O
sábado 15 de decembro, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Lousame convidan á saída dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2012, nun acto no que estarán presentes Manuel Cartea, Xesús Laíño e Teresa Villaverde Pais. Ao remate da presentación do volume, entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2012.
Santiago: presentación do libro Tempos dixitais
Gondomar: Contos en Cueiros, con Arrolos de salitre, en Espazo Lectura
O
venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova sesión de Contos en Cueiros, actividade de animación á lectura para bebés organizada por Espazo Lectura. Trátase dun concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández que interpretarán pezas do seu disco Arrolos de Salitre: unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón. As sesións de bebés Contos en Cueiros están pensadas para achegar aos cativos e cativas dende os primeiros meses de vida á lectura a través de recursos da tradición oral, como arrolos ou cantigas, xogos e contos destinados especificamente a estas primeiras idades.
Lídia Jorge, Escritora Galega Universal
O
Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou nomear Escritora Galega Universal a autora portuguesa Lídia Jorge. Este recoñecemento sustentase en sólidos argumentos: o seu compromiso ético coas causas da dignidade do pobo portugués e por ser creadora dunha extensa e intensa obra, valorada tanto en Portugal como nos máis diversos idiomas ao que foi traducida, no que a muller portuguesa ocupa un lugar de centralidade. Lídia Jorge é talvez a escritora en activo máis recoñecida das letras portuguesas, afirmación na que concordan a crítica máis exixente e o público lector.
Con este nomeamento, Lídia Jorge súmase á lista de Escritores/as Galegos/as Universais conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda e José Luis Sampedro.
Lídia Jorge licenciouse en Filoloxía Románica e preferiu ser profesora do ensino secundario a asistente na facultade para ter tempo para escribir. Leva 30 anos de carreira, con 15 volumes maiores alén de varias decenas de ensaios e contos. A súa mestría no dominio da lingua portuguesa fica patente neles, nun estilo de sintaxe ampla que ilumina as profundidades por onde guía con naturalidade a lectura.
O recoñecemento chegou cedo, despois de A Costa dos Murmurios (1988) que decorre na África da colonización portuguesa durante o período bélico. O éxito dese romance abriu camiño para unha adaptación fílmica de Margarida Cardoso igualmente premiada. A forza da vivencia psicolóxica das experiencias femininas xa estaba nese libro, nas dúas mulleres centrais, Evita e Helena. Tamén en Notícia da Cidade Silvestre existe un binomio feminino, Júlia Grei e Anabela Cravo. Mulleres e densidade tamén na súa máis recente obra, precedida por O Romance do Grande Gatão (2010), Contrato Sentimental (2009), Praça de Londres (2008), O Grande Voo do Pardal (2007). E anteriores que xa por aquí circularon con éxito: Combateremos a Sombra (2007), historia dun psicanalista que vai servir de pretexto para nos revelar unha ousada realidade de misterio absolutamente inesperada; O Belo Adormecido (2004), seis contos con protagonismo para xoves e adolescentes; O Vento Assobiando Nas Gruas (2002), confronto de dúas familias desemellantes, unha delas acabada de chegar de África, historia que recolleu o Grande Premio de Romance e Novela da Associação Portuguesa de Escritores, o Premio Correntes d’Escritas/Casino da Povoa, e cuxa publicación na Alemaña coincidiu co Premio Albatroz da Fundação Günter Grass polo conxunto da obra. O Vale Da Paixão (1998), Premio D.Diniz da Fundação da Casa de Mateus, Premio PEN Clube Português de Ficção, Premio Máxima de Literatura, Premio Bordallo de Literatura da Casa da Imprensa e Prix Jean Monnet de Littérature Européenne. En fin, a lista de premios, como a de títulos, é longa, como tamén a enumeración dos países onde se acha publicada, Francia, Alemaña, Brasil, EUA, España, Grecia, Suecia, Italia, Israel, Islandia, Iugoslavia, Reino Unido…
A Noite das Mulheres Cantoras é o mais novo romance de Lídia Jorge. Retrata admirabelmente, como noutras ocasións, as mudanzas nun cadro realista, histórico e social desta vez máis recente, a acción a rodopiar à volta do final dos anos 80 do século XX, e cun tema, como avisa a editora, «de inesperada audacia –o da forza da idolatría e a construción do éxito– visto a partir do interior dun grupo, narrado 21 anos máis tarde, na forma de monólogo». Grupo e construción do éxito dentro do ambiente da música, unha atmosfera exposta con autenticidade na que se inscribe a historia de varias raparigas, banda de ‘mulleres talentosas’ aí mergulladas, nunha montaxe en libro que consegue seducirnos desde a primeira á última páxina.
Santiago: presentación da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas
O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), en Santiago de Compostela, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda. No acto participan Aurora Marco, Carmen Blanco e Begoña Caamaño.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.
Vilalba: presentación de O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz
O
venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura (Praza Suso Gaioso, 1) de Vilalba, preséntase o libro O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, publicado por Xerais. O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos e Xerais, conta coa participación de Manuel Castro Santamariña, Isabel Soto, Manuel Bragado e o autor.
Ourense: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval
O
venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón Noble do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participarán Luís Manuel García Mañá, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype, Fran Alonso e o autor. Haberá acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.
A Coruña: presentación de O peizoque Roque, de Dores Tembrás
O
venres 14 de decembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Infantil e Xuvenil (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, preséntase O peizoque Roque, de Dores Tembrás, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participa o ilustrador do libro, Xosé Tomás.
Todo é silencio, de Manuel Rivas, publicada en inglés
“A
novela Todo é silencio de Manuel Rivas xa está traducida ao inglés e editada por Harvill Secker, que forma parte de Vintage Publishing, o selo onde o autor galego adoita publicar en Gran Bretaña, ambos os dous propiedade de Random House. (…)” Desde Xerais.


