Homenaxe “Os Bos e Xenerosos” á AS-PG

Debido a obrigas profesionais inaprazábeis por parte da organización, participantes e asistentes, a Aelg vese na inevitábel obriga de adiar para o SÁBADO DÍA 12 DE ABRIL a Homenaxe “Os Bos e Xenerosos” que se lle ía ofrecer á Asociación Socio-Pedagóxica Galega o 29 de marzo próximo.
Por tanto, o acto de recoñecemento público desenvolverase co mesmo programa o SÁBADO 12 de ABRIL, a partir das 11:45 da mañá, no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (Rúa Valle Inclán, s/n).
Desta maneira, alárgase tamén o prazo para se apuntar para o xantar de confraternidade que que compartiremos no restaurante do Hotel Porta do Camiño (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n), a partir das 14:30. Podedes confirmar a vosa asistencia ata o 8 de abril en oficina@aelg.org ou no
teléfono 981 133 233, de 09:00 a 14:30 ou de 17:00 a 20:00. O prezo do menú, que se pagará no propio restaurante, será de 28€.

Acta do xurado do XIII Premio “Vicente Risco” en ciencias sociais

«Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez Risco-Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco), e Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco e Fundación Sotelo Blanco), acordou por maioría:

1.-Valorar a calidade científica dos traballos presentados.

2.-Conceder o XIII PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co título A PESCA FLUVIAL TRADICIONAL EN GALICIA. CANEIROS, PESCOS E PESQUEIRAS. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Xosé Lois Ladra Fernández, domiciliado na Coruña.

Con gran rigor metodolóxico, cunha bibliografía actualizada e con excelente manexo das fontes documentais, o autor realiza unha oportuna investigación multidisciplinar sobre as pesqueiras ou caneiros de Herbón (Baixo Ulla), de Portomarín (Alto Miño) e Arbo (Baixo Miño) desde varias perspectivas complementarias: histórica, etnográfica, antropolóxica, arquitectónica, ictiolóxica, toponímica e lingüística.
O xurado espera que a difusión deste traballo contribúa a que a Xunta de Galicia declare Ben de Interese Cultural as devanditas pesqueiras, para así contribuír á revalorización da arquitectura tradicional dos ríos de Galicia.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora será publicada por Sotelo Blanco Edicións.

Xosé Lois Ladra Fernández (A Coruña, 1972; tlf: 676 862 924) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense e licenciado en Antropoloxía Social e Cultural
pola UNED. Profesionalmente desenvolve a súa actividade como arqueólogo e como investigador na área do patrimonio etnográfico galaico-portugués.

En Santiago de Compostela, a 8 de marzo de 2008»

Próximos actos literarios do Liceo de Ourense

O Liceo de Ourense programa para a semana próxima unha programación intensa, que ofrecemos a modo de avance:

Martes, 11 de marzo.
Organizado pola Sección de Literatura: Xornada adicada á memoria de Manuel Curros Enríquez no I Centenario do seu pasamento

12:00 horas. Colexio Curros Enríquez: Ofrenda floral e Recital diante da Estatua do Poeta polos Alumnos do Colexio. Intervención de Marcos Valcárcel.

20:15 horas. Salón Nobre do Liceo de Ourense: mesa redonda “Vida e obra de Curros Enríquez”. Interveñen Xesús Alonso Montero, Antonio Piñeiro e Marcos Valcárcel.

Mércores, 12 de marzo
Organizado pola Sección de Literatura: Xornada literaria “A Muller e a Poesía”.

20:15 horas. No Salón Nobre da Sociedade, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora: recital póetico-musical a cargo de Teresa Devesa e Loly Conde.

(Liceo de Ourense)

Presentarase en Compostela Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual

O 28 de febreiro, ás 20:00 horas e na libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, presentarase a obra Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual (Sotelo Blanco Edicións, col. Diáspora Investigacións), coordinada por Xosé Manuel Cid Fernández, Xoán Carlos Domínguez Alberte e Raúl Soutelo Vázquez. Intervirán Francisco Xosé Fernández Naval, Juan Manuel Rey Rey , Xosé Manuel Cid, Julio Miras Amor e Olegario Sotelo Blanco.

