Vigo: Mesa redonda de poesía con María Lado e Olga Novo, no VII Ciclo Escritoras/es na Universidade
O xoves 20 de setembro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, comeza o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir, cunha Mesa redonda de poesía, que contará coa participación de María Lado e Olga Novo.
Fene: tertulia de Víctor F. Freixanes con Mercedes Queixas, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor
O xoves 20 de setembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, terá lugar o primeiro faladoiro do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia, falará sobre esta obra nun acto conducido por Mercedes Queixas.
Santiago: presentación de Prisciliano e priscilianismo, coordinado por Victorino Pérez Prieto
O
mércores 19 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago, preséntase o libro Prisciliano e priscilianismo. Da condena á rehabilitación, coordinado por Victorino Pérez Prieto, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, participan Tucho Calvo e Pilar García Negro.
A Coruña: coloquio con Francisco Castro sobre Chamádeme Simbad
O
xoves 20 de setembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), dentro da conmemoración do Día Internacional de Alzheimer, terá lugar un coloquio con Francisco Castro arredor do seu libro Chamádeme Simbad.
Vigo: presentación de As meigas de Lupa, de María Solar
O
xoves 20 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro As meigas de Lupa, de María Solar, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Fran Alonso e a rapeira Aid.
Vigo: I Grupo de Leitura de Autores Lusófonos
“Dizem
que ler é um prazer solitário. No Centro Cultural do Instituto Camões em Vigo (Casa de Arines / Praça Tenente Almeida) queremos provar o contrário. Queremos promover a leitura coletiva e a discussão de livros da literatura lusófona. Assim, durante o próximo mês de novembro (dias 8, 15, 22 e 29), sempre às quintas-feiras (às 18:00 h.) surgirá o nosso primeiro grupo de leitura. Serão lidos e discutidos os romances O Delfim, de José Cardoso Pires, e Uma Abelha na Chuva, de Carlos de Oliveira. Os interessados devem inscrever-se até ao dia 7 de novembro no Centro Cultural do Instituto Camões em Vigo (telefone: 986430370, e-mail: ccp-vigo@instituto-camoes.pt), onde lhes será fornecido um calendário prévio de leituras e onde lhes serão dadas todas as informações necessárias sobre onde e como adquirir estes dois livros. ATENÇÃO: aceitaremos apenas 10 inscrições para o I Grupo de Leitura, pelo que devem ser rápidos.” Máis información aquí.
Santiago: Congreso do Bicentenario de Francisco Añón, os 4 e 5 de outubro
O
xoves 4 e o venres 5 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago, terá lugar o Congreso do Bicentenario de Francisco Añón, coordinado por Xoán Mariño. O programa previsto é o seguinte:
Xoves, 4 de outubro
– 16:00 h. Inauguración do congreso.
– 16:30 h. Intervención de Ramón Villares: A xeración de 1846.
– 17:15 h. Inauguración da exposición Añón, precursor do Rexurdimento.
– 18:00 h. Proxección do documental Añón na memoria, de Juan Silva e Óscar Sendón.
– 19:15 h. Intervención de Gonzalo Navaza: Consideracións sobre a poesía de Añón.
– 20:00 h. Presentación do libro Poesías galegas de Francisco Añón. Con Xosé Luís Méndez Ferrín.
Venres, 5 de outubro
– 10:00 h. Roteiro literario pola Compostela do Poeta Añón: Alameda, San Clemente, edificios da Universidade, San Martiño Pinario, Facultade de Historia…
– 12:00 h. Intervención de Pilar Sampedro: Valor e valores da poesía de Añón.
– 12:45 h. Intervención de Manuel García Sendón: Añón: creador do programa literario do Rexurdimento.
– 16:30 h. Intervención de Rosario Álvarez: O Poeta Añón na forxa do galego literario.
– 17:15 h. Intervención de Xesús Alonso Montero: Añón na literatura galega do Prerrexurdimento.
– 19:15 h. Presentación do libro Vida e obra de Francisco Añón. Por Ramón Blanco, autor do mesmo, e Víctor Freixanes, editor.
– 20:00 h. Coloquio.
– 20:30 h. Clausura.
Desde Certo.
Publican Os lonxes do solpor, un libro inédito de Manuel María
“«Non
hai nada no mundo, nada/ tan fondo, lúcido e fermoso/ como a nidia claridade/ da palabra». Manuel María deixou palabras escritas que agora saen a luz despois de estar silenciadas varios anos, tras a morte do poeta. «Un ama até aos límites / o impenetrábel misterio/ do silencio / e, para defendelo, usa / a forza poderosa da palabra». Estes versos están no inicio no libro Os lonxes do solpor, un poemario inédito que vén de publicar a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, acompañado polo CD Andando a Terra, de Uxía, e o DVD De amor e cantería, de Pixel Films, sobre un guión de Anxa González Refoxo. «Manuel María dera a coñecer algúns destes poemas, pero de xeito moi aillado, en publicacións espalladas que ahora están esgotadas, algunhas incluso no estranxeiro; de calquera xeito, como libro esta é a súa primeira edición». Isto esplicaba Alberte Ansede, secretario da fundación do poeta. Despois de presentar Lúas de Outono 2012, o espectáculo co que a semana pasada se lembraba na Coruña o cuarto aniversario do pasamento do escritor, Ansede indicaba que aínda quedan outros textos inéditos. (…)” Desde La Voz de Galicia.
Xesús Constela: “Na miña novela 15.724 quero provocar que o lector se vaia posicionando”
“Radiofusión publica
unha entrevista en audio con Xesús Constela, autor da novela 15.724. O autor declarou que a patria que se describe na súa novela é, aparentemente, un lugar de conto de fadas, idílico, pero pouco a pouco o lector vai descubrindo que a patria agacha territorios moi sórdidos e que non é o que parece. O título, segundo ao autor, fai referencia a un número que está intimamente ligado a un dos personaxes pertencente a unha familia que sofre unha serie de desgrazas familiares. Esas desgrazas desencadean a historia da novela. «Eu quería –asegura Xesús Constela na entrevista– que o lector se vaia posicionando e que saque as súas propias conclusións; non dar nada feito». A entrevista completa pode escoitarse aquí en mp3.” Vía Xerais.


