Faleceu José Luis Sucasas
Desde Praza:
“Practicando unha das súas paixóns, o ciclismo, e do xeito inesperado en que se acolle a morte de alguén cheo de vida. O economista, enxeñeiro e escritor José Luis Sucasas (Lalín, 1959) faleceu repentinamente este sábado, 1 de abril, tras desplomarse mentres facía deporte coa súa bicicleta na Toxa. Os servizos de emerxencia tentaron, sen éxito, reanimalo. (…)
Coa súa xente achegada e compañeiros na vida, pero tamén coa infinidade de persoas que o seguían e lían con atención, quedan catro obras de narrativa –O paxaro que ninguén ve (2002), Soñaron buratos na terra (2003), Pena Furada (2012), Nunca foi día de todo (2014)- e mais un ensaio –Outra vaca no millo (2010)-. (…)”
Faleceu Paco Souto
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lamenta a perda do seu Socio Paco Souto, quen durante 10 anos achegou o seu traballo ao Consello Directivo.
Non se podería entender a poesía actual sen a súa contribución como poeta, editor ou activista cultural. Unha persoa inesquecíbel e valente, optimista radical que contribuíu a que a nosa poesía e a nosa lingua tivesen máis alento.
Está previsto un acto cívico de despedida o venres 31 de marzo, ás 15:45 horas, no Tanatorio de Malpica (como chegar).
Escritor de referencia na actual poesía contemporánea, autor tamén dunha peza de teatro, Amar non ten laranxas, publicada nos Cadernos da Escola Dramática Galega, recibiu diversos premios, entre os que se encontran os Espiral Maior e Johán Carballeira.
Activista da lingua, da literatura e a cultura, comprometido co seu país e co seu tempo, desde finais dos anos 80 cando formaba parte do equipo da revista Ólisbos, revista literaria da Facultade de Filoloxía da USC, onde se foron publicando diversas voces que logo acabarían consolidándose no panorama das letras. Nos 90 comeza a publicar os seus primeiros libros, e tamén fai parte das Edicións do Dragón, proxecto marcou un fito na poesía galega da altura, tanto no deseño editorial (cartafoles manufacturados e individualizados, nos que os poemas ían acompañados de autografados do propio autor/a). O primeiro foi A rota dos baleeiros, onde colaboran as tres persoas que forman, naquel momento, Edicións do Dragón: Paco Souto, Fran Alonso e Miro Villar; libro que ten ilustracións do afundimento do Casón (1987), co que xa se observa unha vontade de que a arte sexa tamén canle de denuncia. Despois dese virían outros, con voces de varias escritoras, que incluían gravados de artistas plástica.
Despois de Edicións do Dragón, embarcarase con máis de 15 persoas no que sería Letras de Cal, un selo editorial que tivo o acerto de poñer na rúa as voces máis novas e mais unha antoloxía referencial para coñecermos a poesía dos 90.
Xa con residencia en Malpica implícase na creación da Asociación Cultural Caldeirón e o Premio de poesía erótica “Illas Sisargas”.
Paseo pola Coruña Literaria con Emma Pedreira, o sábado 1 de abril
Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:
Sábado 1 de abril (12:00 – 13:30 h): paseo con Emma Pedreira.
Este paseo é ao mesmo tempo un recital efémero, unha exposición fotográfica itinerante, unha homenaxe da poeta ao fotógrafo e ás rúas que pasearon e viviron xuntos como neta e avó, unha volta ao pasado nos tempos da guerra civil e, sobre todo, unha entrada exclusiva nun álbume de familia daquel neno que aprendeu o oficio da fotografía dentro dunha guerra.
A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir respectivamente das seguintes datas:
Para este Paseo con Emma Pedreira a inscrición está aberta desde o xoves 23 de marzo. Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
Os seguintes paseos serán estes:
– Sábado 22 de abril (12:00 h – 13:30 h): paseo con Beatriz Maceda.
