A Coruña: presentación de Melíflua Moradía, de Lino García Salgado

O venres 9 de novembro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), preséntase o libro Melíflua Moradía, de Lino García Salgado, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto, o autor estará acompañado por Alberte Momán.

Lugo: concerto O meu primeiro Celso Emilio

O venres 9 de novembro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, terá lugar o concerto O meu primeiro Celso Emilio, baseado no libro do mesmo título publicado en Xerais, en que actuarán María Manuela, Mini e Mero e Xiana Lastra. O acto está patrocinado polo Concello de Lugo.

Fene: tertulia de Francisco Castro con Carlos Negro, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 8 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Francisco Castro, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Neda en 2005, coa novela Spam, falará sobre esta obra nun acto conducido por Carlos Negro.

Vigo: presentacións de Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez

O xoves 8 de novembro, ás 11:30 horas, na Facultade de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo, preséntase o libro Atlas de Chaguán, de Rosa Enríquez, publicado en A Porta Verde do Sétimo Andar. No acto, xunto á autora, participan Miguel Á. Alonso Diz, Xina Vega e Manuel Forcadela.
Ese mesmo día, ás 20:00 horas, no Café De Catro a Catro (Rúa Xirona, 3), tamén en Vigo, terá lugar outro acto de presentación, coa intervención de Alfonso Láuzara, Paz Raña, Begoña Outeiro, Xina Vega e a propia autora.

Moaña: presentación de Monicreques, de Xosé Daniel Costas

O xoves 8 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Música de Moaña, preséntase o novo poemario de Xosé Daniel Costas, Monicreques, que obtivo o X Premio de poesía Novacaixagalicia. Tras a presentación o autor recitará poemas da obra acompañado da intervención musical da Zalo Carballo e a presenza de Xosé Manuel Millán Otero.