A Coruña: obradoiro Dar coa palabra, a cargo de Estíbaliz Espinosa

“OEstíbaliz Espinosa 2 obxectivo principal do obradoiro Dar coa palabra, dirixido por Estíbaliz Espinosa, é profundar na escrita de poesía dende diversos enfoques, perderlle medo, á páxina en branco e á nosa propia voz, o noso estilo.
Traballar a honestidade e a claridade na palabra , que é quizais un xeito de traballar a honestidade e a claridade das ideas. Dende unha sintaxe que morde, acadar ideas que mordan.
Xunto a esa escrita vai a parte indispensable de lecturas, tanto de textos propios como textos clásicos, dende poesía contemporánea europea, galega, latinoamericana e norteamericana.
O recital ten como finalidade traballar a contundencia no noso propio discurso unha vez que se converte en palabra falada.
Programa
– 0.1 Poesía clásica: buscando chegar ao fondo sen perder as formas.
– 0.2 A ruptura: verso libre non significa perder son.
– 0.3 Prosa poética. Haiku.
– 0.4 Río de inspiración, factoría de estímulos, laboratorio de estilo. A literatura ten que morder.
– 0.5 Novos soportes. Twitteratura, literatura dixital, libros colectivos, revistas de creación, publicidade, audiovisual. Poesía e ciencia.
– 1.1 Recital poético cos traballos dos alumnos
Metodoloxía. O taller consistiría por unha banda no achegamento aos estímulos poéticos [os contidos] e por outra ás técnicas de escrita de poemas [as formas], dende as formas clásicas até fragmentos de prosa poética contemporáneos. Sempre dende unha perspectiva conciliadora, facendo da expresión poética non un sesudo tratado senón un traballo coa palabra que é válido para calquera, con ou sen formación. Buscamos esa torsión especial da linguaxe, ese punto de equilibrio entre disciplina e loucura, que aporta luz, ideas novas, se aceptamos que en expresións novas agóchanse tamén novas formas de ver o mundo.
O núcleo central estaría conformado polo traballo de escrita de poemas propios así como de lectura [tanto textos galegos como doutras literaturas] escollidos pola conductora do obradoiro.
Un recital conxunto poñería punto final aos meses de traballo.

Datas: Luns, de outubro a decembro.
Horario: De 18:00 a 20:00 h.
Lugar: Square (Praza de Azcárraga s/n., C. P. 15001), A Coruña.
Prazas e data ĺímite de inscrición: 15 prazas, con data límite do 30 de setembro de 2014.
Prezo: 60/mes socios – 80 /mes non socios de Polisemias. Consultar aquí.

María do Cebreiro: “A poesía vive onde se encontran as lembranzas e a imaxinación”

