Entrevista
a Elena Gallego en Sermos Galiza, desde Xerais:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Coa triloxía Dragal crea un universo propio. Como nace o proxecto literario?
– Elena Gallego (EG): Cando comezo a escribir Dragal quería demostrar que podiamos facer fantasía en galego con personaxes, maxia e un universo propio. Cando rematei o primeiro libro dinme conta de que precisaba continuar, tamén para darlle máis vida a ese volume inicial. Falo do último dragón galego, dun rapaz que se transforma en dragón, introduzo maxia, alquimia ou cabaleiros que teñen continuidade no segundo e no terceiro libro. A marabilla de ter un dragón na casa non se pode abandonar. O proxecto era contar nos tres volumes a historia do último dragón galego. (…)
– SG: De Harry Potter non anda algo cansa, de que a comparen con Rowling?
– EG: En absoluto, todo o contrario! Hai moitos rapaces que o único que leron foi Harry Potter e iso tamén acontece agora con Dragal. Para min o exemplo de Rowling foi un aliciente para escribir. Entra dentro desa serie de obras que fan que @s rapac@s lean, algo que tamén era o meu obxectivo. Cando escribín Dragal pretendía que o meu fillo lese e soubese que ese mundo de fantasía tamén o había en galego. (…)
– SG: A triloxía ten moitos elementos que poderían facer dela un best-seller, a atracción do medievo, o misterio, o segredo, a aventura, as catacumbas… que aparecen noutras obras con moito éxito. Buscou facer unha obra para gustar?
– EG: Tiña un público lector a quen quería gustar e a quen lle custaba enganchar se non era con libros que el quería. Era o que precisaba. Acción, personaxes que contaban, fórmulas para que estivese contenta como escritora e como autora. Ao tempo non quería quedar nunha obra que non transcendese, buscaba que ao rematar á persoa lectora lle quedasen varias ideas. Que atopase maxia, historia, tradición e enganches para seguir aprendendo e buscando, por exemplo, atoparse coa Traslatio, unha historia con dragón incluído. Na novela quero abrir novas portas.”
Vigo: inauguración da exposición Colmeiro. Olladas á colección I, comisariada por Carlos López Bernárdez
A
terza feira 25 de setembro ábrese ao público ás 18:00 horas, na Pinacoteca Fernández del Riego (Rúa Abeleira Menéndez, 8) de Vigo, a mostra Colmeiro. Olladas á colección I, centrada na obra de Manuel Colmeiro e comisariada por Carlos L. Bernárdez.
Interrogar a Casares
“Carlos Casares
non tivo tempo de administrar a súa posteridade. Se toda morte é prematura, a súa ademais foi repentina. Levouno un infarto en marzo de 2002, case sen avisar. Aínda non cumprira 61 anos. Transcorrida unha década, o seu legado (oficial) fica case intacto na antiga Reitoría de Vigo, onde se mudou en xaneiro a fundación consagrada ao seu nome. Pendente aínda de traslado á Cidade da Cultura, o fondo está a ser dixitalizado aos poucos. Estímase que cando remate este curso haberá 9.000 páxinas e 3.500 imaxes ao dispor de Galiciana, a biblioteca virtual do país. No material de acceso público a través da rede haberá de todo. Apuntamentos, cartas, bosquexos que nunca madureceron, traducións inéditas, conferencias, esquemas, entrevistas e mesmo papeis que aínda demandan un sentido. Estarán tamén as súas axendas e diarios, como o que detalla cada xuntanza da revista Grial a partir de 1989, ou os orixinais da súa produción literaria. Soamente d’O sol do verán (2002), a súa novela póstuma, consérvanse catorce versións diferentes. (…)” Desde El País.
Obradoiros literarios dirixido ás mulleres sobre Ramón Otero Pedrayo
“A Fundación Otero Pedrayo organiza durante os meses de outubro e novembro, catro Obradoiros Literarios dirixido a mulleres que gravitarán arredor da figura de don Ramón. Dirixidos a quen gusta de escribir e centrados no libro de Otero Pedrayo, Historia dun neno, as asistentes, en xornadas de venres e sábado, asistirán a, por unha banda, un Obradoiro de Escrita Creativa con Francisco Castro e a unha sesión de Contacontos e Oralidade con Eugenia Muñoz. Os Obradoiros desenvolveranse nas localidades ourensás de Trasalba, Amoeiro, Coles e Vilamarín. Máis información inscricións no enderezo electrónico fundacion.otero.pedrayo@gmail ou no teléfono 988.281.139″. Desde Fervenzas Literarias.
Manuel Rivas fala sobre o seu libro As voces baixas
Manuel Rivas fala sobre o seu novo libro, As voces baixas, na Feira do Libro da Coruña de 2012.
