A Coruña: recital de Lois Pérez e Frank Báez no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 19 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Lois Pérez e Frank Báez. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2018.

Verín: actos destacados da Feira do Libro 2018

Do 16 ao 18 de marzo terá lugar a Feira do Libro de Verín (na Praza da Mercede), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 18:00 a 21:00 h. a sexta feira 16; de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 h. o sábado 17; e de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 h. o domingo 18. Estas son as actividades destacadas dentro do seu programa:

Venres 16
19:30 h. Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Elena Gallego Abad.

Sábado 17
12:30 h. Presentación de José García Barbón Sola, mecenas e filántropo de Verín, de Gerardo das Airas.
18:30 h. Presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicado en Xerais. Participa, xunto á autora, Xosé Carlos Caneiro.

Domingo 18
19:00 h. Poesía sen idade, con Servando Barreiro.

Entrevista a Jorge Corrales, director xeral de Cedro, no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Jorge Corrales, director xeral de Cedro, participa nun encontro en Galicia con integrantes da AELG e da AGE. “É necesario permitir unha compatibilidade total do cobro da pensión de xubilación co cobro das obras que están protexidas por dereitos de autor”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Aliteraclara | Escola galega de escrita creativa

Aliteraclara.com, escola galega on-line de escrita creativa, nace da demanda das numerosas persoas que senten a necesidade de escribir e de aprender e que, por motivos laborais ou xeográficos, non teñen posibilidade de asistir ás clases. Está pensada para mulleres e homes que precisan da escrita para realizarse, que necesitan dunha man que os acompañe nos primeiros pasos e lles dea azos para desenvolverse na literatura. Aliteraclara.com ofrece ao alumnado un gran abano de posibilidades e recursos para lanzarse a escribir, pero tamén achega as novidades literarias, as convocatorias de concursos e o mundo editorial.
Clara do Roxo é a directora da escola. Escritora, profesora e narradora, imparte obradoiros de escrita creativa dende 2013. A súa maior motivación, e a dos escritores e escritoras que a acompañan neste proxecto é transmitir aos alumnos a súa paixón pola escrita. Aliteraclara.com conta no seu inicio coa poeta María Lado, os escritores Fran Fernández Davila, Antonio Manuel Fraga e Xabier López, e a propia Clara do Roxo como profesores, e ofrece obradoiros de poesía, novela e relato. Para pechar o círculo, nun intento de achegar aos autores e autoras á publicación ou aos certames literarios, a escola pon ao seu dispor un servicio de valoración e corrección de orixinais, a cargo dos escritores Amadeo Cobas e Manuel Sánchez Gálvez.