Bases do I Certame de poesía en lingua galega Manuel María, da Casa de Galicia en Gipuzkoa

BASES

O poema estará escrito en língua galega e terá un máximo de noventa versos e un mínimo de corenta. Admitiranse conxuntos de poemas de temática común sempre que non excedan dos cen versos.
O poema enviarase nun sobre sen remitente nin indicación algunha referente a personalidade do autor ao seguinte enderezo:
Casa de Galicia en Gipuzkoa
Rúa Zabaleta, 28 – baixo
20002 – San Sebastián
(Gipuzkoa)
Noutro sobre pechado figurará exteriormente o primeiro verso do poema e no interior do mesmo sobre constará o nome, enderezo, número do DNI e teléfono do autor.
As obras que se presenten deberán ser inéditas.
Os poemas enviaranse por triplicado antes do día 18 de marzo de 2013.
A organización nomeará un xurado composto por persoeiros relevantes da creación e da crítica e daranse a coñecer no momento de facerse público o fallo do xurado.
Os premios fallaranse o 18 de maio de 2013. Os poemas premiados serán editados pola Casa de Galicia da forma e no lugar que se estime axeitado.
Os premios consistirán en:
1º premio: 400 euros.
2º premio: 200 euros.
3º premio: 100 euros.
Os premios serán entregados na Casa de Galicia en Gipuzkoa unha vez realizado o fallo por parte do xurado.
O feito de participar supón aceptar a resolución do xurado así como as bases do certame. O xurado poderá declarar deserto algún premio.
10º A Casa de Galicia en Gipuzkoa resérvase os dereitos de publicar calquera dos traballos presentados ao concurso na forma ou no medio que estime oportuno.
11º Non se devolverán os orixinais.

Francisco X. Fernández Naval: “A miña novela procura un diálogo entre o íntimo e local e o universal”

Entrevista a Francisco X. Fernández Naval en Tempo de Lecer Ourense:
“(…) – Tempo de Lecer Ourense (TLO): A súa última novela titúlase A noite branca. Que nos pode contar deste libro?
– Francisco X. Fernández Naval (FXFN): Conta unha historia que sucede ao longo de case un século, entre a ribeira do Miño, Ponte Canedo, a Habana da emigración e a fronte do leste durante a II Guerra Mundial. É un texto que procura unha sorte de diálogo entre o íntimo e local e o universal, sabendo que a fronteira entre estes termos é difusa, de maneira que o local case sempre e universal e viceversa. (…)
– TLO: Como definiría esta novela?
– FXFN: Pois supoño que é unha novela histórica-contemporánea, xa que un dos fíos chega ata o ano 2007. Penso tamén que conta unha historia nunca antes abordada pola literatura galega, malia que na fronte do leste loitaron do lado alemán arredor de 3.000 galegos. Tamén me ilusionou a posibilidade de recuperar espazo e personaxes da miña primeira novela, O bosque das antas. (…)
– TLO: Que importancia ou que peso ten esta nova obra na súa biografía?
– FXFN: Para ben ou para mal é o proxecto máis importante ao que me enfrontei nunca e iso o digo dende varios puntos de vista: literario, investigador, vital, de esforzo e horas de traballo, pero tamén por ter que escribir, sen xulgar, nunha linguaxe que me é allea, como é o discurso máis duro da Falanxe ou do nazismo. Prepareime e adestrei antes, xa que algunhas cousas que están na novela foron probadas no último libro de relatos Para seguir bailando.”

Entrevista a Ramón Nicolás sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

Entrevista a Ramón Nicolás en La Región, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – La Región (LR): Que foi o máis sorprendente que atopou no estudo [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): A época de mozo en Celanova porque a actividade política de compromiso coas Mocidades Galeguistas é fascinante. De feito, o grupo de Celanova converteuse na bandeira de toda Galicia daquela asociación xuvenil, e incluso con Pepe Velo dirixiu a propia Federación de Mocidades Galeguistas dende un posicionamento político galeguista, nacionalista e de esquerdas. No plano persoal, descubríuseme un personaxe moi afable, que sabía escoitar, cos seus evidentes momentos de arrouto pero cun carácter moi popular. Gustáballe gozar coa vida no posible, aínda que tamén é evidente que lle deu moitos golpes. (…)
– LR: Neste sentido, cre que se desvirtuou a figura do poeta?
– RN: Ó meu parecer, sufriu certo encaixe na faceta de carácter social ou reivindicativo, unha terminoloxía á que Celso Emilio lle fuxía moito. Aínda hoxe, é o escritor galego que máis musicacións de poemas ten e foi esa popularización a que puido causar un encasillamento ó meu xuízo falso porque tamén é un poeta sentimental, amoroso, intimista e, sobre todo, cun aguillón crítico extraordinario sen parangón na literatura do seu tempo e mesmo na actual. Isto é tamén froito dos moitos imitadores que viñeron despois e que agotaron o modelo. (…)”.

