Reportaxe de Montse Dopico en Praza:
““Coa novela negra pasou como coa de ciencia-ficción. Ao principio, había quen che dicía que o que tiñas que facer era escribir a gran novela sobre a guerra civil ou a emigración… Pero o tempo foinos quitando todo iso de enriba. Os lectores teñen menos prexuízos que os críticos”, lembra Ramón Caride. Recordos semellantes garda Manuel Forcadela. “Tiñamos un proxecto consciente de facer novelas para todos os públicos, cun obxectivo normalizador. Pero o que non funcionou foi o sistema cultural deste país. Voceiros da UPG dicíannos que escribiamos cousas frívolas en lugar de falar do proletariado… Eu publiquei primeiro Sangue sobre a neve, que foi ben recibida. Pero despois Barato, barato e Fóra de xogo tiveron moi malas críticas. Logo chegou Domingo Villar, que escribe o mesmo pero moito máis politicamente correcto, -pois os nosos investigadores torturaban e facían cousas así-, e entón fálase de auxe da literatura policial”, asegura.
Tampouco O crime da rúa da Moeda Vella de Román Raña, premiada co Blanco Amor no 1989, foi moi ben acollida pola crítica naquela altura. Xesús González Gómez mostrouse en A Nosa Terra especialmente duro co resultado destes primeiros intentos de adaptar a serie negra á realidade galega, nos que percibía un excesivo manierismo -moito máis benévolo foi, pola contra, coas achegas ao xénero de Ramiro Fonte-. E aínda nun libro que publicou no 2002 sostiña que “a novela policial galega naceu mal, non só pola pouca calidade do texto inaugural, senón porque os seus cultores non entenderon o que fora no seu día a novela negra americana, porque non sabían que a novela negra era a literatura moral do noso tempo, e, tampouco sabían da segunda revolución que se producira na novela policial a comezos dos 70, en Francia, e que se espallara por toda Europa”. (…)”.
Inacio Vilariño e Iván Suárez: “Castelao non é máis coñecido fóra por como está estruturado o Estado español”
Entrevista
a Inacio Vilariño e Iván Suárez en Dioivo:
““Tiñamos unha materia prima de primeira calidade que non precisaba de gran elaboración”. Así, con esta metáfora tan axeitada, explica o debuxante Iván Suárez o cerne do seu traballo en Titoán e O pobre tolo, as dúas primeiras entregas da serie de oito volumes que Demo Editorial e a Librería Komic están a preparar arredor da biografía de Castelao. “O estilo que utilizamos está principalmente ao servizo do guión. Necesitabamos contar unha historia complexa de forma sinxela. As imaxes non podían distraer o que para nós era a principal: a propia historia de Castelao. E todo isto para min foi un reto moi grande porque ata o momento o meu rexistro como debuxante fora todo o contrario”, engade. E o resultado é o agardado polos autores: Suárez nos debuxos, e Inacio Vilariño no guión. Unha banda deseñada sen efectismos, sen dramatismos malia a dureza de parte do relato, e sen mitificacións, que escolle distintos aspectos da vida de Castelao para responder a unha pregunta con múltiples respostas posibles: quen era?, e atraer así ao lector cara á propia obra de Castelao. “Porque o obxectivo último é que a xente vaia a el, que lea os seus libros, que saiba máis del”, indica Vilariño. (…)”.
I Premio de microrrelatos Mulleres Progresistas
BASES DO I PREMIO DE MICRORRELATOS MULLERES PROGRESISTAS
Poderán participar todas as Mulleres que o desexen, de calquera nacionalidade ou cultura e maiores de 16 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 microrrelatos, que deberán ir escritos en galego normativo.
O tema será o empoderamento das mulleres, entendido consonte á estratexia definida na IV Conferencia Mundial das Mulleres de Beijing nos seus tres niveis de transformación: o individual, posibilitador de cambios orientados á consecución dun maior autorrespecto e confianza, así como de poder de negociación dos propios intereses; o colectivo, posibilitador dos cambios encamiñados á promoción de vínculos, apoios e recoñecemento mutuo para a defensa dos intereses comúns e, por último, a transformación social que proporciona cambios dirixidos a visibilizar e valorar ás mulleres na sociedade e a eliminar as discriminacións de xénero existentes.
