Ourense: Acértalle no corazón, con Yolanda Castaño

“Co gallo do día dos namorados e celebración de San Valentín, un dos maiores referentes da respostería tradicional e creativa galega tras 40 anos de exquisito traballo –a casa Fina Rei- asóciase coa poeta Yolanda Castaño para presentar un produto moi especial. Trátase dunha frecha de chocolate rematada nun corazón, e que leva consigo un poema de amor asinado pola poeta actual santiaguesa-coruñesa, nunha saborosa alianza de versos e chocolate dirixidos a esa persoa querida. Baixo o lema Acértalle no corazón, vén de editarse ademais un cartel conmemorativo da frutífera colaboración culinario-literaria.
Para dar a coñecer este produto creativo tan orixinal, convócase unha presentación aos medios para este venres 8 de febreiro na propio establecemento de Fina Rei en Ourense (rúa da Paz, nº 20) ás 12:00 da mañá. Nel contarase coa presencia de Yolanda Castaño, que dará lectura ao poema escollido xunta os artesáns reposteiros que levan apostando polo galego dende os seus comezos. Unha camaradería de elegancia, bo gusto e exquisitez creativa que demostran que non fai falla facer grandes alardes consumistas ou botar man de culturas alleas para lembrarnos daqueles a quen queremos.”

Ramón Villares: “A cultura danos seguridade e calquera proxecto de futuro terá que levar a marca propia para diferenciarse”

Entrevista a Ramón Villares na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Sendo libros centrados na economía tanto en Galicia como tarefa, como La marginación de Galicia, Valentín dedicaba un amplo apartado á cultura. Cal é a importancia do factor cultural para un proxecto de futuro?
– Ramón Villares: A cultura marca calquera produto, sexa industrial ou manufacturado. É o elemento esencial de algo que no tempo de Paz-Andrade non se coñecía e hoxe denominamos o poder brando, que é ter as calidades que outros quixeran ter e non teñen e polas que te admiran. Se pensamos no que fixo Sargadelos e a estética Díaz Pardo, podémonos preguntar se vendía un anaco de barro cocido ou unha idea de Galicia. Por que se lle pagaba unha vaixela ou unha figura? A cultura ten un grande poder simbólico e foi un acerto de Valentín ter escrito iso e insistir sempre en que o futuro de Galicia e as tarefas pendentes do país tiñan tamén que ver coa cultura. Que a nosa presenza no mundo tiña que levar o pegamento cultural. Claro que había que industrializarse, coutar a emigración, ter aforro rexional e investimento financeiro, que tiñamos que contar con instrumentos e institucións que o facilitasen, pero ao tempo debíase ser consciente de formarmos parte dunha cultura. Unha cultura non só galega senón que se estendía por catro continentes grazas á lingua portuguesa. Foi un acerto moi valioso de Paz-Andrade. Hoxe os economistas recollen moito esa idea de que cultura e institucións son fundamentais. Non se trata só de números, a nosa vida constitúese tamén a través de emocións, sentimentos e paixóns, non só de razón. Entendo que dedicase capítulos dos seus libros á cultura e véxoo como unha lección para a situación actual e futura. (…)”

