Santiago: preestrea de O instante eterno, documental de Xosé A. Cascudo sobre Díaz Castro

O martes 26 de novembro, a partir das 16:00 horas, no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, dentro da programación do festival Cineuropa, terá lugar a preestrea de O instante eterno, o documental sobre Díaz Castro no que o escritor e guionista Xosé Antón Cascudo leva traballando desde o 2011, asesorado por Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos e depositario do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois do visionado haberá un debate na sala co director do filme.
A estrea de O instante eterno está fixada para o 19 de febreiro do 2014, data da efemérede do centenario do poeta de Gutiriz.

A Coruña: presentación de Silencio habitado, de Olga Patiño

O martes 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase Silencio habitado, de Olga Patiño Nogueira, publicado polo Grupo Sial-Pigmalión. No acto, xunto á autora, participan Luz Pozo Garza, Xavier Seoane, Pilar García Negro, Jose Carpenter e Basilio Rodríguez Cañada. Haberá tamén unha actuación musical a cargo de César Morán.

Deserto o XX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Na mañá do sábado 23 de novembro, os membros do xurado do XX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta reunímonos na casa consistorial do Ilmo. Concello do Grove para proceder á deliberación que nos levase ata a obra gañadora do certame deste ano. Acompañáronnos en tal empresa a encargada da Casa da Cultura, Marina Aguín, que actuou como secretaria do certame con voz pero sen voto, e mais o concelleiro de NNTT, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín, que o fixo en representación da institución convocante.
Por espazo de case tres horas, Manuel Quintáns Suárez (en calidade de presidente), Ánxela Gracián, Francisco Martínez Bouzas, Juan Tallón (gañador da anterior convocatoria) e mais eu tentamos atopar un orixinal que reunise os que, ao noso ver, poderían ser méritos suficientes para distinguir tal texto como gañador do certame. A procura —delongada, laboriosa, intensa— resultou finalmente infrutuosa, pois ningunha das dezasete novelas presentadas convenceu o necesario á maioría do xurado para decidírmonos ao seu favor.
Así as cousas, o xurado non tivo máis remedio que actuar en consecuencia e declarar deserto o premio, o que comunicamos á prensa nunha acta da que, a seguir, extracto algúns parágrafos que dan conta do alí sucedido; velaí:
“Tras un longo e profundo debate, os membros do xurado non atoparon os puntos de encontro necesarios que os conducisen á escolla dun orixinal como gañador. Secasí, este xurado quere recoñecer as calidades que puntualmente puido descubrir nalgunhas das obras presentadas a concurso, mais entende que non foron suficientes para xustificar a concesión dun galardón da traxectoria e o renome do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey.
Tamén si, este xurado quere congratularse do decidido apoio que as dúas entidades que avalan o premio, o Ilmo. Concello do Grove e mais a Editorial Sotelo Blanco, amosaron sempre e seguen amosando para o bo desenvolvemento do certame, confirmado polo feito de que xa estean preparándose as bases para a vindeira convocatoria no primeiro trimestre do 2014.” (…)”

Cuestionario Proust: Cesáreo Sánchez Iglesias

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Cesáreo Sánchez Iglesias:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ser corredor de fondo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A tenrura filla da honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O respecto mutuo na diferenza de pensamento.
4.– A súa principal eiva?
– Querer facer moito en pouco tempo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escoitar os sons da natureza en silencio.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ser correspondido nos afectos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro non convocala.
8.– Que lle gustaría ser?
– Aquel que me soño cando amo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza, nunha Galiza independente.
10.– A súa cor favorita?
– O azul de Fra Anxélico.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O xasmín.
12.– O paxaro que prefire?
– O malvís.
13.– A súa devoción na prosa?
Pedro Páramo.
14.– E na poesía?
-Safo e Uxío Novoneyra, Pessoa e T. S. Eliot.
15.- Un libro?
A Divina Comedia.
16.– Un heroe de ficción?
– Tiresias.
17.– Unha heroína?
– Sherezade.
18.– A súa música favorita?
– Bach e Bob Dylan. A música galega de banda.
19.– Na pintura?
– Piero della Francesca e Maruxa Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As maquiladoras de Cidade Juárez.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes enteiros: Alexandra.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A arrogancia.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O ditador de cada tempo. Leopoldo II de Bélxica. Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A autodefensa do pobo vietnamita. Os Vietcong.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– En cada idade quixen ter un diferente.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Coa xanela aberta ao mar ou ás carballeiras da infancia, cos meus.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A tensión de querer facer cousas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que, non facendo dano, a persoa non consegue corrixir.
30.– Un lema na súa vida?
– Buscar nas persoas e nas cousas o que teñen de humildade.”

Compostela: recital no marco do obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Alicia Fernández

O sábado 23 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Didáctica da Fundación-Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, terá lugar un recital poético aberto ao público, no marco do obradoiro Da memoria ao poema, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, impartido por Alicia Fernández, e no que xa contou coa visita do escritor Antón Lopo.
Neste recital aberto ao público, participarán alumnos do obradoiro de creación literaria. Intervirán tamén neste recital: Antía Otero, Xiana Arias, Mario Regueira, O Leo i Arremecághona, Gonzalo Hermo, Berta Dávila, Alba Cid, Agustín Delicias, Ismael Ramos, Jesús Castro, Naïr García Abelleira e Xesús Estalote.