Enlazando o carácter reivindicativo coa vertente literaria, o microrrelato terá por tanto unha natureza narrativa e non de mera proclama. Serán valorados aspectos como a calidade literaria e a orixinalidade das obras, así como de adecuación ao tema central do concurso.
Os microrrelatos deberán levar título e ter un máximo de 100 palabras (excluído o propio título).
As obras serán orixinais e inéditas, non estando difundidas por ningún tipo de medio, nin en papel, nin electrónico. Se calquera dos microrrelatos presentados a este concurso incumprise tal requisito, tivese recibido premio ou estivese pendente de resolución noutro certame, quedaría automaticamente descalificado. Tampouco serán admitidos aqueles microrrelatos que atenten contra os dereitos á intimidade, ao honor e á propia imaxe de terceiros/as ou que poidan ter connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias. As autoras responden ante a organización da autoría e orixinalidade do microrrelato.
Segundo o número e calidade dos microrrelatos recibidos designaranse entre 5 e 10 finalistas, entre as que se elixirán os premios do certame:
1º Premio: 300 euros, figura e diploma.
2º Premio: 200 euros e diploma.
3º Premio: 100 euros.
Presentación pública das bases en outubro de 2012.
Os traballos presentaranse no formulario que consta na web da asociación, apuntando tamén o nome, apelidos, DNI, data de nacemento, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono de contacto. No caso de participantes menores de idade, no momento de aceptar as presentes bases, terán que estar asistidas por quen ostente a súa tutela legal, quen deberá encher os apartados correspondentes do formulario de envío dando o seu consentimento.
O prazo de admisión para a recepción de traballos péchase ás 23:59 horas do 31 de decembro de 2012. Non se admitirán traballos fóra dese prazo, nin sequera por un retraso de minutos.
Mulleres Progresistas non manterá correspondencia acerca dos orixinais enviados.
O fallo do xurado publicarase o 8 de marzo de 2013, Día Internacional dos Dereitos das Mulleres, podendo quedar desertos calquera ou todos os premios se as obras presentadas non reúnen unha calidade mínima. O xurado estará formado por mulleres do mundo do asociacionismo feminino, as Letras e a Cultura, sendo inapelable a súa decisión. Dentro do xurado estará unha representante de Mulleres Progresistas.
Os microrrelatos premiados e finalistas, así como aqueles que o xurado estime dignos de difusión, serán colgados na web da Asociación Mulleres Progresistas, polo que as autoras ceden gratuitamente os seus dereitos editoriais sobre os mesmos á entidade organizadora.
En cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, os datos das participantes non serán comunicados ou cedidos a terceiros. Coa participación neste certame, as autoras dan por autorizada a publicación do seu nome e imaxe na web da asociación, prensa e medios de comunicación co fin de divulgar e a dar a coñecer ás gañadoras, finalistas e mencións especiais do concurso. Aquelas autoras que o desexen poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixíndose por escrito a Mulleres Progresistas, Rúa Policarpo Sanz, 12-14, 2º B, 36202, Vigo, axuntando unha fotocopia do seu DNI.
O xurado é o encargado de interpretar exclusivamente as bases deste concurso. A presentación ao mesmo supón a total aceptación das bases.
Marisol Gándara faise co XXV Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé
O
xurado da XXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, acordou outorgar o premio deste ano á obra Testamento poético. Ao entender dos membros do Xurado, o libro destaca polo uso coidado da linguaxe, mantendo unha estrutura de “cartas poéticas” nunha voz persoal e directa mantendo un ton reflexivo de carácter existencial e solidario. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Marisol Gándara Sánchez.
