Carballo: actividades do sábado 24 e domingo 25 na Praza dos Libros

Finaliza esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal neste fin de semana, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos destacamos os seguintes para cada día:

Sábado 24
19:30 h. Presentación de Viaxe polo corazón de Bergantiños, de Xosé Pumar Gándara, publicado por Embora. No acto, xunto ao autor, participan Miguel Toval, Xosé Manuel Varela e Evaristo Domínguez
20:30 h. Presentación, recital poético e concerto musical de Versus, coa participación, entre outros, de Antón Borrazás, Miguel Queipo e Óscar de Souto.

Domingo 25
12:00 h. Manuel Rivas asinará exemplares de As voces baixas e do resto das súas obras.
18:00 h. Xosé Neira Vilas presenta os seus libros Cancela aberta, publicado por Xerais e Aquel neno, publicado por Embora. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e Miguel Toval.
20:00 h. Presentación e concerto de Rosalía pequeniña, de Uxía, publicado en Galaxia, coa participación, xunto á súa autora, de Samira Remuiñán, Xan Remuiñán e Rosalía Fernández Rial.

Betanzos: Unha viaxe por Irán, por Cesáreo Sánchez Iglesias

O luns 26 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, Cesáreo Sánchez Iglesias pronunciará a conferencia Unha viaxe por Irán.
Previamente, o sábado 24, ás 12:30 horas, Tucho Calvo protagonizará un contacontos arredor do seu libro Paxaro de mar e vento, publicado en Biblos.

Monforte: presentacións do sábado 24 na Feira do Libro

O sábado 24 de agosto finaliza a Feira do Libro de Monforte (na rúa Cardeal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas). Dentro dos actos programados, destacan as seguintes presentacións:

20:00 h. Presentación de As pontes do Ego Sum, de José Manuel Ledo Santiso, publicado por Ir Indo.
21:00 h. Presentación de libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado por Redelibros.

Carballo: actividades do venres 23 na Praza dos Libros

Continúa esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal até o 25 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h. Dentro dos actos previstos para o venres 23, destacamos os seguintes:

12:30 h. Presentación e lectura dramatizada da obra O rei portador e outras historias, de Beatriz Fraga, publicada por Euseino?, coa participación de rapazas e rapaces da Escola de Verán Xiria.
20:30 h. Recital poético Versus cianuro, sobre o libro publicado pola A. C. Caldeirón. Participan, entre outras persoas, Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Roberto Roget, Paco de Tano, etc.

Xabier López López achégase en 1989 á novela xeracional

Entrevista de Xesús Fraga a Xabier López en La Voz de Galicia:
“A finais da pasada década dos 80 por Bergondo correuse a voz da inminente chegada dun home de negocios xaponés disposto a investir na industria da xoiería do concello coruñés. Aínda que non sabe como concluíu aquela historia, a anécdota quedou no maxín do escritor Xabier López López, daquela un adolescente, ata agroma agora como punto de partida do seu libro 1989 (Biblos).
A novela regresa a aquel ano para tecer coas narracións en primeira persoa dos seus cinco personaxes principais unha historia na que conflúen o individual e o colectivo. Trátase dun adolescente, un bibliotecario, un sindicalista, a dona dunha pensión e unha figura que o autor define como un clochard ou bufón. De idades e con experiencias distintas, comparten a pertenza a un momento que une ás xeracións: a transformación dun mundo coñecido noutro novo. «A historia transcorre ao longo de 15 días de decembro de 1989», describe Xabier López: a caída do muro de Berlín e a de Ceaucescu en Romanía sinalan a desaparición da URSS e a ideoloxía do «socialismo real». «É a primeira vez que escribo sobre algo que me resulta tan próximo», admite López, referíndose tanto ao tempo como ao espazo. 1989 está ambientada en O Vilar, unha vila ficticia que toma elementos de Bergondo e Betanzos, que o escritor coñece ben, xa que naceu no primeiro e reside no segundo, onde ademais foi concelleiro.
A historia está narrada en clave de comedia, aínda que López cita a Celestino Fernández de la Vega -«o humor é froito da desesperación»- para advertir de que 1989 tamén contén «algunhas cargas de profundidade» que tamén poden ter unha lectura actual. «Fálase moito da xente que deixou os estudos por un traballo na construción, pero en Bergondo iso tamén pasara con moitos mozos que cambiaran o instituto polos obradoiros de xoiería», lembra. (…)”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 75

Desde Cultura Galega:
“A Revista Galega de Teatro ten xa na rúa o número 75, o de verán, que este ano inclúe o texto Unha corrente salvaxe. Trátase da peza coa que Raúl Dans (A Coruña, 1964) gañou o do XXXVII Premi Born de Teatre (que convoca e resolve o Cercle Artistic de Citadella de Menorca). Neste número, a directora e dramaturga María Armesto e a titiriteira Amparo Ibarra reflexionan sobre a situación das mulleres nas artes escénicas e o teatro como unha ferramenta para a igualdade. Ademais, na sección RVB: Furia e razón, creada co galo do Ano Roberto Vidal Bolaño, este número inclúe un traballo do escenógrafo Eufrasio Lucena sobre a montaxe de Días sen gloria na República Checa. Críticas, análises e entrevistas completan o último número dunha publicación que edita a Asociación Cultural EntreBambalinas.” Máis información aquí.