O sábado 20 de febreiro, a partir das 09:30 horas, terá lugar a II Excursión da Ruta Costa do Solpor, turístico-literaria, dirixida polo autor da obra, Xosé María Lema Suárez.
Está organizada polo CEFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), o antigo CEFORE (Formación do Profesorado), dependente da Xunta de Galicia, e como tal, dirixida a profesores/as de toda Galicia. A excursión inaugural (con 54 viaxeiros) fora o 17 de outubro de 2015.
Estas van ser as paradas principais previstas para contemplar os itinerarios naturais nos que se desenvolve a novela: saída de Vimianzo ás 9:30 h. >> ruínas do pazo de Boallo (Berdoias) >>> praia da Langosteira (Fisterra) >>> porto de Fisterra e castelo de San Carlos, onde o poeta Alexandre Nerium recitará unhas poesías súas que inspiraron pasaxes da novela ==> punta da Buitra / furna da Buserana / monte Cachelmo >>> xantar nos Muños (Muxía); pola tarde: paso pola Ponte do Porto >>> Alto das Campeleiras (Santa Mariña) e Camelle.
Están apuntados profesore/as de toda Galicia (para un autobús de 50 prazas), non só de lugares máis ou menos próximos á zona (Santa Comba, Carballlo, A Coruña, Santiago) senón de moito máis distantes, coma Ferrol, Ribadeo, Lugo, Ourense, Boiro, Pontevedra, Cangas, Moaña…).
A Coruña: proxección da curtametraxe Na outra beira das augas grandes (1982-2015), de Xabier P. DoCampo
Universidade da Coruña: Mestrado Universitario en Literatura, cultura e diversidade (curso 2016-2017)
Podedes consultar tamén a web da Facultade de Filoloxía.
Xa está aberto o prazo de matrícula dos Mestrados para os estudiantes estranxeiros (do 18 de xaneiro ao 18 de abril).
Convocado o XV Certame Literario de Relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos
“1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 8 de abril de 2016.
4. Os traballos serán remitidos ao enderezo: Concello de Noia. Rúa Rosalía de Castro, 2 – 15200 Noia (A Coruña)
5. Estabelécese un único premio de 3.000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
O premio está consignado na partida 334.48003, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/-a, que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco correspondente á súa conta. Unha vez presentada a certificación, o Concello disporá de cinco días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos.
O xurado, que será nomeado por resolución do concelleiro-delegado de Cultura, estará composto polo:
– Presidente: Concelleiro delegado de Cultura.
– Secretario/-a: un traballador municipal, sen voto.
– Catro vogais nomeados/-as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas entre os que deberá constar un membro da revista de creación literaria e cultural “Casa da Gramática” do IES Virxe do Mar de Noia.
O xurado emitirá publicamente o seu veredicto o día 13 de maio de 2016.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes serán destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación destas bases.
Noia, 26 de xaneiro de 2016
O Concelleiro de Cultura
Asdo.: José Manuel Lage Tuñas”
Día Internacional do Libro Infantil 2016
Desde Galix:
“Como saberedes, o 2 de abril, para conmemorar o nacemente de Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil.
Cada ano, a OEPLI e as súas catro seccións, entre as que se encontra GÁLIX, traballan para celebrar este día no maior número de lugares de toda España.
Nas actividades deste día animamos a participar a centros escolares, bibliotecas e librarías na difusión da mensaxe da escritora Luciana Santori e do cartel do ilustrador Ziraldo que este ano preparou a sección brasileira do IBBY. Podes descargar a mensaxe en pdf aquí, e aquí a Carta de convite a bibliotecas e librarías e a Carta de convite a centros docentes.
Ademais, co gallo desta data, organizaranse sesións de contacontos, encontros con autores/as, etc. e, por suposto, o concurso anual. Este ano, o concurso chámase “Adopta un animal de conto”.
As librarías e bibliotecas poden adherirse a estas iniciativas a través da web da OEPLI neste enderezo.
GÁLIX será a encargada de coordinar estas iniciativas en Galicia e celebraremos, no seu momento, a entrega de premios para os/as rapaces/as que participen no concurso.”
Xabier P. DoCampo estrea no CGAI un filme que rodou hai 33 anos
Desde Sermos Galiza:
“Este sábado no CGAI da Coruña proxéctase a curtametraxe Na outra beira das augas grandes, que o escritor Xabier P. DoCampo rodou hai 33 anos para un curso de cinema e que agora vén de recuperar e reescribir a historia.
O pase do filme será o sábado 20 ás 18 horas e incluirá unha conversa posterior co escritor, aquí no rol de director e guionista. A fita foi estreada no pasado Culturgal, cando Docampo sorprendía a propios e estraños dando a luz un filme que rodou hai case 44 anos na Costa da Morte. Titúlase Na outra beira das augas grandes e é unha adaptación dunha lenda dos Pés Negros americanos que lle pareceu ao autor “unha marabillosa metáfora desa emigración galega, eses homes e mulleres que foron buscar a vida á outra beira do océano”.
“Isto nace da miña paixón por contar historias e por que mas conten”, explica Docampo. “Eu amo o feito marabilloso de contar historias, non é que non me importe o medio polo que se contan, pero persigo por riba de todo a fascinación que asolaga a miña alma ao aprehender a emoción dunha historia ben contada. E iso é o que pretendín con Na outra beira das augas grandes”.
A orixe da fita remóntase a 1981, cando Docampo, xunto con outros compañeiros, participaron nun curso de cinema e, como parte del, tiñan que rodar un filme. El, como non podía ser doutra maneira, teimou en facer un guión para nenos e nenas que foi seleccionado e comezou a gravación en diversos lugares da Costa da Morte tendo como protagonistas aos actores Miguel Pernas e Maruchi Olmo. Sen embargo, os cartos rematáronse e aquela fita gardouse nun armario “coa condición de que o montaría cando tivese posibles, pero nunca os tiven e alí ficou durante case 33 anos”. Sigue lendo
Ourense: María Lado e Lucía Aldao presentan Pendanca e oso
O sábado 20 de febreiro, a partir das 22:00 horas, en El Pueblo Café Cultural (Rúa Samuel Eiján, 1), en Ourense, Lucía Aldao e María Lado, Aldaolado, estrean o recital Pendanca e oso, unha fábula aldaolado sobre o amor.
Compostela: conversa con Manuel Rivas arredor de O último día de Terranova
O venres 19 de febreiro, ás 20:00 horas, na Librería Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, a xornalista Susana Pedreira manterá unha conversa con Manuel Rivas sobre a súa novela O último día de Terranova, publicada por Xerais.
Gondomar: presentación de 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca
O venres 19 de febreiro, ás 20:30 horas, na sala de conferencias do Instituto de Estudos Miñoranos, aula Ponte de Rosas, situada na Avenida da Feira, 10, baixo, de Gondomar, preséntase o libro colectivo 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, e publicado por Biblos. No acto participan Marta Dacosta, Pepe Cáccamo, Ledicia Costas, Miriam Ferradáns e Irene Silva, que nos ilustrarán sobre a xestación deste orixinal e importante libro e recitarán algúns dos seus poemas.
A Coruña: presentación de Moraime, pequena vila con mar, de X. H. Rivadulla Corcón
O venres 19 de febreiro, ás 20:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32) da Coruña, preséntase Moraime, pequena vila con mar, de X. H. Rivadulla Corcón, publicada por Positivas. No acto, xunto ao autor, participa Francisco Macías.