Anuario 2012: Creactividade

Desde Cultura Galega:
“Acción e crise son palabras fundamentais para definir o panorama cultural do último ano. A sociedade semella tomar o protagonismo con iniciativas anovadoras ante o devalo económico que afecta á cultura. No entanto, non debemos esquecer a retirada de apoios públicos pode comprometer moi seriamente o noso futuro. Repasa o que deron de si na cultura os últimos 12 meses no noso Anuario 2012. (…)
Canda a isto, a celebración do Día das Letras dedicado a Paz Andrade contribuíu a soster a perspectiva, xa consolidada nos últimos anos, de pensarmos a vertente internacional da nosa lingua ao tempo que incidiu na consideración da cultura como unha industria cun importante potencial económico. De xeito semellante, as celebración do centenario de Eugenio Granell lembrou as conexións mundiais da creación feita no país mentres o Ano Celso Emilio amosou a actualidade da poesía social. Acaba o ano en puntos suspensivos para un decreto sobre o galego no ensino cuestionado desde os tribunais e mais para unha Cidade de Cultura que inicia a súa enésima reorentación, cun futuro aínda por determinar nos dous casos. Tamén queda pendente de verificar o futuro das políticas públicas a respecto do ámbito audiovisual, logo das importantes mudanzas institucionais que sofreu sector coa supresión do Consorcio. (…)
É nese longo prazo onde se xoga o futuro. Ollamos como, en certo xeito, a iniciativa privada (e social) toma o relevo da pública. Increméntase o número de axentes activos a pequena escala, con traballo en rede, con novos xeitos de pensar e de facer. No entanto, non se pode perder de vista que o investimento público en cultura permite formatos, orientacións e magnitudes difíciles de cubrir desde un ámbito privado que acusa os problemas económicos. Nese sentido, o público está chamado a cumprir un importante papel de I+D que permite a creación de públicos, a formación de profesionais e a proxección internacional, entre outras cuestións. Na mesmas xógase realmente o potencial xa non só económico da cultura, senón a súa capacidade identitaria e a propia creatividade da nosa sociedade. En momentos cruciais coma este, non cabe dúbida de que estamos a xogar o futuro. Os falecementos de persoeiros Díaz Pardo ou de Xaime Illa Couto nun ano coma este non deixan de ser simbólicos. A cultura fica orfa de grandes figuras que definiron o noso país en tempos complexos. Cómpre agora xente para continuar a construción.”

A folga de fame contra a condena a tres sindicalistas supera os 10 días tras unha fin de semana solidaria do mundo da cultura

“A folga de fame contra a condena a prisión a tres sindicalistas que participaron nun piquete en 2009 cumpriu este luns, 3 de decembro, 10 días despois dunha fin de semana no que o mundo da cultura amosou unha vez máis a súa solidariedade coa clase traballadora galega. A sexta quenda, formada polo secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, e por Marcos Sánchez, da CIG-Construción de Ferrol, permanecerá sen comer até o vindeiro mércores ao mediodía. As mostras de solidariedade do mundo da cultura e de distintas organizacións políticas e sociais e as foron a tónica xeral da segunda fin de semana na caravana instalada fronte á Audiencia Provincial de Pontevedra. Escritores/as como Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz ou Xavier Alcalá, ademais do presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, visitaron os folguistas o domingo. Tamén se achegaron representantes da Asociación Socio Pedagóxica Galega (ASPG) e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Ademais, os músicos e escritores Xurxo Souto e o Leo i Arremecághona aproveitaron a visita solidaria para amenizar a protesta coa súa música.” Desde a CIG.

As librarías que veñen

“Chegan novos tempos para as librarías. A crise propia do sector, que se suma á fonda recesión económica, está a obrigar a buscar novas vías de negocio ou ben a fechar. Malia ao sombrío panorama, nos últimos anos continúan a abrir novos establecementos, que apostan ademais por xeitos diferentes de enfrontar a relación co libro e co lector. Falamos con algúns deles. É ben sabido que o sector libreiro pasa por unha fonda e prolongada crise. A diminución de vendas está a provocar a desaparición de establecementos de referencia, como é o caso da libraría Michelena en Pontevedra ou a Colón na Coruña. Canda a isto, son moitos os que teñen problemas para sobrevivir, como denuncia periodicamente a Federación de Libreiros. Recentemente, o Simposio O Libro e a Lectura da Asociación de Editores reflexionaba sobre esta problemática, apuntando posibles propostas para renovar o sector. No medio desta desacougante situación continúan a xurdir novas iniciativas que se suman aos centros de venda de libros do noso país. (…)”. Desde Cultura Galega.

Santiago: VII Xornadas de Cooperación, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O venres 30 de novembro, no Edificio Cersia (San Lázaro, Rúa Raimundo López Pol, s/n) de Santiago de Compostela, celébranse as VII Xornadas de Cooperación, organizadas por Igadi – Secretaría do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que cumpre 15 anos de compromiso local coa solidariedade internacional. Aquí pode descargarse o programa: VII Xornadas de Cooperación 2012.

