Desde
o Diario da Universidade de Vigo:
“Como non, en galego, pero tamén en vasco, en inglés, en castelán e mesmo en chinés… os versos de Rosalía de Castro soaron con forza este luns en toda Galicia e fixérono tamén no campus, na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde todo aquel que quixo participou nunha lectura “plural e sen ataduras”, unha pequena homenaxe á escritora como unha peza clave no imaxinario colectivo galego no día do 177 aniversario do seu nacemento.
Organizado pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística da facultade, o acto iniciouse coa lectura da profesora e escritora Rexina Vega do manifesto publicado pola AELG con motivo desta data, un documento no que se avoga por non reducir a homenaxe a un “canto fúnebre”, xa que, “ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura… alguén que se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume”. Por estes motivos, e por moitos outros, que foi debullando un a un Rexina Vega, desde a AELG reclamárona “viva os trescentos sesenta e cinco días do ano” para que “os seus versos nos invadan e fender con eles o silencio administrativo dos poderosos”.
“Gústame este poema por… Rosalía para min é…” Cada persoa que participou nesta lectura colectiva achegou aos participantes a súa propia visión do universo rosaliano. Silvia Penas foi a primeira en romper o xeo coa lectura de Unha vez tiven un cravo, “un poema que recitei no colexio, con toda a vergoña do mundo, cando apenas tiña dez anos”. Tamén cara atrás mirou o escritor Xurxo Valcárcel. que trouxo consigo o primeiro libro de Rosalía que chegou ás súas mans “hai case 40 anos cando mo regalou meu pai”. Foi o inicio, logo veu A xustiza pola man, Negra sombra, En las orillas del Sar…
Ana Bringas, Amparo Solla e Manuel Forcadela foron algúns do profesores do centro que participaron nunha lectura que contou tamén coa implicación do alumnado do centro, incluído o estudantado estranxeiro que foi o que se encargou de facer a lectura das diferentes versións traducidas no proxecto Rosalía é mundial, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía que permitiu a tradución de dous dos poemas máis coñecidos de Cantares Gallegos, Adiós ríos, adiós fontes e Airiños, airiños, aires a unha longa lista de idiomas.
Xunto ao recitado dos versos, a homenaxe incluíu tamén outra actividade relacionada co programa graffitiRosalía, e que consistiu en que cada participante na lectura ‘grafitou’ nun papel de estraza colocado con tal motivo no corredor da facultade algún verso ou palabra significativa de Rosalía de Castro. “Trátase de crear masa crítica, músculo colectivo arredor da mensaxe de Rosalía”, subliñou Rexina Vega, ao tempo que animou a todos os asistentes a participar na iniciativa.
Paralelamente a este acto, a Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución organizou unha exposición de textos de Rosalía e estudos sobre a súa obra que forman parte dos fondos da Biblioteca e que poderá visitarse ata o vindeiro día 28.”
Presentado o Epistolario dixital de Rosalía de Castro do Consello da Cultura Galega
Desde
Cultura Galega:
“O Consello da Cultura galega presentou o luns 24 de febreiro en rolda de prensa o Epistolario dixital de Rosalía de Castro, unha colección de dezaseis cartas enviadas pola poeta e que suponen a primeira edición conxunta destes textos. A nova lectura das cartas profunda na imaxe da Rosalía moi consciente de ser escritora. (…)
O Epistolario dixital de Rosalía de Castro supón a segunda incorporación dunha colección de correspondencia ao Proxecto Epístolas do Consello da Cultura Galega. Son 18 cartas que Rosalía remite a Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou a Ángel Baltar, e que foron editadas polo Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona, baixo a dirección de Helena González, María Xesús Lama e María do Cebreiro Rábade.
Precisamente esta editora suliñou que estas cartas supoñen unha revalorización da investigación biográfica ao redor de Rosalía de Castro, xa que na nova transcrición realizada para a súa publicación, aparecen importantes matices que realzan o papel de Rosalía como escritora consciente de selo e cunha marcada “ironía, talento e vontade de estilo”, segundo María do Cebreiro Rábade.”
Conversas com Estraviz
Convocado o XIX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Bos Aires: Homenaxe a Rosalía de Castro
O
Terzo da Fala de Bos Aires celebrará o mércores 26 de febreiro, ás 10:30 horas, no Xardín dos Poetas, Rosedal, Parque 3 de Febrero de Bos Aires, unha homenaxe a Rosalía de Castro, coa participación de Lectores Galegos e de Herbas de Prata.