EntrevistaMaría do Cebreiro a María do Cebreiro en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): N’Os inocentes aparecen estes versos: “(…) A impotencia/ (e non exactamente a bondade)/ é aquilo que define os inocentes.” Así ve vostede a inocencia?
– María do Cebreiro (MdC): Aínda que no verso apareza o verbo definir, coido que a poesía non debe dar definicións. Son os versos os que se deben explicar por si mesmos. Non estou segura de estar de acordo con esa afirmación, incluso. O que quería expresar con este libro é que a inocencia é un rastro. Buscamos a súa pegada, especialmente a través do mito do paraíso perdido pero coido que en realidade o único que existe é unha idea do que é a inocencia, ás veces demasiado simplificada. E a miña reflexión reside en cuestionar se esa relación coa inocencia non debera ser máis complexa; superar esa idea de inocencia como nostalxia para enfrontármonos á pregunta máis interesante: quen son os inocentes? Son eles? Somos nós, os que lemos e confiamos na poesía? Diante do tempo que nos tocou vivir, que resistencia facer? Somos os elixidos porque escollemos o bando perdedor? Non teño a resposta.
– B: Unha das constantes do texto é a presenza da creación: o labor de escrita, os libros…
– MdC: O libro coido que forma parte intrínseca da miña obra porque é unha das ferramentas do meu traballo. Eu son profesora de Literatura e a obra literaria acaba formando parte da miña rutina. Non me podo desapegar del. Ademais, a miña relación coa creación literaria é algo sobre o que me gusta reflexionar. Primeiro desde o punto de vista da curiosidade: o que traen escrito os libros. E despois desde o punto de vista contrario, o da hixiene: debemos preguntarnos se é necesario escribir un libro máis cando xa hai tanto escrito. Ese dilema non quero dalo por sabido, quero ter presente que non escribir tamén é unha posibilidade, especialmente para un escritor. (…)
– B: Vostede, por xeración, pertence ao tempo dos Batallóns Literarios da década do 1990. 15 anos despois daquela eclosión de poesía, que pouso queda?
– MdC: Os poetas non gostamos moito diso das xeracións porque é coma se integrarnos nun colectivo nos limitase, como se nos diluíse o desexo de existir –sermos diferentes, únicos–, que vai implícito no labor de escribir. Eu recoñezo que nese tema discrepo. Síntome xeracionalmente no grupo dos 90, por idade, pero no posterior, no que empezou a publicar nos 2000, por proximidade literaria. A ese grupo que forman Daniel Salgado, Alberte Lema, Samuel Solleiro ou Xiana Arias Rego, eu chámolle a Xeración Perdida porque así como a dos 90 tivo unha gran repercusión, tanto entre a crítica como entre os medios de comunicación, os seguintes non foron considerados como grupo xeracional. E ao reflexionar sobre o motivo, penso que a chave de todo está na relación que mantiveron coa xeración anterior. A dos 90 fíxose un oco “matando o pai” (a xeración do 1980) pero ninguén matou a xeración do 1990. Quizais cómpre un discurso crítico coa que se produciu daquela e dilucidar se todo o que se facía pasar por poesía era poesía, se o que se conseguiu tiña importancia por unha cuestión cuantitativa unicamente. E até que punto as metas das que se presume eran tales. Realmente era tan amplo o público que asistía aos recitais? Realmente aumentou a demanda de poesía entre os lectores? (…)
– B: Vostede é investigadora de Teoría da Literatura. Varios dos seus traballos atinxen a presenza feminina na literatura. Convén aínda falar de literatura feminina?
– MdC: Calquera proceso de visibilización trae consigo unha etiqueta e a escrita ten entre as súas funcións romper as costuras, as etiquetas. Pero hai que ser sinceros: a igualdade aínda non é completa e mentres exista esa desigualdade é inevitable que esa mirada atravese os procesos de produción e de recepción de contidos literarios. O que si considero necesario é sermos máis amplos na ollada. Cando se fala de feminización da literatura galega contemporánea, falamos só de que agora hai máis escritoras? Ocorreu o mesmo nos outros campos relacionados? Nas editoriais? Nos medios de comunicación? (…)”

A Coruña: obradoiro Como soa mellor, a cargo de Estíbaliz Espinosa

“OEstíbaliz Espinosa 2 obxectivo principal do obradoiro Como soa mellor, dirixido por Estíbaliz Espinosa, é crear un laboratorio de traballo individual e colectivo coa finalidade de afondar na precisión da linguaxe literaria/ científico literaria e da lingua galega.
Metodoloxía: traducir textos a galego [ou se é posible dende o galego], ben escollidos polos participantes, ben pola conductora do obradoiro. Os textos de orixe serían orixinais en castelán, inglés, francés [ou outras linguas próximas], dependendo da competencia lingüística dxs asistentes.
Os textos serían de índole literaria, xornalística ou ensaística. Aquelas traducións que acadasen especial relevancia e calidade poderían pendurarse do blog Saga somos, centrado en tradución galega.

Datas: Luns, de outubro a decembro.
Horario: De 11:00 a 13:00 h.
Lugar: Square (Praza de Azcárraga s/n., C. P. 15001), A Coruña.
Prazas e data ĺímite de inscrición: 15 prazas, con data límite do 30 de setembro de 2014.
Prezo: 60/mes socios – 80 /mes non socios de Polisemias. Consultar aquí.

Compostela: presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde

OAlfredo Conde mércores 17 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Chovida do ceo, de Alfredo Conde, publicada en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

Comeza a súa emisión o programa radiofónico O noso xeito, dirixido por Óscar de Souto e Manuel de Corme

O noso xeitoÓscar de Souto e Manuel de Corme é un programa emitido semanalmente en Radio Roncudo e Radio Neria, presentado por Óscar de Souto e Manuel de Corme. A súa duración é de 60 minutos, e inclúe nos seus contidos literatura, entrevistas e información cultural. O horario de emisión é os venres ás 22:00 horas, repetíndose os sábados ás 09:00 h. A súa estrea tivo lugar o venres 12 de setembro.

