A AELG no XVI Forum de Estudos Ibéricos da Universidade de Oxford

A AELG colabora co Centro de Estudos Galegos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Facultade de Linguas Modernas e Medievais da Universidade de Oxford, que organizan este fórum os 20 e 21 de marzo, no que a profesora Mercedes Queixas Zas presentará o relatorio Tradución: a outra voz imprescindíbel para amplificar a visibilidade literaria.
O programa definitivo é este.

“Á diversidade lingüística e cultural historicamente existente na Península Ibérica, engadíuselle, ao longo das últimas décadas, a diversidade de linguas, culturas e representacións da realidade que trouxeron consigo as persoas chegadas aos territorios ibéricos procedentes de todo o mundo. Esa diversificación deu lugar a un calidoscopio de linguas e culturas que transformou a realidade social dos territorios ibéricos, con consecuencias en ámbitos tan diversos como o familiar, o educativo, o empresarial e mais o institucional, alén doutros.
Á súa vez, as linguas e culturas ibéricas pasaron a formar parte do mundo global e interconectado, contribuíndo deste xeito ao enriquecemento da diversidade cultural e lingüística mundial na era das transnacionalidades.
A Península Ibérica é cada vez máis diversa, máis multilingüe, máis multicultural e tamén máis complexa. Este feito ten notábeis consecuencias no eido das linguas, a literatura, as artes e todo tipo de manifestacións culturais e, ao mesmo tempo, levou a unha mudanza de paradigma no estudo das sociedades e as súas manifestacións culturais.
Os efectos colaterais do actual contexto de recesión económica nos territorios que constitúen a Península Ibérica representan un reto en todo o que se refire á xestión da diversidade. Nesta dimensión, a reflexión crítica sobre estas sociedades imponse con nova urxencia.
No XVI Forum de Estudos Ibéricos hanse abordar estes eixes de plena vixencia desde distintas perspectivas, mais sempre co denominador común do estudo da diversidade:
– Multilingüismo e diversidade lingüística.
– Linguas en contacto e variación lingüística.
– Ideoloxías e actitudes lingüísticas.
– Política e planificación lingüística.
– Ensino e aprendizaxe de linguas.
– Tradución, interpretación e mediación.
– Sociopragmática comparativa.
– Culturas en transformación.
– Pertenzas transculturais, pertenzas múltiples e complexas, construción de identidades.
– Literatura e multiculturalismo.
– Escrita e migracións.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XIV)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES Alfredo Brañas de Carballo, do seguinte xeito:
“O luns 24 de febreiro, o Equipo de Dinamización Lingüística organiza un acto en conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro. Consistiu nun recitado de poemas de Rosalía por alumnos (en varios idiomas), pais, profesores e persoal de administración; haberá tamén a proxección dun documental, música e canto. Preme aquí para ver o programa completo.”

Ferrol: acto arredor do libro A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O xoves 20 de marzo, ás 19:30 horas, no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, terá lugar un acto arredor do libro A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicado en Xerais. No acto acompañará ao autor Eliseo Fernández.

Ramón Nicolás: Con Antón Riveiro Coello no Club de Lectura Lendo no Galiñeiro

Crónica de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
Antón Riveiro Coello agasallounos onte, coa xenerosidade que o caracteriza, un serán inesquecible. Achegouse á tardiña ao Club de Lectura Lendo no Galiñeiro do IES Valadares e gozamos alí dun par de horas de intensa e aleccionadora conversa arredor, basicamente, desas dúas grandes pezas da narrativa galega contemporánea como son Laura no deserto e mais As rulas de Bakunin, sobre as que se dialogou abondo, aínda que tamén se tocaron aspectos do que se podería denominar a cociña (literaria) do autor, isto é, o seu espertar á creación literaria, as lecturas e o pouso que estas deixan ou as fontes e dinámicas empregadas para a xestación das súas novelas. Houbo tempo tamén para falar d´Os ollos de K, de Casas baratas e doutros títulos, sempre con simpatía e proximidade. Un serán extraordinario, non teño dúbida, onde moito aprendemos sobre literatura e sobre vida. Moitas grazas, Antón (fotos do encontro nas que falta o espléndido fotógrafo, Anxo Cabada).”

Marín: presentación de Sete caveiras, de Elena Gallego

O xoves 20 de marzo, ás 20:00 horas, no Museo M. Torres de Marín (Avenida de Ourense, 1), preséntase Sete Caveiras, de Elena Gallego, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Foro de Debate Marinense, xunto á autora, participan Asun Estévez, Ángel García Carragal e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación do libro colectivo Alén do silencio

O xoves 20 de marzo, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18) da Coruña, preséntase o libro colectivo Alén do silencio. No acto participan, entre outras/os, María Luísa Abad, Pepe Ancosmede, Raquel Bello, Rita Bremmer, Mariquinha C., Natalia Concheiro, Carmen Conde, Ana Croas, José Estévez, Anxo Fernández Laxe, María José Fernández López, Xurxo Gago, Beti Guiance, Xosé Iglesias, Ra Iribarnegaray, Antom Laia, Catarina Laxe, Guillerme López, Iria López, Luís Mazás, Miguel Melero, Mila Miguélez, Raquel Naya, María Porta, Marité Prieto, Teresa Ramiro, Paula Sánchez, Paco Souto, Ricardo Souto, Clara Vidal, Ramiro Vidal, e María Xestal. Tamén participa, na parte musical, César Morán.

Vigo: presentación de O sexo masculino dos anxos, de Manuel Janeiro

O xoves 20 de marzo, ás 20:15 horas, en La fiesta de los maniquíes (Rúa Rogelio Abalde, 11), en Vigo, preséntase O sexo masculino dos anxos, de Manuel Janeiro, publicado en Galaxia. O acto, no que participan, xunto ao autor, Víctor Freixanes e Damián Villalaín, será será introducido por unha peza teatral breve titulada Desamordazamento, interpretada polos actores Pedro Placer e Pablo Carrera.