Víctor F. Freixanes: “A democracia tecnolóxica é unha grande mentira, canto máis ruído informativo máis garantía de non sabermos de nada”

Entrevista a Víctor F. Freixanes na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa (XC): En 1985 Paz-Andrade fixo o pregón da Feira do Libro de Vigo. Sostiña que os libros eran “a columna vertebral dunha cultura, medulada por unha lingua”. Segue vixente esa idea trinta anos despois? Cal é o estado da cuestión hoxe e que futuro ten o libro no medio desta treboada económica?
– Víctor Freixanes (VF): A industria editorial é unha das grandes industrias culturais do mundo. En España só esta por diante a televisión. Cunha facturación de case 3.000 millóns de euros anuais está a anos luz da radio (600 millóns) ou do cine, agora en caída libre, do que moito se fala pero só move da orde dos 300 millóns ou da prensa que factura 1.600 millóns por ano. No mapa simbólico das empresas de comunicación o libro representa o corazón da memoria, da estabilidade, da tradición, da identidade do grupo social e o acceso individual e culto ao coñecemento e á información. Es ti quen le un libro, mentres a tv responde ao consumo masivo. Esa característica do libro dálle forza de columna vertebral, ou nas palabras de Manolo Bragado, das que sempre me apropio, o libro é o pan da cultura. Cada vez máis detrás dunha película ou dunha serie de tv ou un cómic está un libro, unha historia contada en palabras. Como vai ser ese libro no futuro? Poderemos ler tamén en pantallas, pero a clave sempre estará na lectura, no acceso á información e o coñecemento a través do código que significa o alfabeto e a cultura. Aquelo que dicía o filósofo de que pensamos con palabras é certo, e a capacidade de organizar o pensamento está na linguaxe e a linguaxe está no texto, non na percepción sensorial ou emocional da imaxe ou no impacto da cultura do audiovisual que sendo importante é distinto. (…)
– XC: O libro como esqueleto dunha cultura, e dentro disto a lingua. O balance destes 35 anos democráticos é vizoso en moitos sentidos, pero cal é o futuro, porque hai unha incerteza, unha sensación de abismo.
– VF: O 99% da edición galega está feito de 1975 a hoxe, pero a sensación de futuro incerto é real e témola moitos. Se miras para atrás dáste conta que en apenas tres décadas o salto foi moi grande, en termos políticos, económicos, sociais, educativos e culturais. Con liberdades democráticas, con descentralización política, por limitada que se poida considerar, e polo tanto da xestión da autonomía e o que supuxo en termos de autoestima, porque houbo moita xente que descubriu Galicia neste tempo, e coa entrada na Unión Europea que agora pasa factura pero deixou miles de millóns que quizais non foron ben aproveitados. Produciuse tamén unha crise de crecemento e agora estamos na fase do sálvese quen poida do neoliberalismo. A acumulación trouxo consigo un cambio de valores: a nosa xeración alimentouse dun discurso épico da política e iso modificouse por completo, na maioría dos sentidos nós fomos de menos a máis e criamos unha xeración de rapaces e rapazas en xeral instalados na idea de que todo é posíbel collelo e é accesíbel sen maior esforzo. En termos de cultura e lingua galega houbo unha especie de renuncia a seguir construíndo pensando que era un edificio xa rematado. Nunha cultura castigada historicamente, que arrastra moitos prexuízos, aínda hai moito que consolidar, e o esforzo que fixemos temos que continualo porque non hai posíbel marcha atrás. Hai que pasar o Cabo de Fornos para chegar a outro mar pero a travesía vai ser moi dura: en facturación o sector do libro galego está hoxe con cifras menores que en 2005, pero mantendo a mesma produción sen apoios institucionais ou con algúns envelenados, como aqueles que che obrigan a facer un libro en 2012 para que o entregues en 2013 e o cobres en 2014. Algunhas editoras poden estar pechadas cando lle cheguen esas axudas que xa gastou.”