Pódese levar unha folla coas propias palabras ou con algún dos seus poemas para penduralas alí, coa Bandeira Galega, xunto ó busto do Rosalía. No caso de chover, suspenderíase o acto.
Olivia Pena: “Cando hai un compromiso social claro, o teatro non debe perder a súa dimensión estética”
Entrevista
de Montse Dopico a Olivia Pena, no Magazine Cultural Galego:
“Os textos de Olivia Pena son unha desas pequenas alfaias que se poden atopar na revista Casahamlet. Unha mostra máis de que os novos dramaturgos galegos teñen moito que dicir. Laiovento publicoulle a súa peza ata agora máis longa, Plastic Dolls Show. Nela, unha serie de personaxes viven atrapados no inframundo, fuxindo das súas propias vidas. Mentres, unhas bonecas de plástico mófanse das súas miserias.
– Montse Dopico: Es recoñecida como unha das novas dramaturgas galegas. Publicaches antes en Casahamlet…. Cando e onde comezaches e publicar? Como foi a túa experiencia co proxecto de Casahamlet?
– Olivia Penas: A verdade é que nunca tivera relación co teatro antes desa primeira experiencia en Casahamlet. Aínda que escribo desde que podo recordar, a miña tendencia natural sempre foi a poesía e, en todo o caso, nalgunha época moi concreta, a prosa. O teatro sempre me fascinou pola súa dimensión espectacular e confeso que algunha vez me sentín tentada a experimentar, mais non cría que fose capaz; parecíame un xénero inaccesíbel para min. Foi durante un obradoiro de escrita literaria en que estaba a participar que, da man de Xesús Pisón, escribín o meu primeiro texto, ese que despois aparecería en Casahamlet. A partir de aí, o teatro foi todo. (…)”
Cuestionario Proust: Silvestre Gómez Xurxo
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Silvestre Gómez Xurxo:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Reflexivo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A integridade moral.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Alento.
4– A súa principal eiva?
– Son pouco ambicioso.
5.– A súa ocupación favorita?
– Darlle voltas á cabeza.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Alén da paz mundial e outras cousas capitais …, algo realizábel coma tomar un bocadillo de xamón cunha cervexa ben fría, cos pés metidos nun regato unha tardiña de verán, con boa compañía humana e/ou animal (o meu can comería con gusto a metade do bocadillo).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sempre entendín que a maior desgraza é que a un lle morra un fillo/a.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ter sido un bo educador.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, malia tantas cousas calamitosas, vivo moderadamente feliz.
10.– A súa cor favorita?
– A branca.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O chuchamel. Ademais chuchamel é a palabra máis fermosa nesta parte da galaxia.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eduardo Blanco-Amor.
14.– E na poesía?
– Rosalía.
15.– Un libro?
– Mesteres, de Arcadio López-Casanova.
16.– Un heroe de ficción?
– Golamh Milé.
17.– Unha heroína?
– Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– Erik Satie: Gimnopedias.
19.– Na pintura?
– Colmeiro e Mondrian.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Alexandre Bóveda.
21.– O seu nome favorito?
– Uxía / Uxío.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, que é a destilación do odio. Franco, que o é da ruindade. E os seus asociados.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Recoñezo a importancia dalgúns feitos militares coma o Desembarque de Normandía, mais non sinto admiración por eles. Sen embargo admíranme os feitos militares de fasquía cómica ou absurda como o da Reconquista da Illa Perexil.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De moi vello, sen facer padecer aos demais e tendo a oportunidade de despedirme das persoas queridas.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sosegado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo e a vaidade.
30.– Un lema na súa vida?
– “Non hai nada tan importante no mundo como para amargarse a vida”. (A lectura xuvenil de O retorno do bruxos, de Bergier e Pauwels deixoume gravada esta afirmación que tomei como lema. Cito a frase de memoria).”
Lugo: presentación de O agasallo de Anya, de Sabela Núñez Singala
O
mércores 26 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos de Lugo (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4), preséntase O agasallo de Anya, de Sabela Núñez Singala, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participa Francisco Castro.
Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014
MANIFESTO DA AELG NO DÍA DE ROSALÍA 2014
Hoxe
e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario.
Rosalía de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe. Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste.
E, ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de carácter burocrático. Moi pola contra: é un documento humano escrito con sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz da poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado. E esa dignidade comeza pola restauración do uso escrito da lingua galega, convertida en símbolo de rebeldía.
