Como
vén sendo habitual por estas datas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade ven de editar a Axenda Feminista 2016 que xa está dispoñible en diferentes puntos de venta.
Non podía faltar este clásico do Observatorio que xa vai pola súa sexta edición e que, un ano máis, escolle a 12 mulleres para protagonizala. Se en anos anteriores a Axenda Feminista se centrou máis en ámbitos cultuais e se dedicou ás músicas, escritoras, teatreiras ou poetas galegas, para este 2016 que está a piques de comezar o Observatorio quere valorar e visibilizar o traballo de 12 científicas, unha por cada mes do ano. Mulleres galegas ou mulleres vencelladas a Galiza, que dende os seus proxectos de investigación contribúen día a día a mellorar as nosas vidas.
Ben poucas áreas de traballo levan contribuído tanto ao avance da sociedade como a ciencia e a tecnoloxía e, se moitas veces eses cambios sociais non adoitan recibir o recoñecemento social que se merecen, a invisibilización é moito maior cando se trata de mulleres. Moitas delas acadaron grandes logros que non sempre foron recoñecidos na súa xusta medida, e é por iso que desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade queremos render a nosa pequena homenaxe a todas esas mulleres, ás pioneiras que abriron o camiño como María Sklodowska Curie, Lise Meitner ou Rosalind Elsie Franklin, como ás que seguiron.
Para o Observatorio da Mariña pola Igualdade é unha honra contar cos textos que escribiron expresamente para a Axenda Feminista 2016 de Vanessa Valedeiglesias García (Toxicoloxía Xenética), Josefina Ling Ling (Astronomía e Astrofísica), Aida Fernández Ríos (Bioloxía Mariña), África González Fernández (Inmunoloxía), Sonia Villapol Salgado (Neuroloxía), Alicia Estévez Toranzo (Microbioloxía e Parasitoloxía), Mª Isabel Fernández García (Química Inorgánica), Gloria Revilla López (Fisioloxía Vexetal), Elena Vázquez Abal (Xeometría e Topoloxía), Susana Martínez Conde (Neuroloxía), Ana Mª González Noya (Química Inorgánica) e Mª Isabel Loza García (Farmacoloxía). Son Elas na ciencia e acompañarannos no 2016, cada unha na súa especialidade, cada mes do ano. Sigue lendo
O poeta galego Alexandre Brea Rodríguez, entre as persoas gañadoras do Concurso para poetas de 18 a 30 anos para participar na antoloxía Emergente – Novos Poetas Lusófonos
“Foram
anunciados esta sexta-feira os vencedores do concurso para a antologia Emergente – Novos Poetas Lusófonos, uma iniciativa de promoção à publicação de novos autores de poesia lusófona, idealizada pelo escritor Samuel Pimenta e organizada em parceria com a editora Livros de Ontem.
“Nesta primeira edição do concurso, tivemos mais de 100 participações, oriundas de Portugal, Brasil, Angola, Moçambique e Cabo Verde”, explica Samuel Pimenta, presidente de júri. “Para uma primeira edição, o balanço de participações é muito bom, uma vez que, nos dois meses de convocatória, contámos com o apoio de diversas instituições lusófonas, que nos ajudaram com a divulgação do concurso. Na segunda edição, queremos que o nível de adesão seja superior. Afinal, somos mais de 244 milhões a falar português e as oportunidades de publicação para novos autores não são muito abundantes. A Emergente procura preencher essa lacuna”, acrescenta.
Da selecção do júri, saíram vencedores 12 jovens poetas: Alexandre Brea Rodríguez, da Galiza; Ana Cunha, Ariana Rupp, David Erlich, Diogo Godinho, Eduarda Barata, Iago Vendrell, João Paulo Coelho e Margarida Gordon, de Portugal; Rodrigo Domit e Vanessa C. Rodrigues, do Brasil; e Kussu Kappo, de Angola. Além de Samuel Pimenta, constituíram o júri, nesta edição, João Batista, editor da Livros de Ontem, e Ana Paula Tavares, escritora angolana que, nos últimos anos, tem integrado, também, o júri que atribui o Prémio José Saramago.
