Santiago: espectáculo de poesía e humor Super-Market

O xoves 14 de novembro, ás 21:30 horas, na Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, nº 44) de Santiago de Compostela. Super-Market pode definirse como Stand Up Poetry: xa que se achega moito ao espectador dende o humor, pero dun xeito poético. Nace da necesidade de mesturar as diferentes disciplinas artísticas polas que transita Esther F. Carrodeguas: a escrita poética, o recitado, a interpretación, o clown ou a investigación xornalística (en referencia á alimentación nos supermercados, neste caso).

Parlamento das Letras: María do Cebreiro

Entrevista de Armando Requeixo a María do Cebreiro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– María do Cebreiro (MdC): Eu penso que habería que superar a concepción “deficitaria” da literatura galega. Ningunha literatura pode telo todo! Así que eu diría que o que lle sobra á literatura galega é esa conciencia carencial que ten, para min bastante inxustificada. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MdC: Na poesía, o ámbito que mellor coñezo, paréceme magnífico. Hai autores novos (Samuel Solleiro), moi novos (Gonzalo Hermo) ou novísimos (Ismael Ramos) polos que sinto un grande respecto. Penso que, cando a literatura que está a facerse xusto agora dá razóns fundamentadas para a esperanza, non pode pedirse moito máis. (…)”

Convocada a XVI edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole

“A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo convoca a XVI Edición do Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que se rexerá polas seguintes

BASES

1ª. Poderá concorrer calquera autor ou autora, de calquera nacionalidade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial, establecida pola Real Academia Galega. As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, entendendo por obra inédita a que non foi comunicada nin na súa totalidade nin en parte por ningún tipo de procedemento.
2ª. As obras presentadas poderán consistir tanto nunha novela curta como nun conxunto de relatos, en calquera caso cunha extensión total mínima de 50 folios estándar e máxima de 100, equivalentes respectivamente a 90.000 e 180.000 carácteres con espazos.
Cada autor ou autora poderá presentar cantas obras quixer.
3ª. Establécese un único premio de catro mil (4.000) euros, que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas. Enténdese que o importe do premio inclúe e compensa os dereitos económicos polos primeiros mil exemplares vendidos da obra premiada, ós cales os autores e autoras renuncian polo feito de presentárense a este certame e obteren o premio.
4ª. A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, S. A. Esta editorial asinará co autor ou autora un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual, e tendo en conta a exención prevista na base anterior. O autor ou autora recibirá gratuitamente trinta exemplares da primeira edición, e o Concello de Lugo outros trinta.
5ª. Das obras presentaranse tres exemplares mecanografados, en follas impresas por unha soa cara e cun tipo e tamaño de letra facilmente lexibles, debidamente paxinadas e encadernadas, no departamento de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (Praza Maior, 1, 27001 LUGO), indicando no exterior do sobre ou paquete Para o XVI Certame Ánxel Fole.
6ª. Os orixinais presentaranse baixo lema, sen ningún dato que identifique a autoría. Con eles achegarase un sobre pechado, en cuxo exterior constará o lema e o título da obra, e no interior o nome completo (e o nome literario ou pseudónimo de publicación no seu caso), o enderezo e o teléfono do autor ou autora, o correo electrónico se o tiver, e unha fotocopia do DNI ou pasaporte.
7ª. O prazo de presentación pecharase o 31 de decembro do 2013. Nos envíos postais admitiranse os que foran expedidos ata a devandita data límite.
8ª. O xurado deliberante estará formado por tres persoas competentes na materia,  designadas pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, unha delas a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a Concelleira de Cultura e un funcionario que ela designe e que actuará como secretario.
9ª. O xurado reunirase para discernir o premio –que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto– antes do 15 de marzo do 2014. As súas decisións serán inapelables.
10ª. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado esa obra obtivera outro premio, o autor débello comunicar inmediatamente ó Concello de Lugo, retirándoa do Certame Ánxel Fole. En calquera caso, enténdese que a obtención dun premio anterior implica a renuncia automática ó premio Ánxel Fole que lle puidera ser atribuído a esa obra por descoñecemento desta circunstancia, sen prexuízo doutras responsabilidades en que o autor ou autora puidera incorrer pola omisión do deber formulado nesta base.
11ª. A participación no certame supón e implica a aceptación total das súas bases.”