Desde ese compromiso, padecemos a través dela os dramas dun pobo que sofre, mais que nunca atopou unha pluma que o defendese. E ela, literata consciente, converte a súa obra nunha casa de acollida para todas aquelas mulleres invisibles que padecen maltrato e desprezo; e cede a palabra a todas esas viúvas que tecen soidades, a todas as labregas que loitan e non se renden, ás mozas que aman e ás que odian, ás que van alegres de romaría e ás que collen con rabia a fouciña.
Non reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume.
E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro.
E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras.
E por iso, desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano.
Querémola pola rúa e nas escolas, nos barrios e nos arrabaldes, nas aldeas e nas prazas, nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza.
Para que a súa voz ilumine o noso futuro, alta e clara como murmurio e como alento.
Ceiba coma sempre.
Nosa e de toda a cidadanía consciente de si mesma.
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2014
Carlos Negro, vogal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Rosalía viva! Viva Rosalía!
Texto lido por Mercedes Queixas no acto central do Día de Rosalía organizado pola AELG o 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres.
“Amigas e amigos,
Sede benvidos a este lugar que é símbolo fundacional de noso.
Hoxe, arredor do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, continuamos a celebrala, como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea e a sentírmonos reflectidos, logo de máis de cento cincuenta anos, na voz colectiva da nación, expresada coralmente nos Cantares gallegos, onde o compromiso co seu pobo, posto en valor na lingua de seu, translocen o compromiso cunha realidade maior, para lle dar luz desde a dignificación cultural e social, abrindo en nós, neste presente bretemoso, a espiral da conciencia de xustiza para co pobo de noso e o seu futuro.
Rosalía de Castro é unha fenda.
Unha ferida aberta nas conciencias.
A voz que sempre nos asombra.
Os seus versos falan de nós, desde o antonte e o onte aprendidos até o hoxe en permanente construción; as súas palabras son fíos que cosen a memoria das costuras, son agullas que tecen o abrigo de quen teima en destecer, son dedais escudo que protexen da mentira e da infamia.
Penélopes tecedoras queremos ser con ela, da súa man guieira, para frear o paso atrás do boi canso e alancar sempre adiante, con pé chantado firme na terra que coñece e en que se recoñece, cara á dignidade que confere a capacidade de decidirmos que queremos ser na luz dos que, coma ela, foron.
Querémola viva. Sabémola ceiba no preámbulo do Día de Rosalía, data oficial e referencial xa no noso imaxinario colectivo nestes últimos anos, inexplicabelmente eliminada do Calendario do Libro e da Lectura pola Consellería de Cultura e Educación a comezos deste 2014.
Querémola viva. Sabémola ceiba no adro dunha nova xornada de mañá, 24 de febreiro, Día de Rosalía, que vestirá con galas de festa grande, entre flores e libros en galego para partillar, pronta para espallar, de man en man, de boca en boca, como semente de primavera, os seus versos e a súa iconografía viva en multitude de actos por toda a nación, desde A Coruña a Vigo, desde Lugo a Pontevedra, de Compostela a Moaña, da Estrada á Rúa de Valdeorras e Camariñas, de Valencia a Ferrol e Bruxelas…
A palabra e o pensamento rosaliano, como auga limpa en fresca fonte, ecoarán evocados nas voces e músicas de hoxe, graffiteados para nos muros, porque non a queremos cativa nos libros, como tampouco a queremos rea destes muros invisibilizadores, opacos, cómplices da súa desmemoria.
Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.
Querémola libre como ela demandaba: Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino.
Convocamos hoxe a nación toda en San Domingos de Bonaval para lembrarmos non só unha personalidade altísima das nosas letras, senón a muller que nos abriu as portas, consciente do grande atrevemento, para entrar ao campo inmenso da literatura e da cultura galegas e, con ela, ás aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria.
Celebramos con vós o seu valor humano galego universal, que é símbolo de identidade como galegos e galegas dunha cultura milenaria e unha lingua orgullosa de seu, que ten un lugar imborrábel na historia popular e culta dos pobos que construíron a Europa.
Neste día tan simbólico, é de xustiza demandarmos para ela, a que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, un Panteón laico, aberto, de acceso público, para lle podermos levar flores, sen autorizacións previas, non só ao símbolo colectivo da nación, senón, e tamén, ao ser humano que é agasallado co cariño e respecto dos seus seres queridos, que somos todo o pobo galego que nela nos identificamos.
Saudámosvos fraternalmente, agradecidos, e dámosvos a benvida en nome do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.”



