“Na
illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 4 de xuño, anunciouse o ditame da XXXIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre as que se atopaban Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX; Xosé Ballesteros Rei, presidente da Asociación Galega de Editoras; Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia; Bieito Ledo Cabido, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; Xabier Alonso, concelleiro de Cultura, Turismo e Novas Tecnoloxías de Redondela; Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, ademais de escritoras, editoras, libreiras, críticas, bibliotecarias, profesoras e outras persoas colaboradoras da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada, na que Lydia Botana se ocupou do apartado musical do serán, salientando (…) que nesta edición de 2016 participaron 89 orixinais entre as tres modalidades de novela, literatura xuvenil e literatura infantil.
A escritora Ledicia Costas, que esta semana recibiu o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, como mantedora literaria desta velada, comezou o seu discurso, «Todas as constelacións do mundo», dedicado á Xeración Lamote por abrir o camiño da esperanza, lembrando a súa experiencia como lectora dende cativa:
«Se boto a vista atrás, cousa que fago con certa frecuencia, recoñezo o moito que lle debe a miña xeración ás xeracións anteriores. Ser escolarizada en galego foi determinante para min, unha nena educada integramente en castelán. Aquelas obras que caeron nas miñas mans a principios dos anos noventa abriron unha porta branca por onde empezaron a desfilar en ringleira os personaxes dos libros que me volveron poliédrica. E coa forza das cousas máis auténticas fun inverno, bágoa, agulla. Fun animal, océano, nordés e abismo. Fun unha criatura coas ás pintadas de estrelas e o corazón aberto en tantos anacos coma historias me cativaron. Nese incendio de palabras que se propagaba sen remedio, asoman a cabeza as coleccións Merlín, Xabarín e Fóra de Xogo de Xerais. Non era só que todos aqueles libros en galego me achegasen momentos únicos, é que me fixeron entrar no centro exacto da emoción. A emoción da lectura. Velaí a maxia. Acababa de atopar o mapa de todas as constelacións no mundo.»
Salientou, despois, sentirse orgullosa da entrega á lingua galega «que nos caracteriza a todas e todos nós, que nos fai formar parte dun proxecto común». «Recoñezo que me sinto especialmente vencellada á Xeración Lamote. Os seus textos foron determinantes para a formación daquela lectora que demandaba obras das que enchouparse ata a medula.» (…) «Agora sucede que hai unha nova xeración abríndose paso, a Xeración da Esperanza, que ten interiorizado un proxecto literario de país. Sabemos ben das renuncias que implica escribir na nosa lingua, pero cando cres en algo con tanta forza, as dificultades pasan a ser un elemento secundario.»
Tras vindicar o papel das mulleres na literatura galega, «para que a presenza actual das mulleres no sistema literario galego siga gañando forza e consistencia ano a ano», rematou Ledicia Costas expresando o seu compromiso: «Eu opto pola luz, pola lingua e pola forza dun país que me fai sentir importante». Sigue lendo
Entrega dos Premios Nacionais de Cultura a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo
Desd
e Brétemas, de Manuel Bragado:
“Na entrega dos Premios Nacionais de Cultura correspondentes ao bienio 2014-2015, realizada o 1 de xuño en Palencia, houbo unha apreciable presenza da cultura galega. Aos premios de Tradución e Teatro de 2014, sumáronse o pasado ano os de Literatura Infantil e Xuvenil de Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais) e o de Poesía Xove de Gonzalo Hermo por Celebración (Apiario), o que constitúe un espazo de visibilidade para a nosa creación e produción cultural. Catro novos nacionais que incrementan a nómina de títulos da literatura e edición galegas premiados polo Ministerio de Cultura nas últimas tres décadas: cinco en infantil e xuvenil, cinco en tradución, tres en narrativa, dous en literatura dramática, dous de ilustración, un de cómic, un de ensaio, dous de poesía, un de teatro e un ao mellor labor editorial. Premios que constitúen un pulo e unha oportunidade para as persoas premiadas, mais tamén un aliciente e un recoñecemento colectivo para a cultura literaria galega, sometida a tantas invisibilidades e inxustos prexuízos. Parabéns, pois, a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo, que onte representaron orgullosas a excelencia e a esperanza da literatura galega do século XXI.”
Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 4 e domingo 5
O
sábado 4 e domingo 5 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 4
– 18:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz, organizado por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. Presentación de Transición, de Pablo Fernández Barba, publicado por Sotelo Blanco Edicións, obra gañadora do XVI Premio Risco de Creación Literaria.
– 19:30 h. Bieito Iglesias asina exemplares de O ouro de Ourense, publicado por Engaiolarte, na caseta da Libraría Kathedra.
– 20:00 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carmen Blanco Ramos, publicado por Xerais. No acto acompañará á autora Patricia Arias Chachero.
Domingo 5
– 12:30 h. Presentación do libro Lindos abrollos, de Carlos Abeledo, publicado por Edicións Embora, con cata de viños de Adega Pousadoiro.
– 20:00 h. Presentación de Liquidación de existencias, de Ramón Caride, publicado en Xerais. No acto acompaña ao autor Jorge Emilio Bóveda.
– 21:00 h. Presentación do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, Análise estructural e simbólica do mito da moura, de Rafael Quintiá, publicado por Sotelo Blanco Edicións. No acto participan Miguel Losada, Antonio Blanco e José Mª Eguileta.
Vídeo de Carlos Quiroga sobre A imagem de Portugal na Galiza
Ourense: actos destacados na Feira do Libro para o venres 3
O
venres 3 de xuño comeza a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 20:15 h. Luís Manuel García Mañá asinará exemplares de Por que as sombras non teñen ollos, publicado por Xerais.
– 21:00 h. Pesentación de Contos e lendas arraianos, de José Rodríguez Cruz e ilustrado por Pilar Sevillano, publicado por Xerais. No acto estarán acompañados por Luís Manuel García Mañá.
Vilar de Santos: presentación de Negruña, de Xosé Duncan
O
sábado 4 de xuño, ás 20:00 horas, na Arca da Noe (Rúa do Forno, 13), en Vilar de Santos, preséntase Negruña, de Xosé Duncan, publicado por Urco Editora, coa presenza do auto, o editor Tomás González Ahola e Paula Fraga, de Octopus to the Party, e unha cata de Licores Ecolóxicos Alicornio.
Lóuzara: Roteiro Fiz Vergara Vilariño 2016, o sábado 11 de xuño
O próximo sábado 11 de xuño faremos a viaxe que todos os anos realizamos na memoria de Fiz Vergara Vilariño.
Visitaremos os lugares que o Fiz amou e volveremos atopar entre as árbores, o río e o camiño as intervencións dos 13 artistas que interpretaron a poesía do Fiz e a natureza louzariña.
Recitaremos os seus poemas ao ar, que ecoarán nas valigotas e nos tesos. E no auditorio da Aira de Tesín os amigos de O Trícole poñerán a súa música nunha mañá de roteiro.
Remataremos cun xantar no mesón de Paredes.
Podedes anotarvos no correo: ergueitos@gmail.com
Ponteareas: I Encontro Cultores e Cantares da Língua Galega e Portuguesa
Desde
o Portal Galego da Língua:
O Encontro Cultores e Cantares da Língua Galega e Portuguesa está organizado polo Instituto Galego de Estudos Internacionais e da Paz, cos seguintes actos destacados:
Sexta-feira, 3 Local Salón Nobre do Concello.
– 19:30 h. IGESIP – “Uma visão Lusófona e Internacional dentro da Paz”. Orador: Artur Alonso (Presidente IGESIP – Instituto Galego de Estudos Internacionais e da Paz). Leitura do Texto: “ Da alethopoiésis de Rosalía de Castro”, da Dra. Lúcia Helena Alves de Sá – Presidenta da Casa Agostinho da Silva (Brasilia – Brasil).
