Convocado o II Premio de poesía Manuel Leiras Pulpeiro
O Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, convoca o II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que se rexerá polas seguintes bases:
PRIMEIRA. Poderá concorrer ó premio calquera persoa física que presente a súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG.
SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarando deserto o premio.
TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.
CUARTA. Deberán presentarse catro copias en tamaño DIN A4 impresas a dobre espazo.
QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título.
En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 8 de xullo do ano 2013, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación: II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
SÉTIMA. O Xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e mais un representante do concello con voz e sen voto que actuará como secretario, emitirá o seu fallo en outubro de 2013.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no outono.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
– Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
– Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
– Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
UNDÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
DUODÉCIMA. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.
Convocado o XIV Premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores
O Concello de Mondoñedo, co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre os mozos/as, convoca o XIV Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
PRIMEIRA. Poderán optar ó premio tódalas persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade.
SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarado deserto o premio.
TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos, o tema e o metro queda a elección do compositor.
CUARTA. Deberán presentarse tres orixinais en tamaño DIN A4 mecanografados a dobre espazo.
QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición algunha que puidera suxerir o nome do autor, sendo presentados cun lema e título.
En sobre aparte e cerrado, constará o lema e o título no exterior, e no interior o nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia do DNI polas dúas caras ou no seu defecto fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso e incluirase tamén unha breve nota biográfica do autor e o título do poema.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 8 de xullo do ano 2013, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o mataselos de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación: XIV Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
SÉTIMA. O Xurado que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, emitirá o seu fallo en novembro de 2013.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no mes de decembro.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuizo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
– Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
– Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
– Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo, sen necesidade do permiso do autor ou autores, aínda que sempre se terá en conta que nunca perderá os seus dereitos.
DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
UNDÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
DUODÉCIMA. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.
Barcelona: conferencia de Darío Xohán Cabana
Ferrol: presentación de Miudiños, de Vicente Araguas
O venres 8 de marzo, ás 18:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase o libro Miudiños. Escolma 2001-2012, de Vicente Araguas, publicado por Edicións Embora. En relación con este libro, pódese ler aquí esta entrevista ao autor en Diario de Ferrol.
A Coruña: proxección de A cicatriz branca, de Margarita Ledo
O venres 8 de marzo, ás 20:30 horas, no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) (Rúa Durán Loriga, 10 baixo) da Coruña, proxéctase o filme A cicatriz branca, de Margarita Ledo. O pase será presentado pola propia directora e a actriz protagonista, Eva Veiga. Na sesión anterior (ás 18:00 horas), pode verse un traballo paralelo, o documental Apuntamentos para un filme. A cicatriz branca.
Vigo: presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura
O sábado 9 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n) de Vigo, a Fundación Premios da Crítica Galicia inaugura os seus Sábados culturais coa presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura. No acto participan Xesús Alonso Montero, Modesto Hermida García, Ramón Nicolás Rodríguez, Bieito Ledo Cabido e Abel Caballero.
Gondomar: actos arredor de Álvaro Cunqueiro
O venres 8 e sábado 9 de marzo terán lugar dúas actividades vencelladas á figura de Álvaro Cunqueiro, organizadas polo Instituto de Estudos Miñoranos:
Venres 8 de marzo:
César Cunqueiro achegaranos aspectos do mundo interior do seu pai nunha conferencia que levará por título Álvaro Cunqueiro e a metafísica do Instante“. O faladoiro terá lugar ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira Nº 10, baixo, Gondomar), sede do IEM. O acto será presentado por Ani González Pérez (Casa dos Anxos, Chaín).
Sábado 9 de marzo
O cocido de Cunqueiro, faladoiro con Xavier Castro (catedrático de Historia Contemporánea da USC e especialista en historia da alimentación) ás 13:00 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas. Presenta Gonzalo Navaza (IEM).
Santiago: conferencias con motivo do 10º aniversario da Galipedia
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega enviamos os nosos parabéns á Galipedia, a Wikipedia en galego, que celebra hoxe venres, 8 de marzo, 10 anos de traballo, tras superar o pasado día 4 a cifra dos 100.000 artigos no proxecto.
Santiago: presentación de Verbas de Atenea
O sábado 9 de marzo, ás 17:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o volume número 5 de Contos Estraños: Verbas de Atenea, adicado a autoras, tanto escritoras como ilustradoras de fantasía.