“Esperamos que, para os 12 vencedores, esta oportunidade seja uma alavanca para se afirmarem no meio literário lusófono. Procurámos que as nossas escolhas reflectissem a diversidade com que se escreve poesia em português. E as novas gerações estão a escrever muito bem”, diz João Batista, editor da Livros de Ontem.
A publicação da antologia Emergente – Novos Poetas Lusófonos está agendada para Fevereiro de 2016, onde se fará a sessão pública de apresentação dos novos poetas.
Até lá, pode apoiar ou saber mais sobre o projecto aqui.”
Lugo: Libros para mirar, Luz Darriba e o poema de Marica Campo Confeso que estou tola
Compostela: presentación de A noite enriba, de Diego Ameixeiras
Manuel Rivas: “A literatura está na xente: sei de campesiñas que falan como personaxes de Homero”
Entrevista
a Manuel Rivas en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Como arranca o libro [O último día de Terranova]?
– Manuel Rivas (MR): No outono do 2014, co narrador e propietario da librería, ante un ultimato por desafiuzamento. Esta novela é unha rebelión das palabras para que se escriba a historia. As palabras rebélanselle dentro e empeza a historia de Terranova, que vén ser a historia dunha Odisea: hai continuos naufraxios e atrancos para que non chegue ao lugar da memoria. O pai do narrador, un dos fundadores da librería, era un catedrático de Grego na República que foi depurado, o home que máis sabía de Ulises do mundo.
– LO: A librería chámase Terranova, un nome moi simbólico.
– MR: A fonte económica que fai posible abrir a librería na posguerra son os aforros dun un pescador, o avó do narrador, un dos pioneiros en Terranova e con moi boa man para arrincar o fígado ao bacallau.
– LO: Repítese na súa obra a ollada ao esforzo dos devanceiros.
– MR: Claro. Non é tanto unha ollada ao pasado, senón que o rescate desa xente que protagonizou e encarnou a esperanza é necesario para seguir respirando. Tamén está moi presente a idea de saudade. O pai do narrador é máis racionalista e di que a saudade é unha carallada. E o tío do narrador encarna a marxinación, defínese como surrealista saudosista, porque para el a saudade é o desexo do que non tes aínda.
– LO: A librería é só unha tenda ou un espazo de reunión social, de protección da cultura, de refuxio para os inquedos politicamente?
– MR: Ese é o trazo fundamental de Terranova. Na ditadura é un espazo de refuxio da cultura. Hai un personaxe que semella invención, pero o que semella máis inventado é o máis real: o capitán Canzani, un marino mercante arxentino, poeta e moi amigo dos exiliados galegos que traía libros aquí, camuflados. Terranova é un refuxio que sobrevive a moitos naufraxios de diferente tipo. O que constitúe unha cidade e lle dá personalidade son os lugares, as librerías, as tabernas, as asociacións de veciños, unha coral, onde exista emoción, memoria e o contacto presencial entre iguais. Iso tivo a importancia cun réxime totalitario e segue a tela hoxe cando están a desaparecer os lugares porque estamos metidos nunha especie de gran mall, de superficie comercial. Avanza pola cidade un baleiro. (…)
– LO: Son moi importantes os lugares mentais?
– MR: Para min, a novela é unha mestura do real e o imaxinario. Esta é unha obra bastante tranxenérica, bastante queer, cunha historia de serie negra… Toda a xente ten varias caras, como na vida; todos os personaxes son tamén uns como dobres dos outros, complementarios. Tamén é un encontro coa cultura oral, popular. Hai tamén un espazo rural que se converte noutro refuxio. Só sabe que existe a aldea a xente que vive alí (ri).
– LO: A literatura sérvelle para interpretar a vida?
– MR: Totalmente. Escoito conversas no mercado ou no bus e paréceme que están falando Vladimir e Estragón de Becket. Coñezo a mulleres campesiñas que falan como os personaxes de Homero ou Shakespeare. A boca da literatura está nos libros pero tamén na xente que pelexa coa historia, as voces baixas, a xente que non quere dominar. A memoria está nos libros pero tamén na imaxinación popular. Hoxe un estudante pode chegar ao final do Bacharelato e non ter unha relación verdadeira coa literatura. Isto é algo dramático, porque é a ferramenta que nos ensina a pensar, sentir e ver, e non hai outra que a sustitúa. O ensino non debe ser acumular coñecementos, iso faino un software, senón aprender a pensar e sentir.”
