Gondomar: presentación de O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?

A sexta feira 9 de febreiro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo), en Gondomar, o Instituto de Estudos Miñoranos organiza o segundo faladoiro de anticipación do ciclo Galicia 2017-2020: presente e futuros, no que intervirán Alberte Blanco Casal e Alfredo Suárez Canal na presentación do libro O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional?, publicado por Sermos Galiza. O acto será presentado por Camiño Noia Campos.

Un poema -descoñecido e non compilado- de Celso Emilio Ferreiro (1931)

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Javier Nogueira, amigo e ex compañeiro docente, sabedor do meu interese polo universo ferreiriano, faime chegar un poema de Celso Emilio Ferreiro para min descoñecido e que non puiden, por esa razón, incorporar á edición da Obra poética completa que se publicou en Xerais hai algúns anos. O poema copiouse a metade dos anos setenta, a man, desde un volume onde se gardaba encadernado.
Tal e como me indica Nogueira o poema viu a luz na publicación na segunda época do semanario Nueva Cañiza inmediatamente despois de que as forzas máis reaccionarias gañasen as eleccións municipais na vila no ano 1931. Sospeito que esa é a época na que a publicación muda o subtítulo anterior polo do Semanario local independiente, defensor de los intereses obreros y agrarios de la comarca e vai estar dirixido por Gerardo Fuertes. O poema conservouse mercé Dona María, que foi mestra da Cañiza naqueles anos, sendo director do semanario o seu marido, o devandito Gerardo Fuertes.
O poema, composto en Celanova o 28 de maio de 1931, publicouse no semanario o 7 de xuño dese mesmo ano e, inexcusablemente, pertence á época na que o autor procuraba a súa propia voz marcada por unha fonda preocupación social e política. Asemade, a composición amosa unha evidente filiación co coñecido poema “O maio” (Aires da miña terra) do seu admirado Curros Enríquez co que se establece un diálogo compartindo a mesma tonalidade anticlericalista e unha vontade socialmente reivindicativa. Grazas por permitirme traelo a este blog sendo escrupulosamente respectuosos coas solucións lingüísticas coas que apareceu publicado.

¡Oh, mayo de Curros
con q-anseas te espero!,
teu mayo con frores
e verde nos eidos
teu mayo cun povo
d`o fisco redento;
teu mayo sin proves,
que ximan famentos.
¡Oh mayo de Curros
con q-ánseas te quero!,
por bo e por xusto
por grande por tenro.
Pero por desgracia
teu maio está lexos:
pois aínda fai frío…
inda estamos no inverno…
Por q-inda hay ilotas
sin lus n`as ideas
que siguen forxando
suas propias cadeas.
Sigue sendo Galicia
unha quinta, un feudo
y-os proves paisanos
siguen sendo sereos.
Sigu-habendo frades
sigu-habendo cregos
-ises paxaros tráxecos,
ises paxaros negros-
que mercan as almas
e venden os ceos.
Sigu-habendo iglesias
campanas y-e infernos
sigu-habendo bruxas
beatas y-e demos.
¡Oh mayo de Curros
con q-anseas t`espero!
Teu mayo sonado…
d`un pobo liberto
d`un pobo sin fame
d`un pobo redento.
Pero aínda fai frio…
inda estamos no inverno.

Celso Emilio Ferreiro Míguez
Celanova 28 – 5 – 31″

A escritora Marilar Aleixandre fálanos de Mudanzas e outros velenos

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Todo un catálogo de árbores, velenos e madrastas, nenas ourizo, palabras rescatadas do fondo da macela, pesadelos ou soños, derrotas domésticas, mulleres das que nin o nome quedou rexistrado… ou o Pindo. Todo nos versos deste libro: Mudanzas e outros velenos, en que a editorial Galaxia recupera tres poemarios de Marilar Aleixandre. Pode accederse á entrevista aquí.”

O Salón Teatro acolle o debut da compañía A Feroz dentro do programa de residencias do CDG

Desde Agadic:
“A Feroz debuta este venres sobre as táboas coa estrea do seu primeiro espectáculo, Afterparty, no Salón Teatro de Santiago. Esta nova compañía galega participa no programa En Residencia do CDG, no marco do que esta semana está a recibir asistencia artística e técnica na sede da compañía pública para ultimar a posta en escena.
A compañía nace como un colectivo artístico que, nas súas palabras, busca transcender as barreiras persoais para poñer en común sobre o escenario as preguntas que comparten como xeración e todas as posibles respostas. Así xurdiu tamén Afterparty, peza escrita e dirixida por Lorena Conde, que fala da decepción, do empeño na felicidade e da procura de respostas por parte desa xeración que chegou tarde a todo. A Feroz defínea como “relato emocional no que reina o espírito do lixo, do exceso posmoderno”.
O resultado é un “artefacto escénico” no que a letra, a música, o espazo e o movemento corporal foron desenvolvéndose á vez durante un proceso de creación interdiciplinar. Inés Salvado, Beatriz Romero, Gustavo Freire e Lolo Castroson os encargados de lle dar vida ao espectáculo, con escenografía de Álvaro G. Mallo e Cecilia Castro, espazo sonoro de Manuel Abraldes, fotografía de Tamara de la Fuente e produción de Beatriz Romero.
O seu debut no Salón Teatro insírese, así mesmo, no programa Dramaturxente a través do que o Centro Dramático Galego está a desenvolver diferentes iniciativas de apoio, fomento e promoción da dramaturxia galega contemporánea.
A Feroz ofrecerá tres funcións de Afterparty en Santiago o venres 9 e o sábado 10, ás 20,30 h., e o domingo 11, ás 18,00 h. A venda anticipada de entradas está operativa a través do web entradas.abanca.com ou do teléfono 902 434 443. Os días das representación tamén poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.”