Viveiro: actividades destacadas do sábado 12 e domingo 13 na Feira do Libro

O sábado 12 comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para eses días (o sábado 12 só en horario de tarde):

Sábado 12
19:30 h. Pregón a cargo de Vanesa Santiago.

Domingo 13
12:30 h. Cantigas e historias musicadas, con Servando Barreiro.
19:00 h. Isidro Novo asina exemplares de O tabú na traslenda, publicado por Urco, na caseta da Libraría Gato Neghro.
20:00 h. Presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. No acto estará acompañada por Miguel Sande.

Miro Villar: “O obxectivo último do Batallón Literario da Costa da Morte era levar a poesía a pé de rúa”

Entrevista a Miro Villar en Sermos Galiza:
“Este ano cúmprense 20 anos da publicación do primeiro número de ‘Feros Corvos’, a revista do Batallón Literario da Costa da Morte que se fundara un ano antes. E quixemos lembrar aqueles tempos de axitación poética cun dos seus protagonistas, o poeta Miro Villar, que ademais foi tamén presidente da primeira xunta directiva da asociación.
– Sermos Galiza (SG): Como xurdiu o Batallón?
– Miro Villar (MV): Xa había un humus, un caldo de cultivo, unha serie de colectivos que xa funcionaban na Costa da Morte, entre eles o colectivo “Un Medio” de Cee e o “Arre Sentelha” da Terra de Soneira, que estaban a funcionar de maneira autónoma. En determinado momento viuse que podiamos confluír e ampliar a base destes colectivos. E así naceu o Batallón Literario da Costa da Morte en maio de 1996.
– SG: E a idea de crear un medio de expresión como ‘Feros corvos’?
– MV: – Os primeiros meses de vida do Batallón eran moi intensos. Faciamos recitais en lugares de todo tipo, mesmo campos das festas, en bares ou alí en onde se nos convidase, en festivais antimilitaristas, onde cadrase naqueles momentos… E vimos unha necesidade de potenciar todo isto e dotarnos dun medio de expresión, polo que creamos un díptico, con catro páxinas, feito con escasos medios, en multicopia, a cor, que se distribuía de balde alá por onde iamos e nos bares da Costa da Morte. Esa era a nosa intención, chegar á maior xente posible, porque o obxectivo último do Batallón era levar a poesía a pé de rúa. Basicamente a poesía, porque a maioría eramos poetas, aínda que tamén había narradores. E aí confluiamos xente que xa tiñamos publicado, como eu mesmo, o meu irmán Rafa ou Marilar Aleixandre, con xente que non tiña nada na rúa e que, curiosamente, anos despois ten libros publicados. Fáloche de Modesto Fraga, os irmáns Creus –Estevo e David-, Alexandre Nerium, Xaime Trillo…
– SG: O Batallón trouxo un esplendor da poesía en movemento.
– MV: Si, aquela era unha época -a mediados dos 90- no que non era doado publicar poesía. Era un momento similar ao de hoxe, pecháranse coleccións e non era doado conseguilo, fóra de Espiral Maior. Entón aquela era unha maneira de levar a poesía a outros lugares onde nós criamos que tiña que estar, máis a pé de rúa. Pero non era algo que inventasemos nós. Collemos experiencias anteriores doutras épocas para buscar un maior contacto co público lector.
– SG: Coa perspectiva que dan os anos, cal cres que foi a incidencia do Batallón na vida cultural galega de hoxe?
– MV: Non creo que teña que ser eu quen calibre iso. Deberían ser persoas que non participaran da experiencia. Hai varios traballos sobre o Batallón que o calibran, pero na miña opinión serviu para dar voz a moita xente que estaba empezando a publicar os seus textos en follas voandeiras que con posterioridade se incorporaron ao discurso literario galego. E despois a darlle unha maior visibilidade á poesía cara ese público lector. Eu creo que eses son os dous principais éxitos do Batallón. Eu, desde logo, considérome satisfeito con que varias das persoas que participaron chegasen a ter unha obra propia consolidada. Para min iso xa xustifican os esforzos que tivemos nesta angueira.
– SG: E como ves o estado actual da poesía na Costa da Morte?
– MV: Nin mellor nin peor que noutras zonas do país. Hai iniciativas igual que noutros lugares e a poesía tamén está na rúa, como no Festival do Condado. É unha experiencia que é exportable e que hoxe podería ter un sentido tamén. De todas formas, eu observo que están a xurdir proxectos dun tempo a esta parte moi interesantes, como editoriais como Apiario ou Chan da Pólvora, que son pequenos pero teñen xa unha traxectoria e creo que un futuro de moita forza. Penso que é un momento moi bo para a creación poética no país, a pesar de que as grandes editoriais lle continúen a dar as costas. Por exemplo, Sotelo Blanco desapareceu do mapa e Xerais e Galaxia publican a ‘contagotas’. Pero hai xermolos de actividades, outra vez, en lugares pouco habituais coma naquela época. Por tanto, eu son optimista neste momento.”