Helena Villar Janeiro nomeada Socia de Honra de GÁLIX
Reunida
en Santiago de Compostela, a xunta directiva de GÁLIX decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2015 á escritora Helena Villar Janeiro.
A entrega do galardón terá lugar o día 9 de decembro ás 13:30 h. nun acto escolar aberto ao público no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, centro no que a homenaxeada exerceu a docencia.
A escritora María Solar realizará a correspondente laudatio. Despois, o alumnado do centro participará coa lectura de textos de Helena Villar Janeiro e manterá con ela un diálogo sobre a súa obra e vivencias no centro escolar. Logo da resposta da homenaxeada á laudatio, o presidente de GÁLIX fará entrega da escultura, deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.
En anteriores edicións, foron declarados Socios de Honra os autores de literatura infantil e xuvenil Xavier Senín, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey e Xoán Babarro.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2015
Eva Moreda: “Unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición”
Entrevista
de Carlos Loureiro a Eva Moreda en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Dende moi nova a emigración formou parte da túa vida… ti mesma escribiches verbo deste feito… Que supuxo para a túa literatura esta realidade persoal?
– Eva Moreda (EM): A emigración foi o mellor que me pasou na miña vida adulta. Transformou para ben a miña vida e a min mesma ata uns extremos que non podía nin soñar. Pero penso na literatura e, a primeira vista, o balance semella ser máis ambiguo. Anos en que a penas escribín ao comezo da miña experiencia migratoria; agora ando na aventura de escribir nunha lingua estranxeira e imaxino que iso tardará tempo en dar os seus froitos, se os dá. Espero, que a longo prazo, o resultado sexa tan positivo e transformador coma o foi sobre o resto de aspectos da miña vida. (…)
– NG: E, de novo, a voz feminina, a visión feminina… Compromiso feminista?
– EM: Considérome feminista pero non sei ata que punto a miña literatura o é, supoño que na medida en que reflicte preocupacións de meu. A Veiga foi, con Organoloxía, o meu intento máis obvio de escribir unha historia declaradamente feminista, pero creo que cansei axiña diso. Para min, unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición dun xeito que o ensaio non o fai, e isto, penso eu, non casa ben con facer literatura de tese. Por exemplo, hai pouco decateime de que nos últimos tempos teño escrito varias pezas sobre mulleres de dereitas, e non foi algo deliberado, pero, a posteriori, ten moita lóxica, porque me permite verme de fronte coas miñas contradiccións e as de outros e mirar atentamente unha parte do mundo, unha parte da sociedade, á que se cadra non podería mirar con tanta atención fóra da literatura. (…)
– NG: Na literatura cobran peso a imaxinación e loxicamente a propia vida… Que é máis importante para ti á hora de escribires, a propia vida, a sociedade da que te ves rodeada, ou a imaxinación que poida dar cobertura a esta realidade narrada?
– EM: As tres, e non sabería dicir cal é máis importante. A sociedade percibímola na nosa propia experiencia e o noso propio corpo, e a imaxinación literaria é o único que pode transformar esta experiencia en literatura. Gústame deixar esta imaxinación literaria libre, non actuar moito sobre ela, permitir que me sorprenda. (…)”
Betanzos: xuntanza do Clube de Lectura Francisco Aguiar con Anxos Sumai e presentación de Lourenço, Xograr, de Manuel Portas
Intervención de Xavier Queipo na recollida do premio Blanco Amor de Novela pola súa obra Os Kowa
Desde
Sermos Galiza:
“Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento que amolece as quebras da saúde e do ánimo, co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio como é o Blanco Amor. Vai pois o meu agradecemento sincero á Deputación de Ourense que rescatou in extremis a celebración deste galardón, tan importante para as Letras Galegas. Agradecemento asemade para os membros do xurado, por ter achado a miña novela merecedora de distinción e agradecemento, como non podía ser doutro xeito, para aqueles que me estiman e se senten igualmente agasallados.
