O
venres 14 de decembro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo (Praza da Princesa, 2), preséntase o número 72 da Revista Galega de Teatro, correspondente ao número de outono. O acto contará coa lectura dramatizada da obra Ritos de sangue, de María Xosé Queizán e coa presenza da propia autora. A Revista Galega de Teatro é unha publicación editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas, de carácter trimestral e adicada á difusión das artes escénicas. Xunto coas seccións habituais da revista que van desde a crítica teatral, á crónica de festivais, pasando por entrevistas de actualidade e artigos en profundidade sobre problemáticas do ámbito escénico, a RGT inclúe en cada un dos seus números unha peza teatral. Nesta ocasión, a peza escollida foi Ritos de sangue que será presentada da man da súa propia autora, acompañada na lectura por Afonso Becerra, Mónica Bar e Ledicia Costas.
O mesmo día, ás 21:00 horas, na Biblioteca de Quintela de Moaña, a RGT organiza en colaboración coa Lonxa Literaria de Moaña unha tertulia co dramaturgo Santiago Cortegoso arredor da súa obra Casa O’Rei, publicada por Morgante, da que tamén se realizará unha lectura dramatizada de varias escenas.
Pontevedra: recital Con dez poemas por barba, de María Lado e Lucía Aldao
A saga de Iacobsland, de Marcos Abalde, gaña a Bienal de Teatro Romaría Vikinga de Catoira
Desde
Fervenzas Literarias:
“O xurado do Premio Bienal de Teatro Romaría Vikinga seleccionou a obra A saga de Iacobsland, de Marcos Abalde Covelo, como a mellor das presentadas ó certame.
Das obras presentadas, unha delas foi descartada polo xurado por ser entregada fóra de prazo. Na acta arguméntase que se selecciona como gañadora a obra A saga de Iacobsland, pertencente ao pseudónimo “Brunilda”, tendo en conta o carácter innovador deste texto, que combina unha escrita poética cunha boa plasticidade e que se axusta ás necesidades do espazo e de reparto para a súa posta en escena. Respecto á base 16 do concurso, na que se alude ó carácter bienal do premio e a posibilidade de elixir as obras a representar nos anos 2013 e 2014, acórdase declarar deserto o premio do ano 2014, ó non reunir as outras obras as condicións artísticas e de calidade suficientes. A saga de Iacobsland será representada Escola Municipal de Teatro nas Torres do Oeste no marco da tradicional Romaría vikinga do vindeiro ano. (…)”.
Santiago: presentación e recital de Versus
O
xoves 13 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Santiago, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.
A Coruña: presentación de As estrambóticas viaxes de Gulliver, de Pinto & Chinto
O
venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cascanueces, preséntase As estrambóticas viaxes de Gulliver, de Pinto & Chinto, unha das primeiras novidades da editorial Bululú. O acto contará coas intervencións de Pablo Zaera, Nacho Alonso e dos autores. Desde Fervenzas Literarias.
Agustín Fernández Paz: “A ambición de escribir a mellor novela sempre está aí”
Entrevista
a Agustín Fernández Paz en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Como deben entender os lectores O rastro que deixamos? Como un anticipo das súas memorias, unha reflexión sobre a obra escrita até agora ou, acaso, como o peche dun ciclo e o comezo doutro na súa vida / literatura?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Das opcións suxeridas, a que máis se achega é a segunda. A miña vida, como a de calquera persoa, ten múltiples facetas; neste libro percorro dúas delas, sempre coa memoria como tema principal. A memoria da vida e a importancia da literatura nela, como lector e como escritor, pois lectura e escrita veñen ser as dúas caras dunha mesma moeda. (…)
– FdV: Outra confesión de O rastro que deixamos: di alí Vde. que se xubilou para ter máis tempo para escribir. Está certo de que as súas mellores obras aínda están por vir?
– AFP: De non crer na posibilidade de escribir libros mellores no futuro, quizais sería o momento de deixar este traballo. A ambición de escribir a novela da nosa vida sempre está aí. Outra cousa é que se consiga, pero é obrigatorio intentalo.
– FdV: Non podería rematar esta entrevista sen aludir ao doutorado honoris causa que lle outorgaron recentemente. Que sente o “rapaz de Vilalba” diante de semellante distinción por parte da Universidade?
