Aumenta substancialmente a contratación de teatro galego

«Valencia, Madrid, Castela e León, Castela A Mancha, Murcia, Euskadi, Aragón e Cataluña así como as localidades portuguesas de Estarreja, Moita e Porto programarán nos vindeiros meses un total de 143 funcións de teatro e danza galegas. Este é un dos froitos acadados na Feira Galega das Artes Escénicas 2008, recentemente pechada cun balance moi positivo.» (A Nosa Terra)

Rubén García será soterrado hoxe en Ribadavia

Rubén García, un dos nomes clave do activismo teatral galego, será soterrado hoxe cunha bandeira republicana nunha cerimonia civil en Ribadavia.
«O mundo do teatro galego espertou onte conmocionado pola morte de Rubén García, director do Mostra de Teatro (MIT) de Ribadavia e un dos pioneiros no impulso das artes escénicas no país. En Ribadavia, a súa vila natal, o Concello decretou dous días de loito oficial. O edil de Cultura, Anxo Collarte, asegurou que a noticia causou “gran conmoción” en toda a comarca do Ribeiro e mesmo fóra dela, xa que era “moi coñecido no mundo cultural e sobre todo teatral”.
O responsable da MIT e da Feira Galega do Teatro até o ano pasado, premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega do 2008, faleceu a última hora do martes, aos 57 anos […]». (Galicia-Hoxe)

“Entre dous séculos”: III Encontro de Novos Escritores

III Encontro Escritores NovosOs días 26 e 27 deste mes terá lugar no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña), coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e da Deputación da Coruña, o III Encontro de Escritores/as Novos/as. Dase así continuidade a esta actividade cuxa segunda edición tivo lugar en 2002. Á volta de seis anos é tempo de que, co lema Entre dous séculos, teñamos ocasión de revisar a creación máis nova do noso sistema literario, concretamente a daqueles/as autores/as que comezaron a publicar desde os noventa até o día de hoxe.

Entre dous séculos, polo tanto, é un xeito de situármonos. Un espazo dende o que dialogar, con voz propia, sobre os diferentes camiños que os novos creadores e creadoras van tomando na escena da nosa literatura.

Programa

Venres 26 de setembro 2008

12,30 horas. Presentación
No Museo de Belas Artes da Coruña (rúa Zalaeta s/n)
Interveñen: Rubén Cela (director xeral de Xuventude) Cesáreo Sánchez (presidente da AELG) e Antía Otero (vicepresidenta da AELG).

16,00-18,00 horas. Mesa
No Pazo de Mariñán
Baixo o título de “Cartografías literarias no novo século” interveñen: Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal. Coordina María Xesús Nogueira.

18,30-20,30 horas. Mesa
No Pazo de Mariñán
Baixo o título “Presenza e invisibilidade das/os escritores/as na sociedade actual” interveñen: Ana Acuña, Iolanda Aldrei e Samuel Solleiro. Coordinadora, Elvira Riveiro.

Sábado 27 de setembro 2008

9,45-11,45 horas. Mesa
No Pazo de Mariñán
Baixo o título “A literatura. Internet e novas tecnoloxías” interveñen: Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez. Coordina Francisco Castro.

12,00-14,00 horas. Mesa
No Pazo de Mariñán
Baixo o título “Literatura, sociedade, nación” interveñen: Carlos Negro, María Reimóndez e Rafa Villar. Coordinadora, Marta Dacosta.

18,00 horas. Recital Poético
No Museo de Belas Artes (entrada de balde até completar aforo)
“Antes mort@s que solemnnes”: espazo onde amosar outras caras da palabra. Interveñen; María Lado, Lucía Aldado, Emma Couceiro, Celso Sanmartín, Estíbaliz Espinosa e O Leo.

Peche do Encontro con García (membro de Dios Ke Te Crew) cantando a Celso Emilio Ferreiro. Mantén Antía Otero.

(Gabinete de Comunicación Aelg – Tfno.: 660 530 525 – Correo-e.: prensa@aelg.org)

Oito editoriais fomentan o galego co apoio de Política Lingüística

«[…] O programa incluirá lectura, música, contacontos, teatro, xogos, pintura e outras actividades gratuítas destinadas a unha franxa de idade que “é onde está o futuro do galego”.

Así, as editoriais participantes, A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais, organizarán diferentes actividades baseadas en temas escollidos por elas que está previsto que cheguen a perto de 50.000 mozos co obxectivo de “formar lectores que serán futuros falantes”. […]» (A Nosa Terra)

A Coruña: presentación da Obra dramática de Francisco Taxes

O martes 16 de setembro, ás 20,00 horas na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés (González Garcés, s/n), terá lugar a presentación do libro Obra dramática de Francisco Taxes (Edicións Xerais de Galicia), con responsabilidade pola edición de Xurxo Taxes Díaz. O acto contará coa participación de Manuel Bragado (director de Xerais), Ramón Nicolás (director da Colección), Xurxo Taxes (editor da obra), Manuel Rivas (escritor) e Ánxela Bugallo (Conselleira de Cultura).

A primeira ópera galega dos últimos 80 anos

«Unha alegoría sobre a fin da vida, entendida como un feito natural, sen excesivas tinguiduras tráxicas. É a cerna de Camiñar polo arame cunha lata de cervexa, a primeira ópera galega que se estrea en 80 anos. O Teatro Colón da Coruña acollerá, o vindeiro 13 de setembro ás 21:00 horas, no seo do Festival da Ópera, este acontecemento histórico.

O compositor Juan Durán e o dramaturgo Manuel Lourenzo son os creadores desta obra. “Foi un encargo de Juan Durán. Díxome que quería un libreto para unha ópera de cámara… Deume unha idea que me pareceu sórdida pero moi bonita… O resultado está publicado en Laiovento”, comentou Lourenzo. […]» (Galicia Hoxe)

Celanova: I Encontros de poesía nova

En Celanova (Casa dos poetas, Celanova), entre o 18 e o 19 de xullo do 2008, terán lugar os primeiros ENCONTROS DE POESÍA NOVA, no contexto do centenario de Manuel Curros Enríquez.
Entre os participantes figuran César Antonio Molina, Luis Alberto de Cuenca, José Antonio de Ory, Miguel Anxo Fernán-Vello, Helena de Carlos, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Baldo Ramos, Paulino Vázquez, Cecilia Quílez, Berta Dávila, José Ramón Trujillo, Emilio Ruiz Barrachina, José Manuel Lucía Megías, Justo Bolekia, Javier Pérez Vazo, Basilio Rodrígez Cañada e Xosé Luis Méndez Ferrín. O encontro finalizará co espectáculo poético-musical QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR, sobre a obra poética de M. Curros Enríquez, pola Compañía teatral Casahamlet e con dirección de Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.