Silvia Penas: “Aos poemas sempre lles falta contexto, temos que imaxinalo nós”

Entrevista a Silvia Penas no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Silvia Penas fixo da poesía imaxe, movemento, sons, música e por suposto palabra. Unha poeta que sorprendeu entre as pioneiras galegas en fusionar a poesía coa escena, co audiovisual ou coa música. Poesía oral que tamén se escribe, ou poesía escrita que se fai oralidade. Silvia ten novo poemario que podemos ler e reler, Retratos de vodas, partos e funerais, publicado pola editorial Galaxia. A entrevista pode verse aquí.”

Susana Sanches Arins: “Unha das cousas máis interesantes da infancia é como lidamos cos medos”

Entrevista a Susana Sanches Arins no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“As cinco corujas protagonistas deste libro andan a aprender a arte do voo. Adoitan estar sempre xuntas e están extremadamente atentas, cos ollos ben abertos. Unha desas Cinco corujas é a autora do libro, Susana Sanches Arins, que nos devolve a unha infancia e unha realidade que moitas vivimos. No seu caso, no Foxo, na casa do mestre. A entrevista pode verse aquí.”

María Reimóndez: “Só cando nos achegamos ao golpe podemos reaccionar”

Entrevista a María Reimóndez no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A perda dun ser querido ten un impacto emocional e vital difícil de xestionar. Furia, de María Reimóndez, presenta a perda en tres mulleres de diferentes idades, que tentan sobrevivir a ela e ao tempo axudarse. Hoxe recibe por esta novela o premio Jules Verne e por iso é a nosa convidada. A entrevista pode verse aquí.”

A feminidade en Mad Men, a estudio por Xosé Antón Cascudo

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Mad Men foi unha das grandes series de televisión da pasada década. Xiraba ao redor do mundo da publicidade nos anos 60 nos Estados Unidos e presentaba toda unha serie de modelos de mulleres moi diversos, desde a ama de casa tradicional ata a profesional con grandes ambicións. Todas estas personaxes femininas son as que analiza Xosé Antón Cascudo no seu libro A mística da feminidade en Mad Men, que foi Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no ano 2022. A súa análise parte dos conceptos feministas da teórica estadounidense Betty Friedan. A entrevista pode verse aquí.”

Francisco Fernández Naval: “Os cetáceos son o corazón e o espírito do mar”

Entrevista a Francisco X. Fernández Naval no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Naceu con máis de cinco quilos de peso, e dado o tamaño da criatura que viña, o doutor Echegoyen acordou cesárea. Cando viron o neno, rosado, fermoso, as enfermeiras dixeron: “Isto non é un neno, é un cachalote”. Foi o primeiro contacto coas baleas nada máis chegar ao mundo. Un contacto e unha fascinación que seguiu de neno e mozo e que levou o home a estudar profusamente estes seres que fixeron o camiño inverso e da terra foron vivir ao mar. O camiño tras os cetáceos que tamén fai o autor, nado na terra de Ourense. Francisco Fernández Naval asina Ser cetáceo despois de 20 anos de estudo. A entrevista pode verse aquí.”

Ana Cabaleiro: “Non escribín un libro de viaxes, pero si que reflexiono sobre o turismo e os xeitos de viaxar”

Entrevista a Ana Cabaleiro no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“En 2006 cando sacabamos moitas menos fotos porque case non usabamos para iso o móbil, acababa de abrir Facebook e poucos o tiñan, e nos falabamos por sms ou por mail, a escritora Ana Cabaleiro fixo realidade un soño contratando unha viaxe cunha axencia singular para pasar a fin de ano no deserto de Mergouza no Sáhara marroquí con case 20 descoñecidos. Entre a vulgaridade do turismo, a descuberta dunha cultura distinta, o feitizo da literatura de viaxes e os propios protagonistas do grupo nace Xa vemos palmeiras, un libro diferente, o cuarto asinado por Ana Cabaleiro. A entrevista pode verse aquí.”

Teresa Moure: “O meu propósito foi facer unha versión feminina e lixeiramente rebelde do Zeca”

Entrevista a Teresa Moure no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Cando era neno Zeca Afonso viviu en África, en Angola e en Mozambique despois. A pegada destes lugares, a súa relación con Galicia, as súas dúbidas, os artistas aos que el admiraba… os amigos que o coñeceron ben… por aí transita esta novela gráfica, moi documentada, pero de ficción. A guionista, Teresa Moure, acompáñanos hoxe para guiarnos por esta proposta orixinal e moi fermosa. A entrevista pode verse aquí.”