– Sábado 6 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Nacho Taibo.
– Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h ): paseo con Francisco X. Fernández Naval.
Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017, Fina Casalderrey, o sábado 1
Os Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017, que terán lugar do 1 de abril ao 29 de abril, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
50 prazas por paseo.
A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, debe facerse a partir do 28 de marzo en pontevedraliteraria@gmail.com, indicando:
- Paseo literario no que se quere inscribir
- Nome completo
- Enderezo electrónico
- Teléfono de contacto
A asignación das prazas farase por estrita orde de recepción das solicitudes.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.
Sábado 1 de abril
Pontevedra, onde o silencio é sonoro, con Fina Casalderrey. (Con subida ao campanario de Santa María -1€ de donativo-)
De certo, para percorrer Pontevedra, coma calquera das cidades con importante patrimonio histórico-arquitectónico, non precisamos nin de palabras. Abonda con levar os ollos abertos e ‘escoitar’ as pegadas na pedra, nas fontes, nos vestixios da vella muralla, nas estatuas dos persoeiros (Valle-Inclán, Castelao, Bóveda, Manuel Quiroga, Teucro, a serea Leucoíña…), nas casas brasonadas…; pegadas que nos falan se as invocamos.
Percorreremos o casco histórico, desde a Basílica de Santa María a Maior (a Grande), onde se comezará por subir ao campanario e imaxinar as orixes da cidade (a subida ao campanario custa 1 euro), e contemplar o primeiro, e no seu día tan próspero, barrio da Moureira, xa só imaxinado; para rematar na Praza da Peregrina.
De camiño, nas pontes, nas pegadas dos vellos faladoiros, nas rúas, nas vellas imprentas, nos restos da antiga muralla, nos monumentos, nos edificios emblemáticos, nas pedras (que tamén teñen alma), nas prazas, nas fontes, nos escudos, nas árbores, nas estátuas…, agardamos que vaian agromando as lendas, as pegadas dalgúns dos nosos personaxes sobranceiros, que nos contarán algunhas cousas que, inevitablemente, se mesturarán con algunhas lembranzas propias.
Especial sobre Paco Souto no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Paco Souto. A vida nos poemas. Achegamento de urxencia para unha perda. Falece o escritor, editor e activista cultural. Pode accederse ao programa aquí.”
Pontevedra: remata o Salón do Libro 2017
O domingo 2 de abril finaliza o Salón do Libro de Pontevedra 2017, que se celebra no Pazo da Cultura, cos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:00 a 20:00 h., e sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h.
O propio domingo 2 terán lugar os seguintes actos destacados dentro do seu programa:
– 11:30 h. e 17:30 h. Obradoiro: Na procura da cidade imaxinaria, con Anxo Fariña. A cidade imaxinaria non é doada de atopar. Precísase moita imaxinación, ganas de pasalo ben, e capacidade de ver outras “realidades ocultas”. Nesta actividade primeiro crearemos uns lentes especiais que nos permitan atopar as pistas ocultas por todo o Salón. E grazas a esta procura, poderemos crear o micro-conto “A cidade imaxinaria” que poderemos levar para casa con nós. Unha actividade que é un xogo, unha carreira, unha procura, e un conto. Atréveste a participar coa túa familia? A partir de 6 anos. Prazas limitadas (grupos de 10 familias). Inscrición previa. A inscrición é presencial. Achégate para apuntarte ás actividades que requiran inscrición previa no horario de apertura do Salón.
Ata esgotar as prazas.
– 12:00 h. e 18:30 h. Conto musicado: As portas de Escaquis. Lucía Aldao, María Lado e o Seminario Permanente de Jazz. Seguro que algunha vez desexáchedes que as cousas fosen diferentes. Non sei…que o verán non rematase! Que pasaría se puidésedes abrir unha porta e ver un mundo onde o verán nunca remata? Escaquis é unha estraña nena que ten a habilidade de abrir portas onde non as hai, pero… que pasa detrás desas portas? Vós, querido público, tedes o poder de escoller o que ocorre neste conto! Unha aventura polos mundos posibles baseada na novela Escaquis e Romeu de Antonio Manuel Fraga. Recinto Feiral. Público familiar.