Cuestionario Proust: Yolanda López

DesdeYolanda López o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Yolanda López:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A forza de vontade, o espíritu crítico, a paixón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O bo corazón, a xenerosidade, a solidaridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Pois amizade: saber dar e saber recibir nos bos e nos malos momentos.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia, o mal xenio cando me faltan ao respecto.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir poesía, pintar, ler coa “miña” música de fondo, fotografar ao aire libre, bailar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Bañarme nun mar de estrelas, poder voar, ou ir de tapas/copas en soedade ou en compaña dos meus.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Agora mesmo, a morte da miña nai.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son e mellorar como persoa día a día.
9.– En que país desexaría vivir?
– Cada lugar onde vivín, vivo e vivirei enriquécenme como persoa, mais elixiría Galiza, Nova Zelanda, Irlanda, Escocia, a Patagonia.
10.– A súa cor favorita?
– Cada cor ten o seu matiz, mais quedo co violeta polas súas connotacións sociais e pola súa forza visual.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia, a rosa branca, a mapoula, a flor do toxo, do ameneiro, da cerdeira e a do tileiro.
12.– O paxaro que prefire?
– O gorrión, o corvo, o colibrí.
13.– A súa devoción na prosa?
– Virginia Woolf, Amelie Nothomb, Eudora Welty, Clarice Lispector, Elvira Lindo, María Zambrano, Begoña Caamaño, Ralph Ellison, Roberto Bolaño, Cortázar, Faulkner, Paul Auster, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Galeano, Edgar Allan Poe…
14.– E na poesía?
Luísa Villalta, Rosalía de Castro, María Mariño, Chus Pato, Emma Pedreira, Álvarez Torneiro, Francisca Aguirre, Emily Brontë, Olga Orozco, Alejandra Pizarnik, Gioconda Belli, Maya Angelou, Miguel Hernández, Gamoneda …
15.– Un libro?
Los hijos de los días, de Eduardo Galeano, Mujeres que corren con los lobos, de Clarissa Pinkola Estés ou 2666, de Roberto Bolaño, por citar algúns.
16.– Un heroe de ficción?
– O Quixote, ou o protagonista anónimo da novela Invisible Man, de Ralph Ellison.
17.– Unha heroína?
– Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– Pock, punk, new age, blues, jazz, cantautor, country, oriental, celta.
19.– Na pintura?
– Frida Kahlo, Leonora Carrington, Georgia O’Keeffe, Marc Chagall, Alfonso Costa, Rafael Úbeda, Alfonse Mucha, Munch, Van Gogh, Turner, Picasso, Odile Redon, Friedrich….
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas “anónimas” que loitan día a día por saír do pozo, da miseria, da inxustiza… ben, e permítome a licenza de citar a María Pita, Xohana de Arco, Rosa Parks, Nelson Mandela, Gandhi…
21.– O seu nome favorito?
– Gabriel, Rosalía, Anxo, Laura.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de respecto, a intolerancia, a prepotencia, a hipocrisía.
23.– O que máis odia?
– A violencia machista, a dobre moral, o medo/covardía que son a orixe auténtica de todo mal social, o egoísmo, a envexa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hoxe en día, os ditadores ou “enxeñeiros” financieros: os políticos e os banqueiros corruptos.
25.– Un feito militar que admire?
– Máis que militar, revolucións pacíficas como a das damas brancas de Liberia ou a revolucion dos cravos de Portugal.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber tocar o piano.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Dun ataque de risa rodeada dos meus seres queridos, ou amando, ou durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista crítica e escéptica…, e agora mesmo cabreada con esta ditadura oilgarca de mercado que nos asoballa.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que veñan da inocencia e a inxenuidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”