O colectivo de galegas na diáspora Herbas de Prata convida a escoller dúas mulleres para distinguilas no Día da Muller 2008

«As suxestións chegadas pola xente ao enderezo electrónico do colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata determinaron seis mulleres entre as que se atopan os dous nomes que levarán este mes de marzo -por segundo ano consecutivo- a distinción Virxinia Pereira e a distinción Rosalía durante o acto polo Día Internacional da Muller que o colectivo vai realizar na Asociación de Residentes de Vigo o 8 de marzo ás 19.30.
Para quedar coa distinción Rosalía (que simbolizan cunha roseira para a homenaxeada) que agradece a esas mulleres que levan unha vida de loita pública nalgunha causa nobre foron postuladas a sobranceira actriz Maruxa Boga, que ao longo de 45 anos conduciu a audición “Recordando a Galicia” que escoitaban milleiros de emigrados da Arxentina. Tamén quedou na lista a cantante e profesora Graciela Pereira, fundadora da asociación Os Gromos que sementa amor pola cultura galega en nenos arxentinos. E dende Galiza chegou a proposta de homenaxear a memoria de María Miramontes, dona e sostén económico e político de Ánxel Casal, que se exiliou na Arxentina, e morreu en Bos Aires no ano 1964.
O ano 2007 esa roseira quedou nas mans -por votación aberta- da nai da Praza de Maio Dionisia López Amado á que todos alcuman “la gallega de la zona norte”.
Por outra banda, Herbas de Prata entregará o recoñecemento bautizado Virxinia Pereira (representado por unha cameleira para a muller que o leve) para facer público o traballo anónimo desas galegas que co seu labor privado, contribuíron ao desenvolvemento dos seus e souberon sementar neles o amor e o respecto pola súa orixe galega. Nesta categoría, as candidatas son a señora Lola Fernández, que quedou viuva moi nova e soubo sair adiante cos seus fillos con moito compromiso coas tradicións galegas o que explica que os seus sexan os fundadores dunha das asociacións mais activas da colectividade galega en Bos Aires, a Fundación Xeito Novo.
Tamén nominada nesta categoría foi a escritora Josefa Emilia “Pepita” Sabor, que ten 91 anos e é unha referente no ámbito da Bibliotecoloxía no país. Neste momento, está sendo tratada dunhas doenzas propias da idade nun xeriátrico e ainda que ten o recoñecemento dos bibliotecarios arxentinos, non foi visibilizado o seu compromiso coa terra na que naceu. Por último, foi proposta nesta categoría a señora Isabel Varela, que ten unha historia de emigración e de loita pero tamén de traballo xeneroso en dúas institucións da colectividade: a Federación de Sociedades Galegas e na Sociedade Fillos do Axuntamento de Boiro na Arxentina. Mesmo sen ter un recoñecemento en proporción ao seu traballo, como si teñen os seus compañeiros homes, Varela é coñecida por moitísimos emigrantes aos que axuda asesorándoos sobre os seus dereitos.
O ano 2007 a cameleira que representa esta distinción foi para María Rosa Iglesias, una compostelá chegada a Bos Aires con 5 anos que é nai do historiador Ruy Farías Iglesias.
Os recoñecementos xurdirán da votación aberta e pública no blog de Herbas de Prata dende o luns 25 de febreiro e serán entregados durante o acto polo Día Internacional da Muller 2008 que se vai realizar na Asociación de Residentes de Mos o sábado día 8 de marzo ás 19.30.
Herbas de Prata instaurou o ano pasado a entrega de estes recoñecementos como xeito de botar luz sobre esas mulleres que na súa labor visible ou privada colaboraron e garantiron a pervivenza da cultura galega na Arxentina.
A asociación civil Herbas de Prata xurdiu no ano 2007 en Bos Aires coa intención de achegarse ás galegas da diáspora para pensar e traballar por e para elas. O colectivo está integrado por persoas de todas as idades e de todas as profesións que, de xeito transversal ás institucións e asociacións da colectividade galega na Arxentina e tamén fora dela, buscan abrir posibilidades de debate e proxectos colectivos enfocados nas galegas.
Xa están as seis candidatas e agardan polo voso voto. Máis información en herbasdeprata@gmail.com» (Herbas de Prata)

