Descobren un fragmento da versión galega das Partidas de Afonso X

“O arquivo do Museo de Pontevedra albergaba, sen o saber, o fragmento dunha versión en galego do texto das Partidas de Afonso X O Sabio. O pergameo, que se data no século XVIII fora utilizado como cuberta para o Libro del Ayuntamiento de Pontevedra de 1573-1575 e a súa descuberta facíase pública no web do Museo a pasada semana. O texto correspóndese coa Quinta Partida, un apartado deste texto xurídico que se refire ós contratos entre persoas, e está escrito a dobre columna, en escritura gótica textual con tres cores de tinta. Segundo sinala o Museo está pendente de verificar se o texto se corresponde con outro fragmento que se conserva no Arquivo do Reino de Galicia.” Desde Cultura Galega.

Xabier Iglesias recupera a memoria de Nós

“Dende hai unhas semanas, o escritor e humorista gráfico Xabier Iglesias López traballa no blogue Os libros de Ánxel Casal, onde recupera imaxes e recensións dalgúns dos libros publicados polo editor Ánxel Casal na Imprenta Lar e na Editorial Nós entre os anos 1924 e 1936, como el mesmo sinala. A propia vida, de Leandro Carré Alvarellos; A Dona das torres, de Ánxel del Castillo; O lobo da xente, de Risco; ou A terra chama, de Uxío Carré son algúns dos libros que podemos atopar, algúns máis esquecidos que outros, pero memoria viva do galeguismo e da edición galega.” Desde Fervenzas Literarias.

A Real Academia Galega custodiará máis de mil arquivos de voz con poemas de Celso Emilio

“O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, asinou en Lugo un convenio co presidente da Radio Lugo-Cadena SER, Julio Beberide Martínez, para a cesión das máis de 1.000 voces que compón o proxecto O son da nosa fala. 1.000 voces para Celso Emilio Ferreiro. A rúbrica materializouse nun acto no que tamén estiveron presentes o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro; o concelleiro de Cultura de Lugo, Antón Bao, e o fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro. O Grupo Radio Lugo, a través dos profesionais Paco Nieto e Tania Lombao, impulsa un proxecto de promoción cultural e lingüística con motivo da celebración neste 2012 do centenario do nacemento do escritor de Celanova Celso Emilio Ferreiro. A través desta iniciativa, as ondas da Cadena SER na provincia de Lugo emiten diariamente un mínimo de tres poemas ou pezas biográficas sobre o autor, recitados por persoas da esfera política, cultural e social de Galicia, así como por persoas anónimas e xente procedente de máis de vinte países de todo o mundo. A sinatura do convenio foi un acto simbólico en que a Radio Lugo cedeu un CD cunha mostra de cincuenta poemas, mais que se materializará no mes de xaneiro, cando a emisora decana de Lugo doe a totalidade de arquivos que sexan emitidos até o último día deste ano.” Desde La Opinión.

Parlamento das letras: Xosé Vázquez Pintor

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Vázquez Pintor no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Fáltalle aínda un censo grande e ceibe: lectoras e lectores, esa marabilla de respecto e de agarimo. Sóbralle a indiferenza dun poboado na nugalla, que sempre se marxina e encubila: “eu non entendo, non sei ler nin quero; amais non teño tempo…”. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XVP: En grande parte xa fica dito. Engadir de urxencia a nosa preocupación comunitaria, case heroica, pola Lingua: a mellor ferramenta patrimonial; a marabilla. (…)”.

Gálix anuncia que nomeará a Agustín Fernández Paz socio de honra da asociación

Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil anuncioulles hoxe aos seus socios que procederá a nomear ao escritor Agustín Fernández Paz socio de honra: «Un ano máis, e como xa fixemos o anterior, imos proceder á distinción de socio de honra de Gálix dun membro da nosa asociación cuxos méritos sexan indiscutibles e sobrados. Se o ano pasado o premio recaía na figura de Xosé Neira Vilas, este ano homenaxeamos a Agustín Fernández Paz, un dos nosos autores máis sobranceiros e sen o que a LIX galega, definitivamente, non sería hoxe a que é». A cerimonia do nomeamento terá lugar o vindeiro 18 de outubro, ás 11:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo e nela participarán numerosos estudantes lectores da obra de Agustín Fernández Paz.” Desde Xerais.

Ribeira: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 21 de setembro, ás 20:00 horas, na Aula Multiusos da Confraría de Ribeira, preséntase o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Elvira Blanco, Rosana Pérez, Luís Pérez, María Torres e Manuel Bragado.

Crónica posterior en La Voz de Galicia.

A Coruña: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O venres 21 de setembro, ás 20:00 horas, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012), en que participaron Isaac Alonso Estraviz, Xosé María Álvarez Cáccamo, Carmen Blanco, Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo Andión, Lois Diéguez, Xesús Rábade Paredes, Ánxeles Penas, Claudio Rodríguez Fer, Alberte Suras e Luz Pozo Garza, xunto coa colaboración gráficas de Felipe Senén. No acto, onde estarán presentes grande parte dos autores, haberá unha actuación musical de Xiana Lastra.

Baía Edicións pon en marcha a súa Aula Virtual

Baía Edicións segue innovando no eido da edición e da achega dos seus fondos en versión dixital, desta volta coa creación da Aula Virtual: plataforma de distribución de recursos didácticos e materiais educativos. Trátase dun proxecto que nace coa idea de facilitarmos tanto ao profesorado como ao alumnado todos os recursos didácticos e materias educativos dos que se dispón de cada un dos libros de texto publicados na actualidade. A Aula Virtual conta cos libros dixitais de Sociais de 1º e 2º de ESO, dirixidos tanto ao alumnado como ao profesorado, e desde a cal se poden adquirir. Asemade, desde esta plataforma poderanse descargar tanto o Proxecto curricular establecido e a Programación proposta para cada unha das disciplinas como materiais complementarios de axuda ao profesorado no seu labor didáctico e pedagóxico diario nas aulas tan só co seu rexistro.