Bea Lema, a primeira muller que acada o premio Banda Deseñada Castelao

Desde Sermos Galiza (foto de Andrea Rodríguez):
“Un xurado composto por especialistas en banda deseñada decidiu que Bea Lema se convirta na primeira muller gañadora do Premio Castelao da Deputación da Coruña, o único do xénero no panorama cultural galego ao que se presentaron dezaseis orixinais, o maior número da súa historia.
O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e formaban parte del Emilio Fonseca, gañador da anterior edición pola obra Fóra de marxe, e os autores Xosé Tomás, Natacha Busto e Pablo Auladell, que decidiron a obra gañadora da nova edición do único certame de banda deseñada do panorama galego. O premio está dotado con 6.500 euros máis a publicación da obra pola Deputación da Coruña. O xurado decidiu deixar deserta a convocatoria destinada a público infantil.
O xurado valorou a “intensidade dramática sen caer no sentimentalismo” da obra de Bea Lema ademais da “sensibilidade para contar patoloxías mentais desde o punto de vista infantil”. A resolución do premio recoñece tamén o valor de O corpo de Cristo á hora de “mostrar a resilencia dunha nena fronte aos problemas adultos” e, en canto o traballo gráfico da obra destaca que a autora prima unha “liña elegante e delicada que transmite atmosferas emocionais moi complexas, apoiándose en metáforas visuais moi intensas e potentes”.
Formada como deseñadora de produto pola Universidade da Coruña, Bea Lema (A Coruña, 1985) comeza a súa traxectoria profesional en 2010 traballando para a firma de cerámica Sargadelos. En 2013 crea, xunto a Xoan Torres, o proxecto Lelédacuca onde realizan obxectos que mesturan o deseño contemporáneo coa artesanía tradicional. (…)”

Melide: presentación de No cinzel livre de securas, de Antom Laia, e exposición de Adiasmachado

O sábado 12 de agosto, ás 19:00 horas, no Museo da Terra de Melide (Praza do Convento, s/n.), terá lugar a presentación do libro No cinzel livre de securas, de Antom Laia, xunto á mostra de pintura do pintor e poeta portugués Adiasmachado.

Olegario Sotelo Blanco e Armando Requeixo recibirán os Alecríns 2017

Desde Fervenzas Literarias:
“O venres 11 de agosto a partir das 12:00 h., no Castelo da vila ourensá de Castro Caldelas, a Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (FEGALCAT) fará entrega dos seus premios Alecrín 2017. Estes premios, que entrega anualmente a FEGALCAT dende o ano 2010, recoñecen o labor de persoas e entidades destacadas en prol de diferentes eidos da sociedade, como a comunicación, o deporte, a música ou as letras do país. E neste último apartado é onde este ano serán recoñecidos dous persoeiros moi vencellados á literatura: Olegario Sotelo Blanco e Armando Requeixo.
Olegario Sotelo Blanco recibirá o Alecrín no eido da Promoción Cultural. Sotelo Blanco naceu en Quintela de Mazaira (Castro Caldelas). Empresario, editor e escritor, emigrou a Barcelona a comezos dos anos sesenta. Creou as editoriais Sotelo Blanco e Ronsel. Presidiu o Centro Galego de Barcelona e no ano 2005 regresou a Galicia.
Pola súa banda, Armando Requeixo foi merecedor do Alecrín no eido da Crítica e Investigación Literaria. Crítico literario, investigador e tradutor, ten no seu haber varias distincións polo seu labor. Colabora con distintos medios de comunicación e publicacións dixitais.
Entre o resto de premiados tamén faise necesario destacar o premio Alecrín no eido da arte a Xosé Vizoso, creador de múltiples portadas de libros; e o Alecrín á institución cultural ao Museo do Pobo Galego.
O resto de premiados son: Banda de gaitas Los Trabazos (Alecrín á Memoria Musical), Bodegas Valcar (Alecrín no eido empresarial), José Manuel Parada (Alecrín no eido da Comunicación), A Galaica do Centro Galego (Alecrín no eido do deporte), Guadi Galego (Alecrín da música), Manola e Agapito Vila (Alecrín no eido da etnografía) e Miguel Ángel García (Alecrín no eido da corresponsalía xornalística).
Ao remate, haberá un Xantar de Irmandade (prezo 25 €). Máis info sobre este xantar no teléfono 606 504 278.”

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do xoves 10

O xoves 10 de agosto finaliza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Títeres Alakrán: Os soños na gaiola. No escenario central do Espazo Teatro.
19:00 h. Presentación de Fuxe home, fuxe, de Xosé Tarrio. Con Pastora González, presidenta da Asociación Nais contra a impunidade. Na Carpa das librarías.
21:15 h. Presentación de O sol dentro da cabeza, de Suso Díaz, publicado por Laiovento. No acto participa, xunto ao autor, Mercedes Queixas.