Mondoñedo: II Encontro Álvaro Cunqueiro, os 1 e 2 de xullo

Aparece un poema descoñecido de Manuel María, publicado por Camilo José Cela

Desde Sermos Galiza:
““Nunha ocasión, tiven oportunidade de ensinarllo ó propio Manuel María e confesoume que nin el mesmo o conservaba”, explica o profesor Xesús Fernández Acevedo no seu blog eltoupoquefuza, soporte que escolleu para publicar o poema do autor nado en Outeiro de Rei que ficaron fóra da súa Obra poética completa, publicada en dous volumes por Espiral Maior tres anos antes da súa morte, é dicir, coa supervisión do propio autor.
“Ë moi probable que el mesmo revisase a edición e que o feito de deixar fóra algúns textos fose unha decisión persoal consciente”, apunta Fernández Acevedo mais, sen embargo, defende que a calidade do poema merece “saír do tobo no que está abandonado”.
O poema saíu publicado nunha separata do número XI correspondente a febreiro de 1957 de Papeis de Son Armandáns, dirixida por Camilo José Cela en Palma de Mallorca. O exemplar que manexa o profesor de Ribadeo trátase do número 40 dunha tirada de tan só 50 exemplares. A publicación inclúe a tradución ao castelán asinada por M. T. e autorizada polo propio autor.
“O poema é un texto dirixido a unha moza que está lonxe, porque a bota de menos. Trátase, seguramente, de Saleta Goi, a quen coñecera en 1956 e coa que casaría no 59. A sensación de ausencia acentúase pola presenza do outono, unha estación á que Manuel María lle prestou bastante atención nas súas composicións, ata o punto de dar título a un libro, no cal non sabemos se está incluído o texto ó que nos referimos. Outono, distancia, soidade…”, explica Xesús Acevedo no seu blog.”