O
xoves 12 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, que contará, xunto ao autor, coa participación de Fran Conde, Montse Dopico e Manuel Bragado, estrearase o videopoema O desexo está na pantalla, dirixido por Alberte Paz Calo e Alba Romero Diéguez, coas actuacións de Antón Blanco Casás e Luís Miguel Giménez Grende.
Forza e control, por María Reimóndez
Artigo
de María Reimóndez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Se algunha vez alguén tivo dúbida da conexión entre os mundos da fantasía, no literario e fóra, e aqueles que denominamos “o real” (deixarei a crítica da Matrix para outro día) achegarse a O Gran Reino [de Eduardo Santiago] acabará de disipar esas incertezas. Non é novidade ningunha ler a ficción científica ou a literatura denominada “fantástica” como glosas sobre o que existe, pero neste caso o tema vólvese a materia da propia narración. Unha materia que toma forma corpórea nunha adolescente, Galadriel, que anda, na miña lectura, á procura dun espazo onde poidan convivir a forza e o (auto)control.
Aínda que as capas de lectura deste Gran Reino poden ser moitas, vou ficar nesta concreta. Porque rara vez atopamos na literatura protagonizada por adolescentes unha personaxe como Gala. Certo é que o estereotipo masculino do heroe que ten poderes e non sabe que facer con eles pode ecoar como referencia, mais precisamente o interesante de Gala é que foxe e se arrepón ao discurso adquirido. Para empezar, o único poder que ten Gala é a súa intelixencia, a súa creatividade. Algo ao alcance de calquera moza. Algo fanado socialmente en calquera moza. Como ben nos recorda Carlos Negro en Penúltimas tendencias, o mundo do rosa ao que nos vimos sometidas as que fomos adolescentes e ao que se vén sometidas as que o son agora implica tamén unha asunción da parvicie e da superficialidade por defecto para definir o feminino. As mozas poden ser calquera cousa, mais nunca intelixentes. E moito menos intelixentes de máis. Esa é unha chata incomprensible que fai que unha non saiba que facer con ela.
Porén, Gala atopa unha maneira, controvertida e por veces maléfica (e aló vai outro estereotipo, o da adolescente riquiña, o da muller que ten que agradar a toda costa). Unha moza que sabe aproveitar moi ben as feblezas alleas para o seu propio beneficio. Que sabe usar o estereotipo para o ben propio. Dubido que ningunha adolescente a quixese inicialmente como amiga ante esta descrición, mais a astucia desta novela fica en que malia todo isto Gala é alguén a quen queremos emular porque na súa perfidia está tamén unha creatividade sen límites, aquela da que agroma O Gran Reino. (…)”
Cuestionario Proust: Francisco Antonio Vidal
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Francisco Antonio Vidal:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Introvertido.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Decencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– Timidez.
5.– A súa ocupación favorita?
– Charlar cos amigos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que o tempo sexa rendible.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ser arredado dos meus.
8.– Que lle gustaría ser?
– Científico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Chorima.
12.– O paxaro que prefire?
– Pardal.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– Rosalía.
15.– Un libro?
– Cien años de soledad.
16.– Un heroe de ficción?
– Odiseo.
17.– Unha heroína?
– Ursula Iguarán.
18.– A súa música favorita?
– A Alborada de Veiga.
19.– Na pintura?
– A Venus do espello, de Velázquez.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Stephen Hawking.
21.– O seu nome favorito?
– Adrián.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Que se mollen sopas nunha fonte común antes de que se sirvan todos.
23.– O que máis odia?
– O engreimento.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolución dos caraveis.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Capacidade de retentiva.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen ver vir á morte.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Reflexivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe.”
Lugo: encontro sobre O veleno da risa. Un misterio para Tintimán en Lugo, con Santiago Jaureguízar
O
xoves 12 de marzo, a partir das 18:00 horas, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (Parque da Milagrosa), Santiago Jaureguízar será o escritor protagonista da Cata Literaria, onde manterá un encontro cos lectores da súa obra, dirixida a público xuvenil, O veleno da risa. Un misterio para Tintimán en Lugo, publicada por Xerais.
Bases da III Edición de MicroCatrorelatos, do Café de Catro a Catro
A Coruña: presentación de María Barbeito, de Ana Romero Masiá
Compostela: presentación de Quem fala a minha língua? Vol. 2
Betanzos: presentación de O sistema foral en Galicia, de Severino Fernández Abel
Pontevedra: presentación de Marcelino Gómez Arias, de Perfecto Ramos
Paseos pola Coruña Literaria, os 14 de marzo, 25 de abril e 16 de maio (prazas cubertas)
Os
Paseos pola Coruña literaria son unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
A volta á cidade xerminal, Manuel Rivas.
Sábado, 14 de marzo, de 12:00 a 13:30 h.
Saída: Porta Real, antiga Avenida da República.
A Coruña, cabo do Faro, era unha cidade-libro. O libro estaba no escudo. Un almeiro urbano de bibliotecas populares, ateneos, escolas racionalistas e centros de librepensamento. En 1936, o fascismo quixo queimar e borrar do mapa todo iso. A novela Os libros arden mal conta a historia dramática da cultura, mais tamén a estratexia da memoria para xermolar nas cinzas. A literatura anda ás ceibas pola cidade-libro.
A Coruña de Luísa Villalta, María Casar.
Sábado, 25 de abril, de 12:00 a 13:30 h.
Saída: Estatua de Pardo Bazán nos Xardíns de Méndez Núñez.
Un percorrido polos espazos da cidade da Coruña que Luísa Villalta poetizou nos libros En Concreto e Papagaio ofrécenos a fusión entre poesía e paisaxe que sinala ao territorio como xerme da creación.
A cidade do vento e do mar que se sabe sempre aí, medrando en ondas que mollan os ollos e lamben as xanelas, faise palabra e debúxase no vento en ceos poboados de nubes.
A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, actualizando a súa inclusión no inventario dos lugares literarios do noso país.
As pedras percebeiras da Torre de Hércules (Ruta de Ulyses Fingal), Xurxo Souto.
Sábado, 16 de maio, de 12:00 a 13:30 h.
Saída: Praia de santo Amaro.
Tanto para a tradición greco-latina como para as vellas lendas atlánticas , A Coruña é unha fin do mundo –Torre de Hércules, Torre de Breogán–, porta do Mar Maior ou, o que é o mesmo, porta de todos os misterios.
O pintor Urbano Lugrís condensou estas dúas tradicións no seu alcume literario: Ulyses Fingal (Ulises de Ítaca, e mais Fingal, o heroe dos versos escoceses do bardo Ossián).
O Grelle, Macallás, Area de Concha, o Cabalo, as Longuiñas, a Rabaleira, Sogadoiro, Gueivouteiro… Velaí as pedras que rodean a Torre, conforme nos ensinou Emilio Mariñas, o sabio percebeiro.
Nesta ruta –dende a praia de Santo Amaro até o vello faro- queremos coñecer cada unha destas rochas, e que a eufonía dos seus nomes sexa impulso evocador para nos reencontrar coas máis grandes lendas do mar.
NOTA: agradecemos enormemente ao público o seu interese nesta actividade, que levou a que xa se cubrisen todas as prazas.





