Rosa Aneiros, Premio Xerais 2009 (vídeo)

O xurado da 26ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 25.000 euros e formado Ana Bande Bande (bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora), Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema O retorno das aves, presentada baixo o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponde ao título Sol de Inverno. Máis información, no blog de Xerais.

Rosa Aneiros, Premio Fundación Caixa Galicia 2009 (vídeo)

O xurado da 4ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros, formado por: Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez (profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema Ás de bolboreta que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros Díaz e corresponde ao título Ás de bolboreta. O xurado aconsella á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema Dragal. Máis información, no blog de Xerais.

Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009 (vídeo)

O xurado da 24 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: Rosana Estévez Pereira (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou despois da súa última deliberación declarar por maioría como gañadora a presentada baixo o lema Papude que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I. Máis información, no blog de Xerais.

A Coruña: Manuel Rivas presenta a Homenaxe á cidade da liberdade (Vídeo)

Os libros arden mal. Homenaxe á cidade da liberdade é un acto que combina literatura, música e memoria da man de Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (cantante de tangos), Gastón Rodríguez (guitarra) e Pulpiño Viascón (voz, gaita e serrucho). Está prevista a participación doutros músicos convidados. Será o sábado a partir das 20:30 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre e de balde.

María Reimóndez no II Encontro Cidade da Coruña (vídeo)

Entrevista e fragmentos do debate da primeira sesión do II Encontro Cidade da Coruña (2009), baixo o lema Mulleres na Literatura. A palestra de María Reimóndez tiña por título Por min e polas miñas compañeiras, e tratou sobre as visibilidades e invisibilidades das escritoras galegas.

O II Encontro Cidade da Coruña desenvólvese na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11). Tralas intervencións de María Reimóndez (24 de abril), Elena Poniatowska (8 de maio) e Marilar Aleixandre (15 de maio), o ciclo pechará o próximo venres 22 de maio cunha conferencia de Teresa Moure. Estas xornadas contan co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e están organizados pola AELG.

Roberto Varela, novo Conselleiro de Cultura e Turismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe o decreto de estrutura da Xunta, o cesamento dos anteriores conselleiros e o nomeamento dos novos membros do goberno. Da Consellería de Cultura e Turismo farase cargo o diplomático Roberto Varela, que dende 2004 desempeñaba a función de Cónsul en Nova York encargado de asuntos culturais. Neste enderezo poden ver unha entrevista con Roberto Varela feita en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para o documental Balor, a little Galician accent but good.