Entrevista
a Mercedes Queixas na revista dixital Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Como entendes o processo de criação artística e literária?
– Mercedes Queixas (MQ): No meu caso conviven dous procesos moi dispares, mesmo antagónicos até tal punto que non me resulta doado explicalos.
A respecto da escrita ensaística, este responde sempre a un proceso planificado, moi calculado desde a xénese e cun horizonte final a nivel editorial moi próximo. Neste caso, o esforzo creativo céntrase no proceso de lectura e investigación, na arquitectura do texto, na selección dos contidos e na procura dun enfoque expresivo o máis persoal posíbel.
Pola contra, a escrita máis persoal é moito máis convulsa, emocional, impulsiva e, ás veces, irracional. Non é procurada intencionadamente, tamén non é pautada, pois xorde a partir da necesidade de procurar axuda para pór en palabras o desequilibrio exterior que non me permite o acougo interior. Esta escrita é a terapéutica, a catalizadora dun presente de bárbara inxustiza social que non son quen de asumir e, ao tempo, a que me reta a descubrir os meus límites nos marcos osixenantes da palabra.
Desde hai moito tempo teño gravadas as palabras de Uxío Novoneyra: De tanto calar xa falo eu solo. Esta escrita íntima é o diálogo necesario para verbalizar as palabras-espiña, aquilo que bole dentro de min en sensacións e impulsos que, en ficando no interior, acababan por me atragoaren.
A escrita en min non naceu como algo procurado, intencionado, senón como unha proposta externa, un convite, mais si podo afirmar que co tempo foi medrando como unha trampa aditiva ou unha necesidade orgánica e así descúbrome, ás veces, mergullada nunha evasión que me leva a tomar notas en calquera soporte ao xeito (unha servilleta de papel, unha libreta do bolso ou na axenda do móbil…) e en calquera lugar.
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– MQ: Se partimos da base de que temos unha materia prima creativa completa, ancha e moi diversa, como acredito firmemente, acho que do que estamos preocupantemente carentes é de vías de presenza pública, de visibilidade que a coloquen ao alcance da sociedade para poder decidir, en igualdade de oportunidades e desde a liberdade, su gosta, interesa ou partilla.
A sociedade está a percibir multitude de estímulos, tantos que é imposíbel a súa asimilación con sentido crítico e reflexivo. Mais, no entanto, non se inclúen de xeito preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións, os elementos culturais galegos, nomeadamente os escritores e as escritoras como referentes. Sigue lendo →