Hai uns días botei a vista atrás para analizar a herdanza recibida daquelas xeracións que me precederan. Na familia houbo sempre unha tendencia migratoria importante, que se foi consolidando co tempo. Algúns fixeron unha migración dentro dos límites da Península, e chegados da Rioxa e do Ribeiro remataron por se coñecer en Compostela e fundar unha póla da miña familia directa, a menos viaxeira e máis negociante. Os outros, máis arriscados ou se cadra máis desesperados, logo de longas travesías fixaron a súa residencia en varios países de América: Chile, Arxentina, Brasil, Venezuela, Colombia, Cuba e México, para rematar os máis deles vivindo na Florida e mais en Nova York, eses desaugadoiros de latinos que queren ser iankees de primeira. Uns regresaron e outros non, que así son os vaivéns da vida cando un se acolle a tan insegura randeeira como é a emigración. Teño pois a herdanza migratoria, que non sei se irá nos xenes ou será puramente comportamental, de imitación do que outros fixeron antes. Levo case 26 anos en Bruxelas e a ninguén da familia lle asusta, pois sempre foi así, xentiña que emigraba e retornaba ou non.
Os membros comerciantes da familia abriran colmado de produtos ultramarinos en Compostela e por dúas xeracións traficaron, case sempre legalmente, con cacao traído da Guine e café do Brasil, uvas pasas de Corinto e turróns de Alacante, pasta de guaiaba importada de Cuba e té de mate para os retornados da Arxentina. Eses falaban galego e castelán con axilidade de felinos, pois o que eles querían era satisfacer aos clientes, que sempre teñen a razón e porén non compre mudarlle o rexistro lingüístico. Foron eles os que acolleron na casa a Daniel R. Castelao ou os que coñecían de primeira man a D. Ramón Otero Pedraio, os que atesouraban libros de Rosalía ou de Cunqueiro, de Cabanillas ou de Murguía. Deles herdei o bilingüismo harmónico, no que algúns acreditan e outros non. Eu non xulgo, mais a herdanza está aí.
Todos eles, os viaxeiros emigrantes e os comerciantes chegados do interior falaban galego sen complexos cando a ocasión así o precisaba. Todos eles, dunha banda e mais doutra aprendéronme a ser galego, a lembrar as orixes, a saber de onde é que viña e de quen viña sendo.
Sen sabelo, déronme como herdanza dúas ferramentas que moito me ían servir na vida: raíces e ás. Raíces (ou raizames se o prefiren), para entender o próximo e ter un lugar no mundo como referente e ás, para saír polo mundo adiante a gañar o sustento dos meus, mais tendo sempre un ollo posto en Galiza, que é onde as raíces están. É coma se fose unha planta rubideira ou reptante, tipo hedra ou buganvílea, que sen deixar o contacto coa terra voan por riba das árbores máis outas ou dos valados que contornan a casa.
Raíces e ás, para sentirse galego e cidadán de onde se habita, para amar aos dous países, Galiza e Bélxica, non esquecendo nin de onde é que vimos, nin quen é o que en definitiva nos dá de comer. Outros terán e amarán sen dúbida a sorte que lles tocou de seres sedentarios, e non serei eu quen os envexe ou os deixe de envexar, mais eu recibín como herdanza esas dúas armas, raíces e ás, e non me podo queixar. Recibín tamén, e isto é algo que me foi transmitido como un tesouro, a capacidade de comezar cada día cantando, co son da música que todo envurulla facendo esquecer as desgrazas.
Gardo como un agasallo especial a aperta de Manuel María, que nun día de celebración da Festa da Patria Galega, apertoume coas minguadas forzas que non lle sobraban e díxome, “sigue así, rapaz”, e así é que eu sigo, escribindo e pondo nese labor o empeño de quen me precedeu na estirpe de loitadores por unha Galiza liberada.
Vou rematar, pois xa estarán cansos de discurso tan demorado.
Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado xa de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. Hoxe estou agradecido e aínda que mañá teño que deixar de novo o país para me reintegrar o meu traballo, levarei nas ás este pulo e este alento que hoxe vexo aquí reflectido nos seus ollos. Que sexan felices.”





