Rianxo: presentación de Poñente, de Pere Tobaruela

venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira, s/n), preséntase o libro Poñente, de Pere Tobaruela, publicado en Xerais. O acto, coorganizado pola editora, o Concello de Rianxo, La Voz de Galicia e a Asociación Cultural Barbantia, contará coa participación de Ana Isabel Boullón, Manuel Bragado, Xesús Laíño, Carlos Mosteiro, Adolfo Muíños e o propio autor, e será completado cunha actuación musical a cargo de Antón Alcalde e Iago Hermo (da Escola de Música de Rianxo). Ese mesmo serán inaugurarase a exposición Castelao Vive. Esculturas de Nuco Losada.

Vigo: visita guiada á mostra O fermoso rostro do país, por Carlos L. Bernárdez

A sexta feira, 27 de xaneiro, ás 17:30 horas, na Pinacoteca do MARCO de Vigo, terá lugar unha visita guiada á mostra O fermoso rostro do país, proposta inaugural da Pinacoteca Fernández del Riego, a cargo do seu comisario, Carlos L. Bernárdez. O acto está organizado polos Amigos do MARCO.

Ourense: presentación de A xanela escura, de Jorge Emilio Bóveda

O venres 27 de xaneiro, ás 19:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase o ensaio A xanela escura, de Jorge Emilio Bóveda, publicado en Urco. No acto, acompañando ao autor, participa o especialista en cinema Valentín Barreiros.

Santiago: presentación do monográfico Celso Emilio fai 100 anos

O xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, publicado pola Asociación Arraianos, onde se recolle material inédito do poeta celanovés, un CD dos Labregos no tempo dos Sputniks e as colaboracións de Xesús Alonso Montero, Aser Álvarez, Miguel Castelo, Lois Codias, Carlos Díaz, Isaac Díaz Pardo, Celso Emilio Ferreiro, Luís Ferreiro, Benedicto García, X. L. Méndez Ferrín, Ramón Nicolás, Xaime Quessada, Baldo Ramos, Armando Requeixo, Xosé Benito Reza, Sabino Torres, Miro Villar, Manuel Vilanova e Xosé Vizoso. Intervirán no acto Aser Álvarez, Xoán Xosé Moralejo e Armando Requeixo. Actuarán interpretando temas musicados con versos de Celso Emilio os Labregos no tempo dos Sputniks.

Vigo: presentación de Crac, de Gonzalo Hermo

O venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Crac, de Gonzalo Hermo, publicado por Barbantesa. No acto participarán Chus Pato, Oriana Méndez, Fran Cortegoso, Alicia Fernández (que recitará poemas do libro) e o propio autor.

Ultímase o lanzamento de Dioivo, un novo proxecto xornalístico en galego

“Un medio de comunicación, dixital e en galego. Esta é a proposta de Dioivo, a cabeceira que un grupo de xornalistas “parados de diferentes grupos de comunicación” está a ultimar e que verá a luz en breve. Segundo explican no seu web, o novo medio funcionará baixo a forma dunha asociación cultural e pretende achegar “reportaxes, crónicas, entrevistas, blogs, humor gráfico, vídeo, opinión… que cuestionan, desde o medio dixital, a vixencia dos xéneros e de certos tópicos informativos”.” Vía Cultura Galega.

Pontevedra: presentación de Para cantar veño eu!, de Rafael Quintiá Pereira

O venres 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa Oliva, 24), o Ateneo de Pontevedra organiza a presentación do libro Para cantar veño eu! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos, de Rafael Quintía Pereira, publicado pola Sociedade Antropolóxica Galega e a A. C. Os Chichisos. No acto, acompañando ao autor, participan Rosalía Rodríguez e Paz Castro.

Ourense: roteiro literario A esmorga

O venres 27 de xaneiro, a partir das 18:30 horas, terá lugar unha nova edición do roteiro A esmorga, convocado pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense. A saída efectuarase desde a Avenida de Zamora, para logo irse desprazando polos lugares que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor. A lectura de textos será a cargo dos alumnos do Instituto da Carballeira, e as notas á marxe do Roteiro da Esmorga por Carlos Rafael, pechándose diante da estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, e rematando cun viño galego na Sala de Tertulia do Liceo.

Na morte de Isaac

Ás 13:00 horas do día 6 de xaneiro, na capela ardente instalada no Museo do Pobo Galego, as escritoras e escritores Marilar Aleixandre, Eduardo Estévez, Cesáreo Sánchez, Teresa Moure, Carlos Negro e Antía Otero fixeron unha lectura de poemas queridos para Isaac Díaz Pardo. Ademais, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, dirixiu as seguintes palabras:

Querida familia de Isaac, queridos Camilo e Xosé, querida Mimina, querido Isaac:

Vimos as escritoras e os escritores galegos a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.

Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.

Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos máis novos, sempre foi o noso fogar. Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro. E fixéchesnos partícipes da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito, de sementar de novo os eidos ermos de silencio.

E acompañámoste no teu traballo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital e iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria. Traías na palma da mao a palabra fértil, habitada pola ferida memoria dos nosos exiliados, de Castelao, de Lorenzo Varela e de todos os homildados que dicía Luís Seoane.

Eles e ti, rumor de auga nutricia, entraña errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos.

Fuches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.

Editaches os nosos libros, cando aínda aprendíamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.

Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e solprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.

Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.

Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.

Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.

Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños. Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.

Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, como pobo que vén atravesando os séculos coma inmorrente río de luz”.

Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2012

Museo do Pobo Galego