Desde
Xornal da Mariña:
“A poeta Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) foi nomeada este xoves Filla Adoptiva de Viveiro. A corporación aprobou por unanimidade a proposta para distinguir a autora presentada polo goberno municipal. O recoñecemento deu respaldo institucional a unha iniciativa a que se adheriron asociacións e colectivos de todo o concello ademais de persoas a título individual como o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal.
Durante o pleno do xoves 11 de outubro, todos os grupos políticos destacaron a traxectoria literaria e o compromiso feminista da autora, voz fundamental da poesía galega dende a publicación de O paxaro na boca (1952) ao que seguirían Concerto de Outono, Códice Calixtino, Prometo a flor de loto ou Deter o día cunha flor, entre outros poemarios e ensaios.
A autora mantivo desde a súa crianza unha estreita vinculación con Viveiro onde viviu e exerceu como docente nas décadas dos cincuenta e sesenta. A Escola Oficial de Idiomas de Viveiro leva o seu nome desde o pasado mes de xuño. O claustro do centro solicitou o cambio de nomeamento para adherirse á campaña #NomearnosEnLila, impulsada polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade.”
A Pobra do Caramiñal: Xornadas de homenaxe a Anxo A. Rei Ballesteros
Compostela: presentación de Sen piedade, de Pedro Feijoo
Compostela: presentación de Galicia no labirinto da nova política, de Xoán Hermida
Crónica fotográfica da Letra das Festas 2018
Estas son algunhas das fotografías da Letra das Festas 2018, que tivo lugar en Lugo o pasado 10 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Nome: Bonita, gañadora do Premio Mondoñedo10 na modalidade de Teatro
“Ao
entender do xurado, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro. O xurado destaca que a obra manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia. Nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cangaçeira brasileira, a autora crea un arquetipo universal da muller loitadora. A acción dramática está atravesada polos conceptos da identidade, a memoria e a ecoloxía como metáfora.
A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron esta terceira edición do galardón co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.
O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia
ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado merezan este recoñecemento.
Xurado
A composición do xurado nesta terceira edición do Premio Mondoñedo10, que distingue á mellor obra dramática publicada en Galicia e en galego entre os anos 2008 e 2017 estivo formado por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo, que actuou como Presidente. Os vocais foron Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega (RAG); Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Afonso Becerra Arrojo, en representación da sección de literatura dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Antonio Salgado Rodríguez, en representación da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG); Tareixa Campo Domínguez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Diego Vázquez Meizoso, en representación da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e Francisco Piñeiro González, en representación do concello de Mondoñedo. Exerceu a secretaría do xurado por designación da organización o mindoniense Fran Bouso.
Acto de entrega
O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018 Teatro no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.”
A Coruña: recital de Susana Sánchez Arins e Joumana Haddad no Ciclo Poetas Di(n)versos
A
segunda
feira 15 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Susana Sánchez Arins e a poeta libanesa Joumana Haddad.
Manuel Lourenzo, premio Facho de Ouro
“A
Directiva da Agrupaçom Cultural O Facho decidiu entregar o Facho de Ouro do 2018 ao homem de bem, dramaturgo e investigador, Manuel Lourenço Lourenço, como mostra de reconhecimento a toda umha vida dedicada à cultura do País e ao povo galego. O acto cívico será acompanhado dumha ceia-homenagem que se celebrará o sábado, dia 15 de Dezembro, às 21 horas no Hotel Riaçor d’A Corunha.
Preço por pessoa: 30 €.
Para se inscrever e reservar lugar escrever a: o_facho_a_cultural@sapo.pt“











