O martes 8 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Norte, Avenida do Burgo, s/n), preséntase Dióxenes en Dolorida, de Ignacio Vidal Portabales, publicado por Xerais, e que obtivo o XXX Premio Blanco Amor de novela. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Rábade Paredes e Manuel Bragado.
Santiago: edición de outubro da Feira das Culturas de Compostela
O sábado 5 de outubro, na Área Central de Santiago, como todos os primeiros sábados de cada mes, celebrarase a Feira das Culturas de Compostela, un novo concepto de Feira, porque é de todos os creadores e produtores, permitindo unha aproximación directa ao público.
Para calquera información poden dirixirse a discovergalicia@gmail.com
Santiago: Da idea á acción. Conversa con Ana María Llopis
O mércores 16 de outubro, a partir das 10:00 horas, na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, dentro do Ciclo Economía e Cultura, terá lugar unha conversa con Ana María Llopis, baixo o título Da idea á acción. O acto, para o que a inscrición, gratuíta, se pode facer aquí, ten o seguinte programa:
– 10:00-10:15 h. Presentación.
– 10:15-11:15 h. Que é unha idea, e que se podería considerar unha “boa” idea.
– 11:15-12:00 h. Obradoiro de ideas!
– 12:30-13:30 h. Como se pasa á acción. E despois de compartir ideas… que facemos?
– 13:30-14:00 h. Debate final.
Gondomar: Vermú literario con Dolores Redondo en Espazo Lectura
O domingo 6 de outubro, ás 12:00 horas, na Xamonería Catro Camiños de Gondomar, o Club de Lectura Sete Vidas de Espazo Lectura abre a súa tempada cunha sesión moi especial: un vermú literario con Dolores Redondo acompañado de polbo á feira. A escritora vasca Dolores Redondo é autora do thriller de éxito internacional O gardián invisible, traducido a numerosas linguas en todo o mundo e estará connosco en Gondomar para acompañar os seus lectores e lectoras. Neste acto poderanse compartir coa autora uns atractivos momentos de charla e intercambio de impresións.
Rianxo: presentación de Iria, de Anxo Angueira
O venres 4 de outubro, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira- Parque de Galicia), terá lugar a presentación de Iria, de Anxo Angueira, publicada en Xerais. No acto, coorganizado polo Concello de Rianxo e a editora, participan, xunto ao autor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos e Manuel Bragado.
Pontevedra: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
A sexta feira 4 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (Avenida Santa María) de Pontevedra, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está coorganizado pola Fundación Alexandre Bóveda e a editora.
Goián (Tomiño): presentación da mostra Antonio Fernández, pintor de tres mundos, comisariada por Carlos L. Bernárdez
A sexta feira 4 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Goianés, en Goián (Tomiño), preséntase a mostra Antonio Fernández, pintor de tres mundos: Brasil, Italia e Galiza, comisariada por Carlos L. Bernárdez, e que poderá ser visitada até o 20 de outubro. Aquí pode descargase o folleto da exposición: Antonio Fernández. Pintor de tres mundos.
Santa Comba: presentación de Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema
O venres 4 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Ler de Santa Comba (Rosalía de Castro, 32), preséntase o libro Alturas do Monte Pindo, de Rafael Lema, editado pola Consellería de Cultura e o Concello de Negreira, e que recibira o primeiro premio Xosé Manuel López Ardeiro.
As Pontes: presentación do libro Dez anos de poesía nas Pontes
Camilo Franco deixa La Voz de Galicia
Desde Sermos Galiza:
“A saída de Camilo Franco da redacción de La Voz de Galicia produciu conmoción no mundo da cultura, para o que desde hai décadas é un xornalista respectado e coñecido. Delegado en Arousa, Camilo trasladouse a Compostela para desenvolver o seu labor na área de Cultura na que se convertera nunha voz de referencia, en especial, en artes plásticas en primeiro lugar e despois en teatro. (…)
Camilo Franco destacou no xornalismo cultural facéndose eco xa da emerxencia cultural producida nos anos oitenta e era coñecedor das tendencias artísticas e creativas do momento. Despois dunha etapa na que se significou como crítico e estudoso das artes plásticas contemporáneas, aos poucos foise convertendo nun crítico “atrevido” no mundo das artes escénicas, dos poucos de pluma afiada que tanto consagraba unha obra como botaba lume sobre a súa calidade. Como crítico teatral ofrece tamén a súa colaboración semanal no programa Diario Cultural da Radio Galega dirixido por Ana Romaní. (…)
Camilo Franco informou do seu abandono da Voz a través do seu facebook e, de inmediato, coñecidas figuras do mundo cultural e xornalístico se apuraron a lamentar a marcha dun xornalista que era quen mantiña a presenza da cultura galega nas páxinas do xornal de Sabón.”