Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Ledicia Costas: “Estou dobremente feliz, a nivel persoal mais tamén pola literatura galega”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Bases do XLI Certame Nacional Galego de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo 2015
“1. FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Teo (A Coruña) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.
2. REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.
3. TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.
4. TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 16 DE NOVEMBRO de 2015 a algún destes enderezos:
– FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela.
– CONCELLO DE TEO. CONCELLARÍA DE CULTURA.
Travesía da Ramallosa, nº 38, cp 15883
Lucía, Teo.
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno.No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.
5. PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€ (suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un (e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais). Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores ou autoras.
6. XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritoras e Escritores (AELG e PEN Clube de Escritores de Galicia) e do Concello de Teo (A Coruña). Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.
7. ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Teo (A Coruña) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.
8. OBXECIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.”
A Coruña: recital poético e musical na inauguración da exposición Berros n(o gume d)a fronteira, de Xacobe Meléndrez
A Coruña: presentación de Etimologias Obscuras ou Esconsas, de Higino Martins Esteves
Betanzos: presentación de Poemas alumeados, de Luís Seoane
Santa Cruz, Oleiros: presentación do libro-disco Cadros dunha exposición
Lugo: Letra das Festas: Lembranza de catástrofes e desastres naturais, o mércores 7 de outubro
Letra das Festas: Lembranza de catástrofes e desastres naturais é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a coordinación e presentación de Antonio Reigosa e Isidro Novo. É a quinta edición desta “revista de literatura oral ao vivo” que sae sempre polo San Froilán, e na que este ano interveñen persoas que rememoran catástrofes e desastres naturais.
Terá lugar o mércores 7 de outubro, a partir das 18:00 horas, no Círculo de las Artes (Praza Maior, 23) de Lugo, con entrada libre.
Ciclóns como o Hortensia (1984) e o Klaus (2009), terremotos como o de 1997 (que acadou 5,1 de intensidade, sendo o seu epicentro no triángulo Sarria-Triacastela-Becerreá), galernas (como a de 1961, con 83 mortos, que castigou especialmente a Celeiro), así como riadas, inundacións, nevaradas, sarabiadas e tormentas con maior ou menor sona que teñan dado lugar a unha aventura ou vivencia digna de ser contada. Sucesos de aquí e de alá como os que nos van narrar dalgunhas catástrofes en Nicaragua desde a ONG Axunica.
Contan:
– Bernardino Pardo Teixeiro.
– Paco Nieto.
– Antón Grande.
– Xerardo Pardo de Vera.
– Ana Vila Montero (da ONG Axunica).
Música:
– Mini e Mero.
Coordinan e presentan:
– Antonio Reigosa / Isidro Novo (Sección de Literatura Oral da AELG).
Miguel Anxo Fernández fala sobre O espido de Gina
A Coruña: presentacións de Eli Ríos, Francisco A. Vidal e Uxío-Breogán Diéguez
Basilio Losada: premio Ramón Piñeiro e novo membro de honra da RAG
Desde Sermos Galiza:
“(…) O profesor, tradutor e crítico literario de Láncara, Basilio Losada Castro, primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e embaixador da cultura galega en Cataluña, dedicou o sábado 3 de outubro o seu discurso de ingreso na RAG como académico de honra ás primeiras novelas de Rosalía de Castro, que foi respondido polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. (…)
Na mesma semana pasada, a Asociación Cultural Val de Láncara anunciou tamén que é o gañador do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País. O xurado valorou o labor deste lugués en favor da lingua e cultura galegas e a súa contribución á difusión da identidade galega por diferentes países.”