Pezas para armar a vida de Celso Emilio Ferreiro
Reportaxe-entrevista
de Daniel Salgado a Ramón Nicolás en El País:
““A Celso Emilio recoñéceselle o valor de clásico; niso, a posteridade foi xusta”, considera o biógrafo, “pero talvez falta ir máis alá de cuestións ideolóxicas”. Nun diagnóstico apurado, Nicolás avisa dos Ferreiros menos transitados e reclama atención para o narrador —“Os relatos d’A fronteira infinda forman un libro moi interesante”—, o xornalista de opinión que vive soterrado nas hemerotecas ou o divulgador da cultura galega “cando podía e como podía, e tamén cando non podía”. E iso malia que, explica, o escritor revitalizouse criticamente despois de atravesar certo deserto cando a dialéctica literaria, nos oitenta, o considerou a antítese do que debía facerse.
Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro emerxe dunha década de asexos e dous anos de labor intensivo. “Cousas da providencia laica”, chacotea o autor, “e de que me convenceron Luís Ferreiro [fillo do poeta] e do editor Bragado”. E irrompe nunha paisaxe, ao seu ver, “moi necesitada de biografías”. Ben pola dedicación que precisan, ben polo imán que supón o Día das Letras Galegas, o xénero non despega. “A min servíronme moito cousas como as de Marcos Calveiro ou Iago Martínez sobre Lois Pereiro e a de Murguía de Barreiro é moi interesante”, conclúe, “mais ¿para cando biografía de Rosalía, Curros ou Pondal?”.”
Vila Nova de Cerveira: presentación da colección DiVersos de Positivas
O
sábado 22 de setembro, ás 18:00 horas locais, na Livraria Porta XIII de Vila Nova de Cerveira, terá lugar a presentación conxunta da colección DiVersos de Edicións Positivas. No acto participarán Paula Carballeira, Estevo Creus, Rosalía Fernández Rial, Alfredo Ferreiro, Serxio Iglesias, Samuel L. París e o editor Paco Macías, acompañados pola música do grupo De outra margem.
A Coruña: O texto e o público, obradoiro dirixido por Lino Braxe
O texto e o público
é un obradoiro de teatro aplicado ao texto poético, dirixido por Lino Braxe, cos seguintes fundamentos: A búsqueda do corazón do texto. A música interior da obra literaria. A expresión exterior do corazón e da música. A leitura da obra. A comunicación ao público da nosa criación.
RESUMO
– Nivel: Iniciación.
– Duración: Trimestral. Prazas limitadas.
– Datas de inicio e finalización: 01/10/2012 ao 17/12/2012.
– Horario: luns de 18:00 a 20:00 horas.
– Prezo: 60 €/mes socios. 80 €/mes non socios.
– Inscrición: aquí.
Ourense: curso sobre A crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de Nós
Do martes 25 ao venres 28 de setembro, no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, desenvolverase o curso A crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de Nós, que reunirá a medio cento de docentes das tres universidades galegas e destacados intelectuais para afondar na actual desvalorización das Humanidades e para facer unha revisión crítica do legado cultural e literario do galeguismo. Máis información aquí.
A guerrilla editorial
“Hai
xa tres anos, un grupo de pequenos editores, coa característica común de residir na capital galega, xuntábanse para compartir gastos e organizar algunha actividade. Resultado deste encontro, Editores de Compostela está amosar nos últimos meses unha destacada creatividade á hora de achegar o libro aos lectores, con propostas como o Outlet do libro ou o Exprés Literario. A semente do colectivo, composto na actualidade por Edicións Positivas, Alvarellos, Sotelo Blanco e Urco, xurdiu no maxín de Francisco Macías, de Positivas. “Eu fixen un chamamento hai xa catro ou cinco anos no seo da Asociación Galega de Editores para contactar cos outras firmas de Compostela, fundamentalmente con vistas a compartir gastos como os de hotel ou transporte para irmos a feiras”, explica Macías. “Ao final a xuntanza non se daba feito, e hai cousa de tres anos conseguín reunirme con Quique Alvarellos e Chelo de Sotelo Blanco e botámolo andar. Despois coñecín a Tomás de Urco, que se sumou ao proxecto. A convocatoria segue aberta se alguén máis se quere integrar”, puntualiza. Henrique Alvarellos, pola súa banda apunta que “aínda que os integrantes, por dicilo dalgún xeito, somo catro, sumamos colaboracións puntuais con outros selos da cidade, e estamos abertos a aproveitar sinerxias a nivel de comunicación ou de asistencia a feiras”. (…)”. Desde Cultura Galega.

