Monforte: acto destacado da Feira do Libro no xoves 25

OFeira do Libro de Monforte 2016 xoves 25 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa:

21:00 h. Presentación de A oseira, de Antón Blanco, publicado por Chan da Pólvora. Participan, xunto ao autor, Olga Novo e Afonso Traficante.

Monforte: actos destacados da Feira do Libro no mércores 24

OFeira do Libro de Monforte 2016 mércores 24 de agosto comeza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Inauguración da Feira. Pregón inaugural a cargo de Antón Lopo, tras actuar a Banda de Gaitas de Monforte.
20:00 h. Xabier Quiroga asina na caseta da Secretaría.
20:00 h. Estefanía Padullés asina exemplares de A canción do sol, publicado por Hércules de Edicións, na caseta da Libraría Agrasar.
20:30 h. Presentación de O amor nos escuros días de Birkenau, de Alberto Canal, publicado por Xerais. Con Ramón Caride.

Caldas de Reis: recital poético de Carlos Callón dentro de Orixe Candente 2016

OCarlos Callón 2014 martes 23 de agosto, ás 22:00 horas, na Terraza do Mesón Bermaña, en Caldas de Reis (Rúa Porto do Río, 31), dentro da V edición de Orixe Candente, terá lugar un recital poético coa participación de Carlos Callón, quen recitará poemas de Atravesar o fantasma, publicado por Xerais.

Xosé Benito Reza, Arraiano Maior 2016

DesdeXosé Benito Reza con X. L. Méndez Ferrín Sermos Galiza (foto de Caderno Arraiano):
“(…) O acto de entrega foi o sábado 20 de agosto, ás 20:00 horas, no Centro de Interpretación de Aquis Querquernis, en Porto Quintela (Bande). Antes da entrega Xosé Luís Méndez Ferrín fixo unha semblanza de Reza e Isaac Alonso Estraviz fíxolle entrega da Aguillada Arraiana, que cada ano pasa de man en man, dende o ano 2009, en que Ferrín foi nomeado Arraiano Maior. Entre os distinguidos con este recoñecemento en edicións anteiores están Bento da Cruz, Antonio Lourenzo Fontes, Neira Vilas ou Isaac Alonso Estraviz.
Reza foi elixido Arraiano Maior por unanimidade nunha curiosa acta que fai un repaso pola vida do recoñecido: “E así foise facendo un dos máis grandes defensores da identidade arraiana, da natureza, da paisaxe e da cultura da nosa terra, camiñando sempre, consciente de que andando xurden as boas ideas”.
Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) é enxeñeiro de Montes e experto en medio ambiente, especialmente nas áreas de natureza, biodiversidade, espazos protexidos e paisaxe. Foi director xeral de Conservación da Natureza durante o bipartito e director dos Parques Naturais “Baixa Limia-Serra do Xurés” e Invernadoiro.
Publicou Memorias do Pedal – O camiño portugués a Santiago, Celanova e o vento, con Xosé Luis Méndez Ferrín e unha biografía de Curros Enríquez e outra de Arturo Noguerol Buján, entre outros. (…)”

Compostela: presentación de -movimentos-, de Francisco Valeiras

OMovimentos Francisco Valeiras martes 23 de agosto, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase -movimentos-, de Francisco Valeiras, publicado en edición de autor, con ilustracións de Alexandre Fernández Sobrado.

A Antígona de María Xosé Queizán, segunda parte: A muller en, sobre ou baixo a literatura, por Rosa Enríquez

ArtigoRosa Enríquez por Eduardo Castro Bal de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Christine de Pizan, no século XIV, escribía no seu libro A cidade das Damas, que, tras preguntarse, repetidas veces, ao respecto das razóns que levaban os homes a vituperar as mulleres en escritos e tratados tiña como propósito “decidir, en conciencia, se o testemuño, reunido por tantos varóns ilustres, podería estar equivocado”. Esta intención de Piza, non exenta de ironía, faise interesante e denota, ademais, unha grande afouteza, tendo conta da época en que viviu. Supoño que é facil caer na conta da audacia inusitada dese propósito da autora, dado o imaxinario existente nesa altura, que, por suposto, non propiciaba en absoluto unha reflexión desa índole. Cuestionar o canon literario e parte dos seus contidos no século XIV, era un labor difícil, que, obviamente, nin ía ter continuidade, a curto prazo, nin sería tomado realmente en serio.
Precisamente por iso, a figura de Pizan é tan reivindicada, a día de hoxe, por adiantarse varios séculos a análises sobre esta mesma cuestión, realizadas, entre outras, por Virginia Woolf, no seu ensaio “Un cuarto de seu”, ou por Sandra M. Gilbert e mais Susan Gubar nese traballo tan minucioso titulado “La loca del desván: la escritora y la imaginación literaria del siglo XIX” . Por que traio aquí estas referencias? Porque Queizán tamén se fai eco desta cuestión, na medida en que toda a súa obra, pon o foco nas relacións de poder, que son, en definitiva, as que teñen determinado, durante séculos, a situación política, social e cultural das mulleres, facendo sempre fincapé na intereseira escisión dos espazos público e privado, sendo o segundo, un lugar de sombras e silencio, tamén de espera, que se considerou apropiado para as mulleres. Así o asegura Queizán, no seu ensaio Anti Natura ­ “(…). Ou sexa que para que os homes fosen libres e actuasen no mundo público, foi necesario recluír e reducir as mulleres ao mundo privado, onde, ademais, perdían toda consideración humana”­, no que non teme arremeter contra iconas da esquerda, como Marx, do que di, por exemplo, “(…) Neste caso as opinións de Marx superan a desvergoña, sobre todo se lembramos que tivo unha filla de criada, filla que, por certo, se negou a recoñecer”. Iso si, malia esta afirmación, aclara, a posteriori, que, “Considerar este indigno comportamento de Marx”, non a vai levar a unirse “aos detractores de Marx, nin a anular moitos aspectos das teorías marxistas que contribuíron, sen dúbida, á mellora da sociedade”. Entendo esta aclaración de Queizán. Enténdoa e compártoa tamén. Paréceme moi pertinente este exercicio de obxectividade, porque esta incoherencia entre a actitude presuntamente honorábel na vida pública dalgunhas persoas e a indecente que adoitan manter no ámbito privado, non dería significar que haxa que desbotar as aportacións de seu, sempre que estas sexan dalgún interese para nós dende un punto de vista social, político ou cultural. Privarnos diso suporía a queima da maior parte do que foi escrito, por que, sexamos realistas, que escritor, filósofo, artista ou político non foi cómplice da ideoloxía patriarcal imperante? Iso si, cómpre facer visíbel a devandita incoherencia, principalmente para que se produzan algunhas mudanzas reais, así é que, como a autora viguesa apunta “a frase feminista, o persoal é político, ten cada vez máis repercusión social”. E está ben que así sexa para dar, insisto, certos pasos cara a adiante. Esta consciencia que a ensaísta ten da importancia daquilo que sucede no ámbito que consideramos privado, lévaa a construír unha Antígona claramente política que sae dese lugar de sombras e silencio, para adentrarse no escenario público, na ágora, no lugar real en que a política explícita, cos seus conflitos, acontece. (…)”