Cunqueiro. Estación Mondoñedo

Cunqueiro: estación Mondoñedo é un ciclo de actividades culturais en homenaxe ó escritor Álvaro Cunqueiro, cun programa variado sobre a súa figura e a súa obra: teatro, poesía, gastronomía, vida tabernaria, maxia, fantasía, imaxinación, deseñado por aCentral Folque para o Concello de Mondoñedo.

Gondomar: recital poético, concerto e representación teatral en homenaxe a Álvaro Cunqueiro

O venres 16 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, terá lugar un recital poético de textos de Álvaro Cunqueiro a cargo de Marta Dacosta e Rexina Vega, concerto musical baseado en textos de Cunqueiro a cargo de César Morán, acompañado polo contrabaixo de Alfonso Morán, e representación do prólogo do Incerto señor don Hamlet a cargo do grupo Non si Teatro. O acto está organizado pola Sección de Lingua e Literatura do Instituto de Estudos Miñoranos.

Carballo: Memorias das Memorias dun neno labrego, por Cándido Pazó

O xoves 15 de setembro, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura (Rúa do Pan) de Carballo, e dentro das actividades do 35º aniversario da Asociacion Cultural Lumieira, terá lugar a representación de Memorias das Memorias dun neno labrego, a cargo de Cándido Pazó, no 50 aniversario da primeira publicación do libro de Xosé Neira Vilas. Vía Fervenzas Literarias.

Presenza galega no libro Performing Poetry

A repercusión internacional da literatura galega continúa coa publicación do libro Performing Poetry. Body, Place and Rhythm in the Poetry Performance, publicado por Rodopi, con Cornelia Gräbner e Arturo Casas como editores dun conxunto de traballos sobre as perfomances poéticas desde a perspectiva da teoría literaria. O volume recolle aportacións en diversas linguas, entre elas a galega, con textos do propio Arturo Casas, María do Cebreiro e Chus Pato.

VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organiza o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, que chega á súa sexta edición, desta volta co lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise. Os/as autores/as falarán da súa obra persoal e as súas expectativas perante a grande crise (galega, española, europea; literaria, social, de comunicación, de visibilidade…, etc.) na que estamos e como saír dela. Os actos celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, ás 12:00 horas. O programa é o seguinte:

– Xoves 6 de outubro. Mesa redonda de narrativa. Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias. Presenta Camiño Noia.

– Xoves 20 de outubro. Mesa redonda de poesía. Marga do Val e Emma Pedreira. Presenta Anxo Angueira.

– Xoves 3 de novembro. Mesa redonda de teatro. Afonso Becerra e Quico Cadaval. Presenta Manuel Forcadela.

Filmanova levará ao cine a obra Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal

“Cinco anos tivo que esperar o dramaturgo Rubén Ruibal para ver a súa obra máis recoñecida e premiada sobre un escenario. Limpeza de sangue, co Premio Álvaro Cunqueiro e co Premio Nacional de Teatro, non fora representada até que a compañía Espello Cóncavo a converteu en realidade a temporada pasada. (…)
A produtora Filmanova está a desenvolver o proxecto para que a obra teatral escrita por Ruibal chegue á gran pantalla. Polo momento, a futura película está nunha fase inicial e estase a levar a cabo a adaptación do guión. “Jacobo Paz está a traballar no guión e imos a facer todo co máximo respecto á historia do texto orixinal. Imos facer unha película cuxa produción sexa 100% galega”, explica Antón Reixa, de Filmanova, que engade que a intención da produtora é comezar a rodaxe “en 2012 ou en 2013, como moi tarde”.” Vía Xornal. Tamén en El Progreso.

A Coruña: actividades do venres 5 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas do venres 5 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que estará aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

18:30 h. Presentación do libro infantil O espantallo, de Xosé Agrelo, publicado pola editorial Toxosoutos.
19:30 h. Presentación do libro Guerra civil. Que pasou en Galicia e en España, de Federico Cocho, publicado por Xerais. Xunto ao autor, participan Carlos G. Reigosa e Manuel Bragado.
22:30 h. Recital no Handicap Café (Rúa Salgado Somoza, esquina Curros Enríquez), na Coruña: A noite de poesía: Os fillos de Mary Shelley, coa participación de Yolanda Castaño, Luis Alberto de Cuenca, Luisa Castro, Pedro Ramos e Fernando Marías.

A Coruña: actividades do xoves 4 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o xoves 4 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, ubicada, como cada ano, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que permanecerá aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

18:30 h. Presentación da obra gañadora no Premio Barriga Verde 2010, para textos dirixidos para monicreques (modalidade infantil), titulada Fábula galénica, obra de Inacio, escritor, director e fundador da compañía de monicreques Fantoches Baj, que, ao tempo, fará unha lectura narrada da súa obra para os máis pequenos.
19:00 h. Carlos Vázquez Padín asinará exemplares do seu libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, publicado por 2.0 Editora, na colección Supertextos.
19:30 h. Presentación da novela Noah Barleywater escapa da casa, de John Boyne, publicada por Faktoría K. Participará no acto o tradutor do libro, Carlos Acevedo, e un representante da editorial.
20:30 h. Galaxia presenta o libro Cociñando ao pé da letra. Participarán no acto Yolanda Castaño, Andrea Costas, coordinadoras do mesmo, Víctor F. Freixanes, en representación da editorial, e dous escritores que cociñan no libro: Xabier P. DoCampo e Lucía Aldao.
21:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.

Cándido Pazó leva Memorias das memorias dun neno labrego, baseado no texto de Xosé Neira Vilas, a Río de Janeiro

“A escena galega amosarase por vez primeira no Festival de Teatro en Língua Portuguesa (FESTLIP) de Río de Xaneiro mediante 4 funcións do espectáculo Memoria das memorias dun neno labrego, un monólogo escénico-narrativo co que Cándido Pazó rende homenaxe ao libro de Xosé Neira Vilas no 50 aniversario da súa primeira publicación. A Agadic da Consellería de Cultura e Turismo e o Consello da Cultura Galega (CCG) copatrocinan a presenza da compañía Abrapalabra Creacións Escénicas con esta montaxe na cuarta edición deste importante encontro tearal que se desenvolve do 20 ao 30 de xullo na cidade brasileira. O espectáculo, dirixido e interpretado polo propio Pazó, onde ofrecerá un total de 4 representacións en distintos escenarios do FESTLIP, concretamente os días 23 e 24 no Teatro Municipal Carlos Gomes e os días 30 e 31 no Teatro Ziembinski. A proposta galega súmase deste xeito á ducia de montaxes procedentes de Portugal, Angola, Mozambique, Cabo Verde e Brasil que integran unha carteleira de máis de 40 escenificacións. O Festival, destinado fundamentalmente a promover o intercambio teatral entre países de lingua portuguesa, presenta unha intensa programación que se completa con mesas de traballo e debate, unha exposición fotográfica, concertos e unha mostra gourmet.” Vía Xornal de Galicia. Tamén en Cultura Galega.

A Coruña: actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro

O martes Fuso Negro28 de xuño, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, terá lugar unha nova actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro, no que Xoán Abeleira (voz e percusión), Karlos Barral (percusión), Bruno Couceiro (batería), Julio Cuns (guitarra) e Kale Thunström (baixo) e Tono Galán (obras, escenografía, fotos, vídeos…), fusionan música, teatro e poesía de vangarda.