Preséntase na Baña Son para a “Unión Barcalesa de La Habana” (1907- 2007), de X. Amancio Liñares Giraut

No Salón de Actos da Casa da Cultura da Baña o 20 de febreiro, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación do libro Son para a “Unión Barcalesa de La Habana” (1907- 2007) (tresCtres Editores), de X. Amancio Liñares Giraut. No acto intervirán Carlos Sixirei Paredes, Carolina García Borrazás, Paz Gago Gómez e o propio autor.

ARREDEMO e BURLA NEGRA organizan un espectáculo en defensa da Ría de Ferrol

Este sábado 2 de febreiro, ás 20:30 horas, o centro sociocultural Torrente Ballester (Ferrol) acollerá o espectáculo colectivo ULTRANOITE en defensa da Ría, producido pola rede de acción sociocultural Arredemo e Burla negra, a modo de homenaxe aos veciños de Mehá e á xente do Comité Cidadán de Emerxencia, e como denuncia da actitude servil a intereses económicos particulares manifestada polos gobernos da anterior e da actual lexislatura, e que se traducen na imposición da planta regasificadora contra os intereses da cidadanía e do ben común.
O espectáculo que está programado para o sábado 2 ás 20:30 horas, contará coa participación, entre outros de: Chévere (Mónica García, Miguel de Lira, Xesús Ron…), Carlos Santiago, Espido (Guadi Galego e Guillermo Fernández), o Mago Romarís, Os da Ría, Clara Gayo, A Caricia da Serpe (Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo), Volta e dalle (Pepe Penabade, Comba Campoy…), o colectivo de circo Pista Catro, Rebeca Montero, e os músicos Bernardo Martínez, Xoan Piñón, Xaquín Blanco, Suso Alonso e Xabier Olite, coa actuación estelar das “cantareiras e cantareiros de Mehá”.

Convite do Ateneo Ferrolán para o Día da Paz

«Como todos os anos, con motivo do Día da Paz, o próximo día 30 de xaneiro, convocámosvos a un Maratón de Lectura a partir das 18:00 horas no Ateneo Ferrolán. A convocatoria é aberta e de lectura libre de textos, poesía, teatro, escenificacións, …. só tedes que anotarvos na secretaría do Ateneo Ferrolán. Animádevos!» (Ateneo Ferrolán)

Inauguración da exposición ART-NATURA na Coruña

A exposición Art Natura, na que participan máis de 140 artistas e escritores galegos coa temática da defensa do medio natural, inagúrase este xoves 24 ás 20:00 horas no Edificio do Palexco, na Coruña. Poderase visitar entre os días 24 de xaneiro e 14 de febreiro. Á inauguración da exposición asistirán membros de ADEGA, da corporación municipal do Concello da Coruña e artistas participantes. A mostra realízase coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello da Coruña e as consellerías de Cultura e Medio Ambiente. (ADEGA)
Entre as plumas figuran: Marilar Aleixandre, Glauco Antonio Amigo, Rosa Aneiros, Xurxo Borrazás, Darío Xohán Cabana, Fernando Cabeza, Francisco Castro, Olalla Cociña, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Xoán Carlos Domínguez, Rosa Enríquez, Lobato, Yolanda López, Xulio Valcárcel, Ramón Loureiro, Xosé Miranda, Teresa Moure, Xesús Pereiras, Vicente Piñeiro, Xesús Rábade, Henrique Rabuñal, Daniel Salgado, Xavier Seoane, Xosé Vázquez Pintor, Miro Villar, Helena Villar e Alfredo Ferreiro.