ANEXO

“Os orixinais non premiados poderán ser recuperados polos seus autores dentro dos dous meses seguintes á publicación da decisión do xurado, ben recolléndoos persoalmente no Servizo de Cultura do Concello de Lugo, ben solicitando o seu envío por correo, en ámbolos casos identificándose e identificando a obra de xeito suficiente a xuízo do funcionario secretario do xurado ou da xefa do Servizo, que fican obrigados á discreción sobre os datos de autoría que así coñezan. Unha vez transcorridos os devanditos dous meses, os orixinais non retirados serán destruídos xunto coas súas plicas.”

Helena Miguélez: “O estereotipo da Galiza sentimental nace para impedir a liberación nacional”

Entrevista de Carme Vidal a Helena Miguélez en Sermos Galiza:
“Profesora na Universidade de Gales, para Helena Miguélez o estereotipo responde ás relacións de poder con España e naceu coa funcionalidade de someter e aplacar calquera intento de liberación nacional.
– Sermos Galiza (SG): Como nacen os estereotipos da identidade galega creados arredor do sentimentalismo, morriña, saudade ou lirismo?
– Helena Miguélez (HM): Responden a relacións de poder, en contraposición coa historicidade que falaba das orixes celtas, dun pobo guerreiro e bravo. Xérase a idea de que a galega era unha terra lírica, poética, feminina, producida desde o contexto español. O nacionalismo cultural apropiouse do sentimentalismo que se atopa en moitos textos españois sobre Galiza. O concepto de saudade de Ramón Piñeiro toma parte deste estereotipo. (…)
– SG: Como llle afectou isto á crítica das escritoras contemporáneas?
– HM: Durante moito tempo, cando se trataba a escrita das mulleres, entendíase desde o sentimental e o persoal. Non atopei unha crítica feminista aberta aínda que si un libro que me pareceu moi certeiro, que foi o poemario Pornografía, de Lupe Gómez. Trátase dun dos textos nos que mellor se entende a necesidade de saír desa trama; de feito, no prólogo sinala que os seus poemas son fríos, xornalísticos e antisentimentais. Fuxiu do diagrama da literatura feminina como escrita de emocións. (…)”

Manuel Gago: “Queremos tender unha ponte entre os que habitaron os castros e a xente do século XXI”

Entrevista a Manuel Gago en Radio Obradoiro:
“(…) Segundo explicou Gago, nunha entrevista en Radio Obradoiro, Vento e chuvia é “conta unha historia real nas súas bases que é descoñecida polo gran público: a existencia dun panteón de deuses da Idade de Ferro aquí en Galicia”. Segundo apuntou, “nós sacamos á luz que o que se sabe arqueolóxicamente engadíndolle unha capa de imaxinación e creatividade”.  O proxecto está pensado para que os lectores redescubran o mundo castrexo. “Queremos tender unha ponte entre os que habitaron os castros e a xente do século XXI. Buscamos que o libro sexa capaz de apaixonar ao lector para que cando vexa un castor poida imaxinarse a quenes viviron alí”. O proxecto trascende o papel e abrangue outros campos. Conta cunha web, obradoiros, roteiros e o propio libro é interactivo e permite a través de varios códigos acceder a varios contidos adicionais. “Este é un proxecto transmedia, cada formato aporta algo diferente”.

Manuel Gago: “Os deuses da Idade do Ferro seguen camuflados entre nós a través do catolicismo”

