidades reclinades as vosas cabezas nos acolchados diváns, a golpe elástico do tirante de don Celidonio– tócanos pór a man no peito e escoitar o latexo da máquina comunitaria, con sinceridade e dor ao unísono. A nosa vida comeza a fallar, o motor de arranque axustouse ao trebello pero este non carbura: a explosión na buxía cultural apenas sincroniza co avance das mentes políticas, baixa o pistón e a biela non se move.
Prefire don Celidonio –man no bandullo– as empresas de lonxe, e os nosos artesáns da escrita perden medios de difusión,… Pecha o papel de prensa en galego, botan o fecho tamén algunhas editoras (A Nosa Terra liquida as súas existencias, as nosas re-existencias dende a memoria e a certeza), outras mantéñense sobre o arame –temerosas– e debaixo non hai rede para illalas do baleiro. Actrices e actores piden “cidades para a cultura”, músicos e artistas buscan papel e partitura para as súas voces. Non baixa a claqueta do cinematógrafo nin se ergue o pano, non se respectan as vangardas musicais de noso e tampouco o folclore do país. Unicamente ouvimos riseiras, gargalladas e arroutos dende as gorxas que engolen a nosa voz sen atragoarse.
Xa sopra sen buguina o verso desacougante de Espiral Maior. De momento fica en puntos suspensivos a súa existencia, coma a de tantas outras casas editoriais. Mais,… quedarán xanelas para a esperanza? Cando deixarán de nos roubar o brillo e a fachenda? Cando? Cando a cor do horizonte será nosa na liña dun verdadeiro “progreso”?
Don Celidonio “ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón”,…
Quen é capaz de comprender a historia da lírica galega dos últimos vinte e cinco anos sen esa espiral de autoras e autores? Sen ese labirinto de títulos e ese mosaico de estrofas e versos libres? Libres,… libres sodes para nos exterminar, para nos sacardes o pan da boca e darllo ao que máis devora e infla o bandullo. Libres,… libres sodes para nos introducir nun role-playing game no que non haberá vítimas humanas –iso coidamos– pero do que nacerán cadáveres entre as primaveras de Cunqueiro.
Quen entende o ensaio de ideas sen Laiovento e o ensaio histórico sen Toxosoutos? Quen entende Galiza sen ducias de editoras que dan vida ás alfaias de novo, dignas herdeiras –logo así– do ronsel deixado por Céltiga, Lar, Nós,…? Quen saborea dozura cando esas e outras enormes “pequenas” casas poderían fechar mañá as súas cancelas? E coas librarías, canles polas que conseguimos o mel literario? Estamos de rebaixas,… ou en LIQUIDACIÓN por peche? Deberase preguntar en “industria”, en “cultura”, en “lingua”, no INEM,… Igual son eles os nosos xefes e nós non nos decatamos,… Igual a patronal ideou a deslocalización da nosa cultura para chantala sen regadío no país de ningures.
Don Celidonio “é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza”.
Continúase co peche do círculo, co peche de ciclo, co cadeado e co grillón que nos resta pés para andar por camiño seguro e vieiros de antano,… polas liñas da certeza e do acerto, polos versos do compromiso e da lealdade a este recuncho do Atlántico, baluarte da nosa historia e da nosa identidade. Perdón, desculpen logo,… sentímolo moito, mais por aquí non rendemos preitesía, nin bicamos mans, nin pousamos o xeonllo en terra para sacarmos o chapeu e saudar ao amo… A reverencia só é para a Palabra, que se verte libre en torrente e manancial de saúde dende o maxín até a tórculo, dende a man que comeza a escrita até a letra impresa. Só guindamos caraveis á lingua de noso, á voz de antano, ao namoro do galego, ao amorodo nos beizos ao saborear os 150 anos dos Cantares de Rosalía.
Don Celidonio: “adubo de ourego e pemento”.
Queremos medios para sermos nós, e non medos, nin remendos, nin remedios,… Queremos vida onde ten que habela, entre a letra e os seus espazos, entre o son e a escrita, no pano do teatro e na ringleira de carácteres. Queremos ser núcleo e cerna, trabe e alicerces do paraíso comunitario, e escorrentar de vez os que non aman esta Terra porque non a senten dende as veas e dende o peito,… Hai pantasmas no castelo e nós non temos medo.