– AFP: Ante feitos así, un séntese superado: son cousas que un sempre pensa que lle suceden a outros, non a unha persoa normal como son eu. Agradezo de corazón a distinción que se me outorgan. Que sexa a Universidade de Vigo, cidade onde vivo e traballo desde hai máis de vinte anos, paréceme un agasallo inesquecible.”
Santiago: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
A
sexta feira 13 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e a A. C. O Galo, participan, xunto ao autor, Marcos Maceira, Luz Cures e Manuel Bragado.
Manuel Rivas: “Son un home de gustos domésticos, de café, pan e música”
Entrevista
a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): E como é ese proceso? Escribe pola noite, bebe auga, toma café…?
– Manuel Rivas (MR): Quen escribe é como un pronome, a cuarta persoa, que é singular é plural ao tempo, un elo entre o eu e o nós. Eu bebo moita auga, acompáñame a auga. En xeral, gustaríame ser máis disciplinado, creo na autoxestión, pero son un mal autoxestionario. Son fillo da noite, como a curuxa, ten que ver co traballo xornalístico, e nese sentido son dos que prefiro que o sol vaia por diante. Gústame moito a ironía esa que di: «Os poetas chámanlle aurora ao amencer porque sempre se levantan tarde». Pero un tamén vai cambiando. Eu teño un fillo e unha filla, lévanse só un ano, e cando eran cativos traballaba de freelance, escribía na casa, e acompañei un pouco o seu ciclo. (…)
– LVG: O último libro de Manuel Rivas, As voces baixas, é un canto á infancia e á memoria, un conxunto de relatos autobiográficos que se penetran non Rivas familiar, ou primeiro colexio, ou instituto de Monelos, Monte Alto, Elviña, a irmá falecida, a detención por parte dá policía nos anos de Madrid e vos primeiros contactos co xornalismo. Unha profesión que Rivas pon en valor non contexto de crise:
– MR: Cando eu era meritorio no xornal había unha dimensión moi grande de esperanza. Pero agora temos os depósitos baleiros. Hai unha cousa clara: a información xustamente neste tempo é máis necesaria que nunca. Temos moito ruído, pero o que máis botamos de menos é a información. Para min é como as cousas que levaban as mulleres na cabeza: o leite, o pan, a auga, a leña… E a demanda dese ben existe. Pero aos xornalistas fáltanos confianza. En parte somos nós os que nos disparamos aos pés. Estamos desnortados. É un problema tamén de estima, e de saber que ese ben é necesario e que temos que contribuír a ese ben. Seguro que, doutro xeito, cambiarán as ferramentas, pero a demanda do ben é máis grande que nunca. (…)
– LVG: Que difícil é transmitir a ironía, non?
– MR: Eu a verdade non entendo a literatura hoxe sen ironía. Igual que noutro tempo a literatura non se puido entender sen a épica. E neste tempo de subtracción hai tamén unha perda da ironía. Vivimos un momento da linguaxe patética. Realmente penso que é a peor crise. As palabras serven para facer unha guerra, pero tamén para parala. Definitivamente cando dicimos: imos parar, dise con palabras. (…)”
Santiago: presentación de Queer-emos un mundo novo, con Teresa Moure
Diana Varela gaña o Premio Estornela de Teatro para nenos
Desde
Fervenzas Literarias:
“O xurado do Premio Estornela de Teatro para nenos, reunido en Gres (Vila de Cruces) acordou fallar a VII edición de dito premio en favor de Diana Varela Puñal, pola súa obra Arlequino Viceversa. A decisión do xurado foi unánime.
Da obra gañadora os membros do xurado, composto por Xosé Neira Vilas (presidente), Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez (secretario), apreciaron o ben logrado movemento escénico, a amenidade da trama, o léxico rico e asequible, a alusión á cultura popular (entroido, filloas, etc), a cordial relación interxeracional e a transmisión de valores humanos integrada no seo da familia, así como a relación cordial entre nenos e nenas.
Dada a calidade das obras presentadas, o xurado considerou oportuno conceder mencións de honra ás obras A fraga das árbores das palabras, de Carlos Labraña e O corazón do bosque, de Lino Braxe.
A entrega dos premios terá lugar na Fundación Xosé Neira Vilas o próximo domingo 16 de decembro ás 17:00 h., nun acto no que participará o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero e o propio escritor Xosé Neira Vilas. Haberá unha representación escénica a cargo do coñecido actor vigués Cándido Pazó.”