Pontevedra: recital e presentación de Versus

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, no Pazo Mugartegui de Pontevedra, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.

Camilo Nogueira: “A xente fala da Unión Europea sen darse conta do seu sentido histórico. A UE é a negación do estado xacobino, porque alí operan 23 linguas oficiais”

Entrevista a Camilo Nogueira na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: Galicia como tarea e La marginación de Galicia de Paz-Andrade, son ensaios que ademais de falar de economía procuran fundamentar historicamente a situación do país. Vostede leva adicado un intenso esforzo por facer entender os alicerces de Galiza como nación histórica, precisamos do amparo da historia para construír a identidade política?
– Camilo Nogueira: Como todas as nacións, aínda que se pretenda o contrario. A constitución do estado español di no preámbulo que “España é unha nación, indisolúbel, patria común, etc…” e faino dunha maneira exclusivista. Só nese enunciado hai unha ideoloxía que en grande medida está armada sobre a negación de Galiza como nación. O Estado español non pode comprender que non somos unha parte de España, que somos nación por nós propios. Hoxe formamos parte do Estado español pero temos unha presenza no mundo a través da cultura e a lingua que vai máis alá dese estado e non pode ignorar en absoluto a Portugal. Até 1400, co cisma europeo entre Avignon e Roma, todas as dioceses galegas, agás Santiago, eran de Braga e Lisboa e outras dioceses de Portugal, xunto a Salamanca, Badaxoz ou Ávila eran de Santiago de Compostela. Esa historia non conta para a constitución española. Un absurdo porque sería unha riqueza para un estado concibido como plurinacional. Ignórase que cando se pasou do latín ao romance, Afonso X, que escribiu as Cantigas de Santa María porque a súa familia viña de Galicia, pasouse a un castelán armado desde a Corte nunha decisión que ignoro porque se tomou así, pero que non foi asumida polo rei Don Dinis, que pasou do latín ao galego-portugués, e Galicia que xa perdera a súa coroa propia mantivo o galego até 1500. Aínda hoxe a nosa exportación a Portugal é única. Seguindo ese razoamento, na miña intervención do Congreso de Paz Andrade destaco unha frase de Valentín dicindo que entre a Estaca de Bares e a Punta de Sagres hai unha plataforma que é o mellor emprazamento europeo para desenvolver unha industria relacionada co Océano, sexa na pesca ou no transporte. (…)”.

O Congreso da Real Academia Galega repasou todas as facetas de Valentín Paz Andrade

“O traballo como empresario, a visión sobre a lingua, ou o interese pola proxección exterior foron algúns dos múltiplos aspectos que se trataron no Congreso sobre Valentín Paz Andrade que organizou a Real Academia Galega os pasados xoves e venres. A institución publica agora no seu web un resumo das intervencións deste evento, no que destacados investigadores abordaron as múltiplas facetas deste empresario e pensador, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2012. Deste xeito, por exemplo, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, destacou na conferencia inaugural do encontro como eixes fundamentais de Paz Andrade a súa aportación á política galeguista, a súa condición de intérprete de Galicia e a súa intención de proxectar a Galicia no mundo. Entre as novidades que deixou o encontro está o anuncio da publicación en 2013 dos Diarios de viaxe do galeguista. A editorial Alvarellos será a encargada de dar ao prelo estes 30 textos inéditos, escritos entre 1954 e 1955 durante os percursos por América de Paz Andrade como técnico da FAO. O material foi descuberto por Emilia García, historiadora encargada da dixitalización dos fondos do autor no Consello da Cultura.” Desde Cultura Galega.

A Antoloxía da literatura galega achega ao inglés as letras máis recentes

“Logo dun ano e medio do primeiro volume, as editoras Galaxia e Xerais lanzan unha segunda entrega da Anthology of Galician Literature / Antoloxía da literatura galega. Coordinada, como no caso do anterior tomo por Jonathan Dunne, esta obra bilingüe achega ao inglés unha selección de obras da nosa literatura, desta volta publicadas entre 1981 e 2011. Na maior parte dos casos os autores recollidos seleccionaron eles mesmos os seus textos. O volume de 400 páxinas sae á venda a un prezo de 30 euros.” Desde Cultura Galega.