– 12:30 h. Presentación da lista de honra IBBY Galix e Encontro con Ledicia Costas e Ramón Nicolás. A escritora Fina Casalderrey fará a lectura da mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil 2017, que este ano preparou a sección IBBY-Rusia “Medremos co libro” do escritor Sergei Makhotin. Público familiar. Entrada libre ata completar cabida.
Verín: actos destacados da Feira do Libro 2017
Do 31 de marzo ao 2 de abril terá lugar a Feira do Libro de Verín (na Praza da Mercede), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Venres 31 de marzo
– 19:30 h. Inauguración da Feira. Pregón a cargo de Xosé Carlos Caneiro.
Sábado 1
– 18:00 h. Antón Riveiro Coello asina exemplares de A ferida do vento, publicado en Galaxia.
– 20:00 h. Presentación de O códice esmeralda, de Alberte Blanco, publicado en Xerais. Participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
Entrevista a Víctor Freixanes, presidente da RAG, no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““É certo que o galego perdeu falantes sen embargo a dignidade do idioma, o prestixio do idioma aumentou poderosisimamente, un dato moi a ter en conta”. Pode accederse á entrevista aquí.”
Texto de Iolanda Zúñiga sobre Terraza, de Fran Alonso, lido na presentación de Vigo
Desde Xerais:
“Fran Alonso volve posicionarse, con Terraza, na disidencia, esa trincheira inherente á súa escrita, caracterizada por unha rebeldía a ralentí, infiltrada, abastecida de palabras certeiras, frases destras, versos sobrios e, sobre todo, inzada de reflexións situadas lonxe do adoutrinamento. É unha insubmisión a que practica o autor desas que, mentres nós lemos alleos a estarmos a rentes dun campo de minas, algo que non esperamos implosiona, cara os nosos adentros, cara ás entrañas. E quedamos desabrigados, desarmados, impregnados dunha sensación crúa, que logra esfolarnos e fendernos, abrirnos a carne sen máis remedio que continuar entregándonos á lectura, ao autor, á súa rebeldía, á súa escrita.
De Fran Alonso xa coñecemos a súa vocación de escritor solidario. Desde aquelas crónicas en territorio ocupado, nas que denunciaba a situación dos refuxiados saharahuís nos anos 90; a esa humanidade coa que tratou sempre os males mentais provocados por alienacións varias: cidades, traballos, relacións… todas submisións, en definitiva; pasando polo inconformismo fronte ao vivir indigno, en todas as súas dimensións. De aí que, ademais de escritor solidario, sexa un escritor de rastreo: igual que eses cans de olfacto prodixioso que dan coa caza abatida polas escopetas traizoeiras, el cheira, na distancia, as fisuras das que emana a ruindade das vidas sometidas á rutina. É a elas, á ruindade e á rutina, a quen lles segue o rastro, ata localizalas. E apresalas cos dentes. Escríbeas, despois, coa habilidade do depredador, pero non dese depredador que se nutre da presa para saciar a fame, senón daquel que, ademais, se irmanda con ela, exhíbese xunto a ela. As súas son capturas despoxadas de artificio, pois deixan constancia do noso destino común e irremediable. Talvez sería mellor dicir, entón, que Fran Alonso é un escritor de rescate: coma eses cans áxiles que ladran na tobeira dos accidentados, ata quedar afónicos, coa esperanza de que alguén escoite o seu alboroto e acuda a liberar aos feridos da agonía, e os axude a asomar entre os cascallos. Estes son os personaxes aos que o autor entrega as súas historias: anónimos aos que, sen necesidade de encomialos como heroes, lles recupera a voz. (…)”