Xela e Darío, por Cesáreo Sánchez Iglesias

DesdeCesáreo Sánchez Iglesias Sermos Galiza:
Intervención de Cesáreo Sanchez Iglesias na homenaxe da AELG a Xela e Valentín Arias.
“Convocámonos á celebración da memoria viva de dous seres queridos e admirados que crearon coa palabra, que en galego fixeron nosas outras literaturas que soñaron para xeracións futuras o soño de sermos donos do noso futuro.
Foron mans e alma de toda forma de creación en galego coma un acto fermosamente xeneroso, nun tempo no que eles sabían que era necesario chantar as pedras basilares dunha Terra tan mancada. Eles sabían que Galiza non podía ser arbore sen raíz.
Vimos de toda a nación a nos acoller nestas terras, a casa que con eles é fogar, na que conflúen os camiños e fan o camiño interior , o que trae do lonxe das terras que son serra viva alta, os ecos dos poetas queridos dos amigos e amigas e compañeiros que veñen do mar, da banda do mar e traen abrazos de espuma, de onda mariña arrecendente de sal e lúa de area e vento mareiro e mascato.
Veñen tamén da cidade cuxa alma forma parte da poesía de Xela, a cidade coma un ser que respira que alenta e latexa o seu corazón colectivo.
Eles 1410425509698PlacaValentinXelaAriasSarria2014que construíron sobre as sólidas trabes de perpiaño do idioma noso, o destino dos humillados, dos desposuídos desta terra. Nesa mesma pedra hoxe insculpimos os seus nomes, querémoslle dar así memoria á casa que os acolleu que os abrazou e foi fogar e que hoxe facemos fogar da memoria viva desta terra.
Xela, é a poeta que sabía da importancia de que todo toda poeta debe vivir á intemperie, só así na vulnerabilidade que dá a intemperie, o corpo e os sentidos son sometidos ao devir das estaciones cos seus ciclos de vida coa luz e a súa sombra. Da calideza que acariña e do frío que agrieta o delicado pel do corpo e o sentir da poeta.
Chama por nós nos seus poemas convidamos “ao non ser para ser todo “. Convidamos a nos ver a nós propios. A súa poesía danos na man o mapa para seguir as pegadas do noso propio ser. Ela nos seus poema foi deitando no chan os pequenos e humildes brancos cantos rodados para nós non nos perder no camiño de regreso.
Nos seus poemas denúdase para nos invitar a nos denudar de todo aquilo que non permanece que non deixa pouso nos afectos.
Pídenos erguermos en labarada os sentidos para percibir a beleza do que non é oco artificio do que non é alienada verdade manipulada.
O noso idioma, a antiga lingua nosa, é para ela prolongación do propio corpo da nosa propia sustancia terreal.
A reivindicación do corpo coma lugar no que a vida deixa as súas pegadas de ledicia e de dor. O corpo coma lugar no que a sociedade concreta a súa alienante represión sobre a muller e en consecuencia o lugar de reivindicación de todo o que lle é negado.
Mais a poética do amor e do desexo que desenvolve nos seus textos é da mais rica e fértil complexidade e vai mais aló da simples reivindicación do propio corpo e denuncia as capacidades de destrución de perda de independencia por se querer realizar coma suxeito de amor e de desexo, mesmo denuncia a banalización do amor pola súa institucionalización social coma rito oco coa súa perda de verdade.
Sempre alerta Xela está a denunciar en fin todo arredor do amor, do corpo, do desexo, do fogar, do matrimonio e cos ollos ben abertos fronte dos que ollan á muller coma algo posuíbel.
Escrebe poemas que nos convocan contra da alienación, a súa voz poética canta contra o que é rutina asfixiante e empobrecedora, mesmo das inamovíbeis certezas da orde social Pídenos en fin coa súa radical humanidade que tomemos as rendas do noso propio destino e por iso dinos que a vida vai en serio.
Cando ela reivindica a desorde faino disolución do Vella orde social e persoal para crear unha Nova orde. E como non, fermosa e clarificadora é a súa aportación coma a poeta que segue a ser cando é nai e escrebe Darío a diario.
Así, abriu camiños hoxe felizmente transitados polas xeracións que viñeron despois dela. Viviu o seu tempo xeracional que é o meu insubornable no seu eu de muller da estirpe daquelas que non cantan as pombas e as flores que dicía Rosalía ao tempo que estaba atenta ás necesidades da construción dun sistema literario que estaba dar á luz e desenvolvía a súa propia viabilidade editorial.
Deixounos dito o seu pai Valentin ao falar de Xela “Tan intensas e punxentes como as súas arelas de liberdade, independencia e xustiza, eran nela o sentido e mais a práctica da solidariedade”
Xela tivo bos mestres, querida Amparo e Valentín. El foi un dos bos e xenerosos nos que o noso himno afirma a nosa vontade de futuro insubornable coma pobo. El foi un dos os construtores da nosa conciencia nacional, coma creadores da patria dos que traballan en mancomún, dos que habitan a casa colectiva dos soños mais xenerosos dos que sementan a verdade desta Terra coma eido fértil e fan desta Terra a Terra da fraternidade a Terra da tenrura.
No desenvolvemento de cada unha das súas capacidades, Valentín foi un construtor da nación. Con el, o que comezou a ser non foi algo perecedoiro e non murchará coma flor senón que segue a brotar coma unha galla da arbore do tempo e que, coma a luz deste día de setembro, permanecerá.
O traballo de homes mulleres coma el, coma ela, farán que algún día non moi lonxincuo o labor de escribir e traducir e de editar, teña a normalidade do traballo do panadeiro que amasa o pan de cada día, coma redondas e efémeras eternidades. Coma o canteiro que talla a pedra máis intima.

A Vilerma, Maside, Sarria
6 de setembro de 2014