Ferrol: presentación de Alén, de Xaime Quintanilla

O venres 19 de novembro, ás 12:00 h., na sala de recepcións do Concello de Ferrol, preséntase a nova edición do libro Alén, de Xaime Quintanilla, publicado por Galaxia. No acto participan Mercedes Carbajales, concelleira de Cultura de Ferrol, Xosé M. Soutullo, e Manuel F. Vieites.

Víctor F. Freixanes: “Nós era a modernidade”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: ¿Que significa a revista Nós no seu contexto temporal e o noso contexto contemporáneo? ¿Segue a haber unha influencia hoxe?
Víctor F. Freixanes: Desde o meu punto de vista, a revista representa a modernidade: a aposta pola modernidade da lingua e da cultura galegas, abertas ao mundo, sen intermediarios. Esta é unha idea importante que os promotores da publicación declaran explicitamente: podemos (e debemos) ser galegos, vivir a nosa lingua e a nosa condición de tales sen ter que pasar por alfándega nin fielato ningún, naquel momento referíanse moi especialmente a Madrid. Aínda hoxe, a cultura galega, a nosa proxección exterior sobre todo, pasa case irremediablemente pola intermediación dos cenáculos ou plataformas madrileñas, que é onde están os mecanismos de poder, tamén do poder cultural. Outra dimensión da revista que me parece importante é a súa interdisciplinariedade, a concepción da cultura non como compartimentos estancos, senón como espazos integradores, mesmo globalizadores: a economía, a arqueoloxía, a lingua, a literatura, as artes plásticas, a organización do territorio, as tradicións, os mitos… Tamén un espazo integrador de distintas xeracións. Nunca lamentaremos abondo o terrible golpe que significou a Guerra Civil para todo ese desenvolvemento que se anunciaba”.

San Cibrao, Cervo: presentación de O clamor da rebeldía, de Pilar García Negro

Con motivo da celebración do 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro a Fundación Manuel María organiza o venres 12 de novembro, a partir das 20:00 h., (xa que o venres 9 non se puido celebrar como estaba previsto) no Museo Provincial do Mar (Avenida da Mariña, s/n.) de San Cibrao, Cervo, a presentación do libro O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e feminismo, de Pilar García Negro, publicado por Sotelo Blanco.
Na obra podemos ver unha nova mirada sobre Rosalía, que salientan o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega, do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria. Nada que ver coas visións mitificadoras e en exceso reducionistas que se prolongan até os nosos días. Este acto forma parte da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!.