Seredes culpábeis dos vosos actos.
Seredes responsábeis de abrir a gabia e o nicho.
Seredes furtivos da palabra, homicidas da linguaxe e ladróns. Iso, ladros e ladras da alma comunitaria.
Seredes o que hoxe sodes e do que mañá quizabes vos arrepentiredes.
Seredes,… E por iso para nós non sodes presuntamente inocentes.
Seredes,… unicamente fedor, fenda e ferida; loito, pranto e inxustiza.”
Marzo de 2013, cumpríndose 90 anos de ser elixido Afonso D. Rodríguez Castelao como Director Artístico da revista Nós e a 80 de se crear –xunto con Vascos e Cataláns– o pacto Galeusca.
O retorno ao recital (III): Os festivais
Reportaxe en Cultura Galega:
“Dentro da axenda dos afeccionados á poesía do noso país, hai unha serie de citas que xa se constituíron e clásicos. Trátase de festivais nos que se concentra un bo número de autores e que teñen no recitado o seu eixe. Desde os eventos máis veteranos e masivos, como o Festival de Poesía do Condado, ata propostas relativamente recentes, como Ponte Poética, a pluralidade de voces e o interese pola palabra falada preséntanse como eixes comúns destes encontros.
Son eventos que concentran nuns poucos días un bo feixe de recitais. Segundo os casos, a poesía falada combínase con performances, obradoiros, concertos, mostras ou videocreacións, sempre tomando a poesía como base. Malia a que se fala de que é un xénero literario para minorías no noso país existen varias destas citas, que configuran unha axenda que brilla pola súa calidade fóra das nosas fronteiras e que conta cun nutrido público. (…)
Encol da situación da poesía no país, en xeral os responsables destes eventos son optimistas. “O público aumenta cada ano”, apunta Jorge Cuña, “quizais a poesía non sexa un espectáculo de masas pero si que resulta un acontecemento fundamental na cultura”. O incremento no interese por esta arte compróbano tamén desde a organización do Festival do Condado. Lara Soto apunta que “aínda que temos un público fiel desde hai moitos anos, que se move desde todo o país para asistir, trátase en boa medida dun público que comparte a orientación política do festival, que sempre estivo atento a situación do social do seu momento. No entanto, nos últimos dous anos estamos a ver que medrou o número de xente nova que se achega e se interesa polas actividades, apoiando tanto o festival como as reivindicacións puntuais que fan desde el”. Karlotti, desde Ferrol, salienta que na actualidade “temos xente que é totalmente asombrosa, poetas que poñen a palabra a voar cara a fóra”, e salienta a cidade duns creadores que achegan unha grande calidade ao reciclado. “María Lado ou Lucía Aldao non son só poetas na escrita, teñen unha grande forza cando a len, e ese é un fenómeno moi potente en Galicia”. Coincide con el Sobral, quen sinala que no país “hai un renacemento moi grande da poesía, sobre todo por parte de mulleres novas que pegan forte como María Lado, Lucía Aldao ou Olalla Cociña. En xeral en Galicia hai unha potencia moi forte a nivel poética, e non o digo eu só Gamoneda ou García Montero alucinan con nivel da poesía que se fai aquí”.”
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega asinou un convenio coa Asociación Galiza co Galego
Como asociacións coincidentes no obxectivo dunha educación laica, plural, en valores, de calidade e en lingua galega, ambas entidades acordaron que Galiza co Galego difunda as actividades, publicacións e propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e esta última porá os seus recursos á disposición de GcG e participará nas actividades educativas promotoras da cultura e lingua, dentro da Rede de Ensino Popular.
As persoas asociadas de ambas as asociacións beneficiaranse das actividades e das actuacións conxuntas que acorden.
Galiza co Galego suma así máis recursos para o ensino en galego, pois este convenio vén xuntarse aos xa subscritos coas asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega (NEG) e Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).