A AELG apoia a convocatoria de folga para o 14 de novembro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega apoia a convocatoria de folga para o mércores 14 de novembro, polo que esta Axenda Cultura non recollerá actos dese día.

Os horarios das manifestacións conxuntas son os seguintes:
– A Coruña: 12:00 h. Praza da Palloza – María Pita.
– Ferrol: 12:00 h. Praza do Inferniño – Praza de Armas.
– Santiago de Compostela: 12:00 h. Praza Roxa – Praterías.
– Ribeira: 12:00 h. Estación de autobuses – Praza do Concello.
– Lugo: 12:00 h. Edificio de sindicatos – Praza de Santa María.
– Monforte de Lemos: 19:30 h. Praza de España – Praza da Estación.
– Burela: 12:00 h. Estación de servizo Vista Alegre – Praza do Concello.
– Ourense: 12:00 h. Pavillón dos Remedios – Subdelegación do Goberno.
– Pontevedra: 12:30 h. Praza da Ferrería – Praza de España (Concello).
– Vilagarcía de Arousa: 12:00 h. Casa do Mar – Praza de Ravella.
– Vigo (central): 11:30 h. Praza de España – Praza de América (As Travesas).

Xabier P. DoCampo: “A democracia, neste momento, está nas rúas”

Entrevista a Xabier P. DoCampo en Praza:
“(…) – Praza (P): O país adormentado é unha reedición dun libro de primeiros dos 90. Pero parece que foi escrito agora: un pobo paralizado polo medo…
– Xabier P. DoCampo (XPD): É certo, cando me puxen a revisalo tiven esa sensación. O gran tema do libro é o medo, e en concreto a utilización do medo como instrumento de poder, de dominio e de manipulación da xente, que é o que está sucedendo agora. Como é posible que non reaccionemos ante o que está a pasar? Se cadra por medo a que todo sexa aínda peor. É o sentido desa frase terrible: “os vosos fillos serán a primeira xeración que viva peor que os seus pais”. O poder sempre vai querer que durmamos, que non reaccionemos, e eu quero chamar á reacción, a espertar. (…)
– P: Si, claro que falaremos de libros. A nova novela xuvenil que vas publicar é unha homenaxe aos relatos sobre illas, non si? Xa antes fixeras algo así, como en Un conto de tres noites
– XPD: É un tributo ás novelas sobre illas. Pola miña idade, pola miña formación literaria, a novela da miña vida foi A illa do tesouro. Robinson, as illas… representan o topos máis esencial da novela de aventuras. Este verán fun a un seminario no que se falou da morte e o amor como os grandes misterios da vida: o eros e o thanatos. E o abandono nunha illa é como a morte, o desamor. Nesta novela, uns nenos pérdense nunha illa, e van atopando unha serie de personaxes que son os heroes deste tipo de novelas. Situei a illa ao norte da costa de Lugo…
– P; Tamén traballas nunha novela para adultos. Ten xa título? Ten que ver, segundo lle explicaches a Alberto Ramos, con arranxar contas con todo o que fai de nós o que queren que sexamos. As estafas ás que nos someten.
– XPD: Aínda non ten título. Levo xa once anos traballando nesa novela. Ten que ver co camiño que escollemos na vida, polos motivos polos que somos como somos. Quixen reflexionar sobre iso. Sobre o medo, sobre o mal que se instala no corazón da xente no lugar que tería que ocupar a bondade… (…)
– P: Pero agora edítase menos. E hai menos teatro -ti tamén fixeches teatro-. É pola crise ou, como dixo alguén, por un intento de retirar da escena pública os artistas galeguistas para que non sexan referente social?
– XPD: Creo que é unha boa definición esa que dis. O teatro e as pancartas eran os únicos espazos que quedaban para a hexemonía do galego. Entón empezaron a tentar convencernos de que o teatro que non se escribía en galego tamén era galego. E pregúntome que beneficio pensan que van tirar con esa desgaleguización. Como dixen, quedarán no recanto máis cego da historia.”