Entrevista a Manuel Gago en Tendencias Galicia Confidencial:
“(…) – Tendencias Galicia Confidencial: Por que, agora, un libro sobre mitoloxía galega [Vento e chuvia]?
– Manuel Gago: A sociedade tradicional galega dispuña/dispón dun marabilloso imaxinario que é máis ou menos ben coñecido e leva sendo recompilado de xeito sistemático desde o romantismo. Máis que outros, este imaxinario está definido pola sociedade na que se asenta, agraria e mariñeira, polo catolicismo e por suposto, por toda unha herdanza cultural anterior. E dentro dese imaxinario, hai interesantísimos relatos míticos.
Pero con este libro quero chamar a atención sobre a marabillosa herdanza cultural anterior, da que nos quedan trazos moi diversos e de moi distintas épocas. Se pensamos, por exemplo, na Idade do Ferro, esta herdanza é a existencia constatada dun universo imaxinario poderosamente evocador, habitado por numerosos deuses ao longo da vella Gallaecia. Moitos investigadores consideran que en Gallaecia concéntranse a maior parte dos teónimos, dos nomes de deuses, de toda a Península. Hai un patrón cultural, do que aínda descoñecemos moito, que fai que este imaxinario florezca no noroeste da península de xeito especial.
Isto é un auténtico tesouro cultural, descoñecido para o 98% da poboación galega. Nomes sonoros e fermosos, transcritos de xeito vacilante, en época romana, a partir da sonoridade da lingua ou linguas que se falaban neste territorio: deidades como Reue, Navia, Cossue, Lugoue, Bandua, o Vestio Alonieco, Poemana… (…)”

Rematou o VIII Ciclo Escritores-as na Universidade

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“No panorama teatral galego as propostas máis innovadoras, aquelas que dalgunha maneira están repensando o tradicional e que non se conforman coa norma establecida veñen da man de mulleres creadoras, de directoras de escena ou, simplemente, de mulleres que veñen doutras artes e que atopan na escena o seu lugar. Así o deixaron ver e sentir as actrices e dramaturgas Antía Otero (A Estrada, 1982) e Vanesa Sotelo (Cangas, 1981) na clausura do VIII Ciclo Escritora/es na Universidade.
Baixo o título Teatro impuro para tempos bastardos púxose fin a unha edición centrada na literatura galega máis actual, aquela que están a facer os novos valores, novos profesionais de arredor de trinta anos “unha franxa de idade que habitualmente está escurecida ou, cando menos, pouco visible”, subliñou a escritora e docente Rexina Vega, coordinadora do ciclo, que fixo fincapé en que abrir as mesas redondas ás xeracións máis novas “serviu para que a comunidade universitaria coñeza uns traballos nos que cambian completamente as linguaxes tanto da poesía como do teatro e da narrativa”, un cambio xeracional que, ao seu xuízo, sorprendeu “tanto aos seus propios compañeiros como a xente doutras idades”.
Escritoras, creadoras, actrices… Antía Otero e Vanesa Sotelo fuxiron do debate das novas tecnoloxías, “pois é algo que todos asumimos e que todos traballamos”, recalcou Otero, e levaron a súa conversa cara algo que lles preocupa máis: o feito de “como a ficción, a escritura dramática ou o teatro pode negociar coas múltiples realidades nas que nos atopamos”, engadiu Otero, que non dubidou en sinalar que “o camiño” só pode facerse a través do proceso de investigación “de facer e de estar aí, que é o que se leva facendo toda a vida e que, ao final, é o que se vai seguir facendo”, recalcou a dramaturga, que insistiu na necesidade non tanto de “crear produtos, senón de crear coñecemento, que é o que fundamentalmente nos axuda a entender”.
Na idea de volver a centrarse no proceso e non tanto en agardar resultados centrouse tamén Vanesa Sotelo, que aproveitou a súa participación no ciclo para lanzar preguntas, cuestionar formas de mirar e cuestionar tamén o establecido.
En canto á resposta do público a estas novas propostas, Sotelo teno claro, “os tempos son complicados e críticos”. Pero non todo ten que ser de cor negra, ambas autoras recalcaron a súa confianza en que hai unha “necesidade do teatro”, xa sexa máis ou menos minoritaria, “pero a demanda sempre está”, recalcou Sotelo.
E como a cousa ía de teatro, para iniciar o acto preparouse unha instalación coa que contextualizar esta última sesión do ciclo, sesión que veu precedida pola proxección do vídeo En construción, “unha auténtica chamada á resistencia creativa”, subliñaron as autoras, o grupo de axitación teatral As ghatas salvaxes, dirixido por Xandra Táboas, estudante do Grao de Galego – Español, que foi tamén a encargada de presentar as compañeiras, Antía Otero e Vanesa Sotelo.”