– 20:00 h. Concerto musical de Isabel Rei.
– 20:30 h. Presentación de A imagem de Portugal na Galiza, de Carlos Quiroga, publicado por Através.
– 21:15 h. Recitado Poético – Círculo aberto. Local Café Onde Sempre. Participan, entre outras e outros, as poetas: Isabel Blanco, Rosanegra, Cruz Martinez, Manuel Blanco Rivas, Alexandre Insua, Artur Alonso. Guitarra: Andrés Fernández Rodríguez.
Sábado 4 Junho. Salón Nobre do Concello.
– 18:30 h. Guerra da Cal – Primeira Ponte Literária. Palestra de Joel R. Gômez: “Ernesto Guerra Da Cal, de refugiado político em Nova Iorque a internacionalizador das culturas galega e portuguesa”.
– 19:00 h. Rosalia de Castro – mulher universal dentro da literatura galego-portuguesa. Palestra da poeta Iolanda Aldrei: “O bem comum em Rosalia de Castro.”
– 19:30 h. Conversa Literaria, coas escritoras Concha Rousia e Iolanda Aldrei.
– 21:30 h. Concerto. Local Auditorio Reveriano Soutullo. Grupo de Fados Os Teimosos.
“De ruta polo escenario da novela Costa do Solpor“, reportaxe en El Correo Gallego
Universo Pulp, por Armando Requeixo
Desde
Criticalia, de Armando Requeixo:
“O pulp define tanto un formato de edición coma toda unha estética que retrotrae as súas orixes aos finais do XIX. Entendido como un particular soporte de impresión, o pulp nace do emprego dun tipo de polpa de madeira que produce un papel amarelento, basto e de calidade ruinzalla, co que se confeccionan volumes sen guillotinar e de custo moi reducido. Ese foi o material co que comezaron a publicarse certo tipo de historias que tiveron moito éxito nos anos 20, 30 e 40 do pasado século e que hoxe continúan chegando ao público nunha sorte de revival neopulp. (…)
Na literatura galega tamén hai interesantes exemplos desta literatura da ‘polpa’. Unha sorte de pulp pioneiro teríano sido as coleccións Céltiga e Lar, tanto dende a súa materialidade (edicións populares, de baixo custo e materiais moi modestos) coma dende a súa intencionalidade (pénsese, por exemplo, que aquí apareceu Un ollo de vidro de Castelao, modelo de narrativa de ultratumba benhumorada).
Mais, alén de mostras puntuais, o pulp xenuíno toma corpo coa aparición no 2007 de Urco Editora como selo especializado. Ao seu esforzo editorial debemos a tradución ao galego de clásicos do pulp (Lovecraft, Howard), a aparición de colectáneas que seguen o ronsel das revistas pulp estadounidenses (velaí as diversas entregas dos volumes colectivos Contos estraños, un “steam-pulp da Galiza”, como a definen os seus responsables) e tamén a publicación de narracións de autoras e autores noveis que ofrecen produtos literarios encadrables nos eidos do terror fantástico ou da ficción científica en edicións de estética pulp.
Non xa pola súa textualidade senón polo seu formato habería que contar como parentela pulp unha colección como Xerais Peto e varias outras da división Alternativas. Tamén si, a máis recente Pulp Books, selo especializado na tradución de títulos galegos ao castelán e ao catalán no que teñen aparecido ben interesantes obras en edicións autenticamente populares, con deseño, maquetación e cubertas moi na liña do universo pulp, asinadas por autores como Iolanda Zúñiga, Diego Ameixeiras, Teresa Moure, Xabier López, Xosé Ramón Pena, Mario Regueira, Santiago Jaureguizar, Luís Rei Núñez ou Eva Moreda, entre outros.
[Faro de Vigo, 12-5-2016]”