A autora, naceu en Francia en 1981, veu a Galicia con poucos meses e criouse en Ordes, é Licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela onde actualmente cursa estudos de Xornalismo, ademais dun master en Paratradución na Universidade de Vigo. Obtivo diversos premios a poemas ou pequenos conxuntos de textos entre os que destaca a XV edición do Premio Francisco Añón, do Concello de Outes, en 2011. Ten publicado ocasionalmente algúns poemas no magazine dixital Achtung. A autora remarca que “o poemario está adicado a poeta Eva Veiga e, nela, a todas as mulleres que tiveron e teñen que medrar contra un modelo no que non acaban de encaixar de todo”.
O xurado desta edición do Premio estivo integrado polas escritoras María Rosendo Priego (gañadora da XXIII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé) e Dores Tembrás, así como polo poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
A Coruña: conversa entre Xurxo Souto e Daniel Salgado sobre A literatura na música galega
O
luns 12 de novembro, ás 19:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47), Xurxo Souto e Daniel Salgado pechan o Espazo Escritorio desta entidade cunha conversa sobre A literatura na música galega, coordinados polo xornalista Iago Martínez.
Marín: conferencia-coloquio de Ramón Nicolás sobre Celso Emilio Ferreiro
Betanzos: representación de Snakizados, de Gustavo Pernas
Xosé Neira Vilas recolleu o premio Pedra do Destino
“O
sábado 3 de novembro, representantes da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, que preside o historiador Felipe Senén López Gómez, desprazáronse ata Gres para facer entrega do premio Pedra do Destino a Xosé Neira Vilas. Cada ano, o 18 de maio, o día despois das Letras Galegas e o día dos Museos outorgan un premio de 3.000 euros a aquelas persoas ou institucións preocupados por salvagarda da cultura e que contribuíron a normalizar, difundir, conservar ou difundir a cultura galega. Este ano foi outorgado á Fundación Xosé Neira Vilas. O galardón entregóuselle o sábado coincidindo co seu 84 aniversario. O escritor informou que cederá os 3000 euros do premio para o financiamento da súa fundación.” Desde Galaxia.
Xan Arias: “Son un editor vocacional”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Xan Arias en Qué Leer, traducida ao galego no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Que o levou a embarcarse nesta aventura [Trifolium]?
– Xan Arias (XA): A paixón artesá por esa nobre aventura que é facer dun texto un libro. Son un editor vocacional apaixonado pola súa vertente cultural, pero valorando en igual medida o aspecto artesanal do oficio. Non pretendo buscar nada novo nin orixinal, senón algo auténtico e perdurable. Como apunta Andrés Trapiello, un libro é sempre, como o universo, a harmoniosa conxunción de moitas órbitas. (…)
– RN: Como editor, como ve o futuro da edición en galego?
– XA: Os avatares da actual conxuntura política, cun apoio practicamente nulo á cultura, recrúanse ao ser unha lingua minoritaria cun mercado concreto. Os libros nunca se levaron ben co Poder; así, estratexicamente, reducíronse os fondos para as bibliotecas, o que compromete unha das infraestruturas de base da edición. Pero continuará a forza da imaxinación creativa, a vontade e a necesidade de crear con palabras modelos útiles para o mundo. En Galicia e fóra de Galicia. Manterei a ilusión sen facerme ilusións. Ou, como diría Borges, un debe seguir plantando o seu propio xardín, no canto de agardar a que alguén lle traia flores.”
Parlamento das Letras: Concha Blanco
Entrevista
de Armando Requeixo a Concha Blanco no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Concha Blanco (CB): Fáltanlle lectoras e lectores. Tamén precisa de máis visibilidade dentro e fóra das nosas fronteiras. Considero que son poucos os autores e autoras traducidos. Si, si, digo autores máis ca obras. E axudas, as editoriais quéixanse das escasas subvencións. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CB: Moi ben no tocante á calidade de obras publicadas, ao número salientable de obras no mercado e á potente xeración nova que está aí pisando forte e avanzando. (…)”

