Presentado o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia 2011

“O presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron o luns 17 de decembro na Biblioteca da Cidade da Cultura, o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia. Os datos proceden das enquisas realizadas a unha mostra representativa de empresas do gremio editorial galego e reflicten a situación do sector en función da actividade editorial e da coxuntura económica do ano 2011. Manuel Bragado manifestou que malia os datos, o sector resistía e mantiña a súa actividade produtiva e contribución ao incremento do catálogo editorial galego, coa aportación cultural que iso supón. Amosou a súa preocupación pola redución do emprego, que afecta tanto a traballadores fixos como a colaboradores externos, e tamén pola caída da facturación, que provocou que o número de empresas que facturaban por enriba dos catro millóns de euros, pasaran de cinco a dúas en dous anos. Lorenzo subliñou que o sector agremiado representa ao 80% do sector e que polo tanto a mostra recollida no informe e plenamente representativa pois descontando as cifras da edición institucional (14%), o sector non agremiado acada o 10%. O informe foi realizado pola consultora Conecta Research&Consulting, que elabora tamén os mesmos datos para a Federación de Gremios de Editores de España referentes ao conxunto de España. Del despréndese unha radiografía da situación da edición privada en Galicia que, segundo anunciou o secretario xeral de Cultura, “será unha base fundamental das próximas iniciativas que poñamos en marcha no sector editorial”, entre as que destacou o Plan Director do Libro. O informe reflicte datos xa publicados no Informe do Comerio Interior publicado pola FGEE, confirmando a facturación de 27 millóns de euros, un 12,3% menos pero a caída dende o ano 2009 acumula un 20%. O texto non universitario e o libro de infantil e xuvenil facturaron máis da metade do total. As empresas privadas da edición publicaron 2156 títulos, dos cales foron en galego 1.587″ Desde a Asociación Galega de Editores.

Francisco X. Fernández Naval: “Non hai que perseguir historias, están á nosa beira”

Entrevista de Camilo Franco a Francisco X. Fernández Naval en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A memoria volve ser protagonista dunha novela súa. ¿Cal é a súa importancia en A noite branca?
– Francisco X. Fernández Naval (FFN): Somos memoria e esquecemento. Somos quen somos polo que lembramos, pero tamén por todo canto esquecemos. E digo isto referíndome a cada un de nós, ao entorno familiar, á colectividade. A noite branca reconstrúe a historia dunha muller, María Luísa e do seu fillo Alfredo, voluntario na División Azul, a partir dunhas cartas que aparecen nunha caixa de marmelo. Pero a novela proxéctase ata o ano 2007, momento no que un escritor investiga ese pasado familiar. Memorias complementarias van reconstruíndo o ser dos personaxes, por veces manexando información contraditoria, porque en cada unha das persoas que lembran tamén actuou o esquecemento. (…)
– LVG: Para a escrita da novela visitou vostede moitos lugares da fronte. ¿Como foi esa investigación e como se recorda alí a guerra?
– FFN: Este foi o proxecto máis importante no que me mergullei e non falo só dende o punto de vista literario, senón tamén vital. Entre os meses de marzo e abril do 2011, a fotógrafa Maribel Longueira e eu seguimos exactamente o itinerario que levou aos divisionarios galegos ata Novogorod, na ribeira do río Volchov. (…)
– LVG: ¿Como está reconstruída a memoria familiar?
– FFN: A historia constrúese a través de catro voces. Unha son as cartas recuperadas. Outra é a historia do pelotón ourensán do que forma parte Alfredo, dende que se inscriben na División ata os combates. A terceira é o monólogo de María Luísa, cun diálogo implícito no que sabemos o que di a outra parte polas respostas dela e no que repasa a vida en compañía de dúas amigas. A cuarta é a do escritor que investiga e que persegue as lembranzas da súa familia en complicidade coa súa nai, que fora afillada de María Luísa e curmá de Alfredo.”

Vigo: presentación de As voces baixas, de Manuel Rivas

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase As voces baixas, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Antón Patiño e Manuel Bragado. Crónica posterior en Brétemas.

Silleda: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O martes 18 de decembro, ás 21:00 horas, na Biblioteca Municipal Daniel Castelao de Silleda, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.

Santiago: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Capela do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Jesús Cabado Pampín, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype e Fran Alonso. Haberá acompañamento musical de Carlos Arias.

A Coruña: presentación de Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (Rúa González Garcés) da Coruña, terá lugar a presentación do libro de Tucho Calvo e Xosé Cobas Paxaro de mar e vento, publicado por Biblos Clube. Logo da presentación, inaugurarase a exposición dos orixinais realizados por Xosé Cobas para ilustralo. O acto contará coa presenza e intervención de autor e ilustrador, xunto a Laura Garcés. A exposición permanecerá aberta ata o 26 de xaneiro de 2013 no horario de apertura ao público: de luns a venres, de 8:30 a 20:30 h. e sábados de 10:00 a 14:00 h.

Carlos Negro presenta… Makinaria

Desde Trafegando ronseis:
“Di meu pai “el hombre propone y Dios dispone”. E así sucedeu con este vídeo. Cando o ano pasado veu Carlos Negro naquel día inesquecible para todas e todos nós, o meu prezado compañeiro Anxinho gravouno case integramente. Pero estragouse o ordenador, perdeuse o traballo… ata agora, que conseguiu recuperalo. E aquí está: só son uns meses de retraso, xa que Carlos veu máis ou menos polo mes de abril. Un día no que falamos de velocidade, da morte de mozos e mozas pola súa inconsciencia, de, en fin, Makinaria.”

As voces dos 90

“Os anos noventa lémbranse aínda hoxe como unha década de especial vitalidade poética. Para alén das edicións de libros, a poesía podía atoparse en follas volandeiras recitais en bares. Agora, Poesiagalega.org rescata do arquivo persoal de Rafa Villar un bo feixe de gravacións dunha serie de lecturas que se desenvolveron entre 1997 e 2000 nos pubs Tarasca e Pepa a Loba, en Santiago de Compostela. Un total de vinte e sete recitados que están agora dispoñibles para escoitar libremente na rede.” Desde Cultura Galega.

Lugo: presentación de Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica

O martes 18 de decembro, ás 12:15 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo (Praza Pío XII, 3), preséntase o libro colectivo Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica, coordinado por Ana Chouciño e María Xesús Nogueira, e editado pola Biblioteca da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, da Universidade de Santiago de Compostela, con financiamento da Presidencia da Excelentísima Deputación de Lugo. No acto intervirán Pedro García Herradón, Lara Méndez López, María Isabel González Rey e Juan Luis Blanco Valdés, xunto ás compiladoras do volume.

Parlamento das Letras: Xelís de Toro

Entrevista de Armando Requeixo a Xelís de Toro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xelís de Toro (XT): Resúltanme moi interesante os grupos de lectura de base, agrupacións, iniciativas voluntarias e voluntariosas de xente que trata de manter a literatura viva xa ben organizando grupos de lectura, actos etc. A literatura galega naceu dentro e grazas ao galeguismo e o nacionalismo, mais só vai ter relevancia social se logra matar ao pai. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XT: Eu vexo algúns moi bos escritores tanto en narrativa coma en poesía e dáme pena que unha calidade tan boa non veña da man dun público máis amplo polas particularidades da nosa cultura minorizada, público lector e ninguneo polas institucións públicas (…)”