Libro aberto, programa do 22 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto o poeta, ensaísta e profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, que falará do seu libro de poemas Ámote vermella. A reportaxe semanal aborda a exposición co mesmo nome, Ámote vermella, conectada con dúas obras literarias: os microtextos de Carmen Blanco publicados en Atracción Total e agora o poemario de Claudio Rodríguez Fer. Este proxecto multisoporte é unha idea inspirada no número Vermellas da revista “Unión Libre”.

O programa analizará ademais a figura de Daniel Mordzinski, tamén coñecido como “o fotógrafo dos escritores”, que retratou a moitos dos grandes nomes da literatura en español, tales como Vargas Llosa, García Márquez ou Cela.

Coma sempre haberá lugar para a crítica literaria. Nesta ocasión, Isabel Soto falará do libro infantil de Manuel Rivas O sombreiro Chichiriteiro, que edita Xerais. Despois, na sección de traducións, Xesús Fraga analizará a obra Do que estou a falar cando falo de correr, do xaponés Haruki Murakami. A lectura desta semana corre a cargo de Constantino Bértolo, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra La cena de los notables. Para rematar, imaxes do documental Lister, pronunciado Liste da académica galega Margarita Ledo Andión. O filme analiza a Europa da Fronte Popular e a España da guerra civil a través da figura do dirixente comunista Líster e das mulleres que formaron parte da súa vida.

Libro aberto emítese mañá mércores 22 de abril á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Libro aberto, programa do 15 de abril

O programa da TVG Libro Aberto entrevista esta semana a Marta Lemos Jorge, autora do libro Unha paixón herdada. Obra ambiental de José María Castroviejo, que se centra na produción xornalística deste autor considerado un precursor do ecoloxismo. Na reportaxe semanal farán un percorrido polos aspectos máis destacados da biografía de Castroviejo, e o seu neto Andrés Douglas Castroviejo e o profesor Xosé M. Salgado analizarán a súa personalidade e produción literaria.

O programa conversará ademais cunha das promesas da literatura en portugués, o escritor angoleño Ondjaki, autor, entre outros, do libro de relatos E se amañá o medo.

Abrirá a sección de crítica Armando Requeixo para falar dos tandems literarios, e despois Laura Caveiro comentará a obra de Jean-Paul Sartre As Moscas, traducida ao galego por Xosé Manuel Beiras.

A lectura desta semana corresponde a Gonzalo Navaza, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa tradución do libro As flores do mal. E para rematar o programa, un clásico do cine, o filme de Henry King As neves do Kilimanjaro, adaptación libre da novela homónima de Ernest Hemingway. Todo isto hoxe mércores 15 á noite (00:45) na Televisión de Galicia, ou ben na G-2 (TDT) o venres ás 15:30 horas e tamén a través da súa páxina web.

Libro aberto, programa do mércores 8 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto da Televisión de Galicia o poeta, ensaísta e crítico de arte Xavier Seoane. O autor falará do seu poemario máis recente Do ventre da cóbrega, nunha entrevista gravada na Imprenta Litonor, en Santiago de Compostela.

A reportaxe semanal estará dedicada ao Premio Literario San Clemente, outorgado polos lectores máis novos. Estudantes de diferentes institutos galegos conseguiron que un autor como Haruki Murakami viaxase a España por primeira vez para recoller este galardón. Ademais, o programa inclúe unha conversa en Noia co escritor Xerardo Agrafoxo, que falará da súa última novela O violinista de Malá Strana.

Na sección de crítica literaria Xabier del Valle-Inclán falará do libro de Xosé Ramón Barreiro Fernández O carlismo galego, que agora reedita Laiovento. Despois, Luis Alonso Girgado, especializado en literatura hispanoamericana comentará a obra Purgatorio, do autor arxentino Tomás Eloy Martínez, novela editada por Alfaguara. A lectura desta semana corre a cargo de Xosé Ramón Pena, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra A batalla do paraíso triste. Para rematar, unha reportaxe sobre a publicación de Cantares Gallegos nunha edición bilingüe galego-xaponés revisada e ampliada da primeria tradución que no ano 2002 fixera Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica en Toquio.

Todo isto poderemos velo o próximo mércores 8 de abril á noite (00:45) na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na na G-2 (TDT) o venres ás 15:30 horas ou a través da súa páxina web.