Pontevedra: presentación de Da identidade à norma, de Vítor Vaqueiro e Nicolás Xamardo

A quinta feira 16 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Paz de Pontevedra (Peregrina, 29), Vítor Vaqueiro presenta o libro Da identidade à norma, editado por Laiovento, do que é autor xunto con Nicolás Xamardo. No acto participa tamén Xabier Paz.

A Coruña: obradoiro de creación O ollo da Arte. Laboratorio 2017, impartido por Antía Otero

O ollo da Arte. Laboratorio é un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, é un obradoiro de creación artística no que aprender pensando tod@s xunt@s.
Se tes unha idea, un proxecto artístico, un bosquexo que che bule na cabeza e queres participar nun proceso compartido entre máis persoas con inquietudes comúns, ou se posúes inquietudes artísticas, ganas de deixarte levar e aprender dos demais e da deriva, O ollo da arte está aberto para ti.
Na práctica, con ferramentas que nos axuden a colocarnos na experiencia artística xerando dinámicas de grupo nas que tod@s sexamos creadoras e espectadores a un tempo, dende a primeira xornada teremos a oportunidade de colocarnos na pel d@ outr@ e de acompañarnos nos procesos partindo dunha vía de traballo personalizada para cada participante.
Ao longo do laboratorio teremos a visita de dous creadores que traballen en activo e que se achegarán a Normal para compartir co alumnado as súas experiencias, guiar os proxectos e aportar novas ferramentas.

Datas: todos os luns entre o 6 de marzo e o 26 de xuño de 2017.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: NORMAL (Paseo de Ronda, 47. A Coruña).
Prezos: 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía.
Participantes: máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 15 de febreiro ao 3 de marzo de 2017. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.

A Coruña: presentación de Os tres de nunca, de Nacho Taibo

O xoves 16 de febreiro, ás 19:30 horas, na Librería Lume (Rúa Fernando Macías, 3), da Coruña, preséntase o libro Os tres de nunca, de Nacho Taibo, publicada por Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Martínez Oca e Manuel Bragado.

Bota a andar o ano Casares

Desde Sermos Galiza:
“A Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura, o Pen Galicia, a editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo da Limia presentaron a programación anual dedicada ao escritor, que será o protagonista indiscutible do ano editorial e cultural.
Galaxia, que acolle a inmensa maioría da súa obra, comezará o ano publicando un feixe de obras pendentes co obxectivo de que “estea toda a súa obra ao dispor dos lectores e lectoras”. Así, publicará os cinco Toribios (literatura infantil), que se atopaban descatalogados; así como os ultimos volumes de Á marxe, que reúne a súa obra xornalística. En febreiro verá a luz tamén un conxunto de relatos e tamén as columnas A delicia de ler. E na primavera chegará unha biografía do ourensán da man de Henrique Monteagudo.
E aló polo mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e da Fundación que leva o seu nome. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación que foi presentada hoxe. Haberá tamén concursos literarios, unha carreira deportiva, lecturas públicas e recitais, obradoiros, relatorios e máis. O CDG, en coprodución con Talía Teatro, levará a escena a novela Os mortos daquel verán, que se estreará en Compostela en maio.
Na rede
A Academia visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor, ademais do espazo biográfico dedicado a Casares na web oficial da RAG.
E o día 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria que realiza a Academia terá lugar nun dos lugares fundamentais na súa vida, Xinzo da Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos.”