A Coruña: debate arredor das persoas refuxiadas, con Beatriz Maceda e Laura Lizancos

O 19 de xuño, ás 20:00 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, terá lugar un debate, coorganizado por esta entidade e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, arredor das persoas refuxiadas con motivo do Día Mundial das persoas refuxiadas que é o día seguinte o día 20, coa participación da autora do libro Lúa en Ningures, Beatriz Maceda, acompañada de Laura Lizancos (Coordenadora de Families 4 Peace).

Concha López gaña a VII Edición do Concurso de Micro-relatos de OZOCOgz

Desde Sermos Galiza:
“O pasado sábado, día 15 de xuño, a tenda OZOCOgz entregou os premios da 7ª edición do seu concurso literario durante un acto celebrado no ApartHotel Arenteiro (Carballiño) ao que acudiron máis dun cento de persoas.
O primeiro premio foi para o relato Muller azul de Xoaniña, pseudónimo baixo o que se agocha Concha López Fernández. A gañadora foi obsequiada cun diploma, un regalo de OZOCOgz, un vale por una fin de semana no mesmo hotel do Carballiño, un lote de libros e un obsequio artesanal realizado polos usuarios de ASPADISI.
Como finalista quedou Susana Villamor Prieto con Adeus Manuel, quen xa obtivera o primeiro posto na edición de 2017. Como premio agasallóuselle un diploma, un presente de OZOCOgz e outro feito por ASPADISI e un lote de libros.
A temática escollida para o concurso deste ano foi a muller a través do feminismo. O xurado encargado de decidir as gañadoras estivo composto polas escritoras Ana Cabaleiro, Cruz Martínez, Tamara Andrés e Lucía Rodríguez, gañadora do concurso no ano anterior.”

Cambados: acto destacado do 19 de xuño na Feira do Libro 2019

O 19 de xuño comeza a Feira do Libro de Cambados (no Paseo Calzada, con horario de 10:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, co seguinte acto literario destacado para este día:

19:15 h. Pregón a cargo de Ramón Caride.

Arteixo: Roteiro poético pola Costa de Arteixo con Xabier Maceiras e as Bibliotecas, o 30 de xuño

“O vindeiro domingo día 30 de xuño, a Rede Municipal de Bibliotecas e o escritor arteixán Xabier Maceiras, organizan un roteiro poético literario polo paseo marítimo da costa arteixá. Esta é unha máis das actividades que vos ofrecemos para festexar o 30 aniversario de Bibliotecas en Arteixo.
A saída será as 11 da mañá desde a praia de Sabón, no arranque do paseo, e no percorrido Xabier Maceiras contará algunhas historias do mar arteixán, falará de lendas que dan nome a varios topónimos do litoral de Arteixo, e dará lectura a algúns textos nos que autores como Eduardo Pondal, Eugenio Carré ou, entre outros, o arteixán Antón Castro, mencionan esta parte do Atlántico.
Este percorrido ou roteiro finalizará na praia de Valcobo polo que é importante que sepades que haberá que volver polos nosos medios ou sobre os nosos pasos, ata o punto de partida.

A liña vermella indica o roteiro do vindeiro domingo día 30 de xuño.

Para saber máis cousas das historias do noso litoral da man da literatura e sobre todo, da paisaxe que nos ofrece o noso concello xunto a Xabier Maceiras, debes anotarte na Biblioteca Central “Henrique Rabuñal” de Arteixo, chamando ao teléfono 981 659108 ou por correo electrónico en biblioteca@arteixo.org. Se precisas aclaracións tamén podes usar estas vías de contacto que che ofrecemos para inscrición.”

Un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro en homenaxe a Manuel Antonio

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
A Manuel Antonio; sempre no mar é un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro. Non se trata dun inédito, dado que se publicou o 24 de agosto de 1960 en La Noche, mais si descoñecido. Non aparece recollido na Poesía Galega Completa (Xerais, 2004) nin nos máis antigos tres tomos da Obra completa (Akal, 1978-1981). Exhumouno o crítico e ensaísta Xesús González Gómez.
O poema que agora recupera Sermos Galiza fai parte do seguimento especial do xornal compostelán La Noche á “gran xornada literaria en homenaxe ao poeta Manuel Antonio celebrada en Asados (Rianxo) na tarde de onte”. En pleno franquismo e coa participación das autoridades.
A crónica central corresponde ao colaborador da publicación Piñeiro Ares e nela relata a misa en honra do poeta oficiada por Faustino Rey Romero e a lectura de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez, “o mozo literato de Asados Santos Sende” [Xesús Santos Suárez] e Baldomero Isorna. Tamén interveu o daquela alcalde Martín Gómez Rodríguez.
La Noche deixa espazo ademais para as composicións de Álvarez Blázquez (Manuel Antonio), Sende (Unha noite con Manuel Antonio) e Isorna (El poeta: Alfar de ensueños). Este tamén se encargou da “exaltación da obra literaria do poeta Manuel Antonio”.
Velaquí a transcrición do poema de Celso Emilo Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979):
A Manuel Antonio; sempre no martes

Meu capitán de ventos i-alboradas,
meu piloto de estranas travesías
por mares nunca d-outros navigados,
de illas non descubertas, misteriosas,
mais alá dos solsticios i-as mareas,
mais alá das escumas i-os solpores,
na pura libertá da noite pecha.
Eu preguntei por ti, calada sombra,
coa voz dos afogados que camiñan
-mudos e núos-
por vereas de peixes e sargazos,
sobre a luz das estrelas mergulladas.
Eu preguntei por ti, viñen de lonxe,
baixei da terra miña montesía
deica a alcendida proa do teu barco,
a babor das saudades i-as lembranzas.
Un longo acordeón de chuvia maina
rachaba o corazón en dous anacos
e puña despedidas e buxolas
nos meriadianos tristes dos ronseles
arados sobre o mar, rumbo a ningures,
meu capitán de roitas imposíveles
que izaches doces grímpolas de sonos
a veira do amencer de cada día
nas orelas de tódolos naufraxios.”

Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela con Manuel Portas

Estas son algunhas das fotografías do Paseo Literario por Compostela con Manuel Portas, celebrado o pasado 13 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos do Concello de Santiago).

Entrevista a Calros Solla sobre O Crime de Pardesoa

Desde a Cadea SER Pontevedra:
“Nesta edición de Vermú con SER coñeceremos a historia que agocha o libro O Crime de Pardesoa. Un traballo de recopilación de Calros Solla que foi publicado no ano 2013. Nel relata un asasinato que para poder entendelo hai que situarse na Galicia rural de finais do século XIX. Coñecer o papel da muller, entender acontecementos coma a morte da Sisi emperatriz e, se nos poñemos, incluso coñecer como chegaban as novas ós medios da prensa escrita…
San Marcos, un lugar localizado en Pardesoa, a dous km e medio de Soutelo de Montes pola N-541. Estamos en 1897, a muller era educada para casar. Perfecta Espiña, casa cun home que lle dobla en idade, viúvo convertido nun adiñeirado prestamista. A casa na que vivían compartía paredes e unha porta co matrimonio composto por Filipe Fírvida e a súa dona Pilar Hedreira, irmán da primeira muller de do prestamista Xoán Rei. Pilar traballaba no servizo doméstico da casa do seu cuñado, o asasinado. Pero, Quén foi o asasino?… escoita o podcast de Vermú con SER para coñecer o desenlace.”