A Coruña: presentación de Prisciliano e priscilianismo. Da condena á rehabilitación

O martes 7 de agosto, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase o libro Prisciliano e priscilianismo. Da condena á rehabilitación, coordinado por Victorino Pérez Prieto, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, participan Tucho Calvo e Felipe Senén.

Santa Cruz, Oleiros: presentación de Berros no roncar das ondas

O martes 7 de agosto, ás 20:00 horas, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), preséntase o libro Berros no roncar das ondas, con fotografías de Xacobe Meléndrez Fassbender, poemas de Bernardino Graña e limiar de Xurxo Souto, quen, xunto ao autor das fotos, participará no acto. A exposición coa obra poderase visitar até o martes 14 de agosto, con horario de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00, e sábados de 11:00 a 14:00 h.

Manifesto en defensa do Ateneo Ferrolán

MANIFESTO EN DEFENSA DO ATENEO FERROLÁN

“As persoas abaixo asinantes, rexeitan drasticamente a operación que está levando a cabo goberno Popular do Concello de Ferrol, de ocupar a actual sede do Ateneo con outras entidades, reducindo o espazo ateneísta a unha pequena parte na que dificilmente poderían desenvolverse as actividades habituais da entidade. Igualmente, dito goberno Popular pretende cambiar o nome do edificio, Ateneo Ferrolán, polo de Centro cultural y cívico Concepción Arenal.
Os edificios, situados na rúa Magdalena 202 e o primeiro andar do número 204, conforman a sede do Ateneo Ferrolán dende hai máis de trinta anos, e así son coñecidos pola cidadanía. Un nome, Ateneo Ferrolán, que en sí mesmo garda o concepto fundamental que encerra a entidade: aberta, plural, democrática e defensora dos valores culturais do noso país. Características de especial recoñecemento no ámbito local, nacional e estatal.
O Ateneo ferrolán, creado en Ferrol en 1879, é un lugar aberto á cidadanía e impulsor dunha permanente actividade de carácter cultural, social e progresista, en tódalas suas manifestacións. Por outra banda, posúe unha biblioteca-hemeroteca de grande interese, utilizada diariamente por lectores e investigadores.
É por todo isto que non podemos permitir que o Partido Popular, no uso da súa maioría absoluta no Concello de Ferrol, distribúa arbitrariamente os espazos do Ateneo, do mesmo modo que pretenda facer desaparecer o seu nome asociado ao edificio. Feitos os dous que semellan provir do desexo de acalar o tradicional desenvovemento cultural da entidade en favor de Ferrol e da cultura galega.

Se queres asinar o manifesto, podes mandar o teu nome e DNI ao seguinte enderezo electrónico: rosamendez.ferrol@gmail.com ou ben entrar nesta ligazón e facelo directamente.

GRACIÑAS!!!!”

A Coruña: actividades destacadas do domingo 5 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do domingo 5 de agosto son:

19:00 h.: Víctor F. Freixanes asinará exemplares da novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia.
19:00 h.: Presentación do libro Xardín de inverno, de Ledicia Costas, publicado en Everest Galicia.
20:00 h.: Aid presenta o libro-disco Rapoemas, publicado en Galaxia. Presenta Francisco Castro.

Manuel Rivas recolle os «murmurios» de cativo en As voces baixas

“Do silencio ao murmurio. Manuel Rivas ergue a voz e pasa de Todo é silencio, a súa última novela, a As voces baixas, o seu novo libro. (…)
Antes da lectura, apuntaba o escritor: «Máis que a palabra memoria gústame murmurios; o tempo pasado volve como unha deconstrución acabada e ten ese proceso de murmurio». Con esas voces baixas do pasado, Rivas vai levantando de novo os murmurios da súa infancia e adolescencia, «un proceso de reconstrución do que nace outro tempo que está por enriba do presente e do pasado; é como estar situado no intemporal, onde desaparece o día e a noite… Sentinme como se estivese no centro do castro», de Elviña, lóxicamente, xa que é unha das xeografías da súa infancia, un lugar cheo de espazos evocadores, como aquela escaleira do lugar de Corpo Santo na que «escoitaba falar aos maiores». Coas historias, coas persoas que deixaron a pegada na súa memoria, coas voces que rodearon a súa infancia, o autor de A lingua das bolboretas escribe este libro porque «a orixe da literatura ten moito que ver con iso: o proceso de reconstrución da memoria, é a viaxe de Ulises, a Odisea; a boca da literatura está aí, cando Ulises recoñece a Penélope, cando o seu pai recoñece que é Ulises porque sabe o número de árbores que hai na horta…».” Desde La Voz de Galicia.

A Coruña: actividades destacadas do sábado 4 na Feira do Libro

Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. As actividades máis destacadas do sábado 4 de agosto son:

20:00 h.: Presentación De Xente Nova a Brais Pinto, de Xosé Fernández Ferreiro, publicado en Xerais. Participan: Manuel Bragado e o autor.
20:45 h.: Presentación de A derrota de Galicia, de Antón Baamonde, publicado en Xerais. Participan: Fermín Bouza, Manuel Bragado e o autor.
21:15 h.: Presentación de A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente, publicado en Xerais. Participan: Suso Sambade, X. H. Rivadulla Corcón e Manuel Bragado.

Manuscritos: Celso Emilio Ferreiro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) Comezo, non podía ser doutro xeito, con Celso Emilio Ferreiro, neste ano do centenario do seu nacemento e cando se cumpren cincuenta anos de Longa noite de pedra. O texto é inédito, ben revelador da súa estética e goza, ao meu ver, de plena actualidade. Extráese do Libro de Notas que acompañou ao autor nos derradeiros anos da súa vida (cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro) e que incluía esbozos de poemas, reflexións, pensamentos, apuntamentos de ideas, etc.”