Goián, Tomiño: nomeamento oficial de Xosé Luís Franco Grande como fillo predilecto de Tomiño

O sábado 14 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Goián, celebrarase o acto polo que o Concello de Tomiño fai oficial o nomeamento do escritor Xosé Luís Franco Grande como fillo predilecto do municipio. Á cita acudirán numerosos nomes coñecidos, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Villares, Teresa Conde-Pumpido, Luis Manuel García Mañá, Carlos Varela García ou Xosé Manuel Beiras. Vía Galaxia. Recensión en Galicia Hoxe.

Ao pé de Isaac Díaz Pardo

Ampla reportaxe en El País (Galicia) sobre Isaac Díaz Pardo:
“Como na célebre admonición de O home que disparou a Liberty Valance, cando o feito muda en lenda, hai quen escolle imprimir a lenda. Mais nas idas e vidas, nos contubernios e nos debates, no labor cotián e nas ideas excepcionais, que orixinaron a refundación de Sargadelos, resulta difícil separar a fariña do farelo. As discusións durísimas e os enfados entre os inseparábeis Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane quedaron documentados nun volcánico volume de cartas, publicado por Do Castro en 2004, en que o combate dialéctico e a fidelidade a unha utopía funcionan como motor. Mais unha vida de proxectos en común non colle en ningún papel. Tampouco o relato de como era o día a día ao carón de Díaz Pardo, ese que viviron os seus colaboradores máis achegados durante anos. (…)”.
No mesmo medio, tamén se recollen aportacións sobre a súa figura de Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Pepe Barro ou Xurxo Borrazás.

Publicado o nº 1 da Revista de Poesía

Desde Poesía galega:
“Publicamos hoxe o número 1 da Revista de Poesía, un proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral que inclúe artigos, entrevistas, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional. Poesiagalega.org pon hoxe a disposición do público o primeiro número pechado da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar. A saída de cada número da Revista de Poesía ten un dobre carácter: líquido (iremos publicando na páxina web os artigos do número seguinte na medida en que os vaiamos recibindo) e sólido (semestralmente, en maio e novembro, pecharemos e maquetaremos cada número nun arquivo conxunto). Actualmente ofrecemos xa material do número 2, onde potenciamos a revista con seccións novas e máis colaboracións abrindo unha vía cara aos contidos gráficos e a poesía visual. O enderezo de contacto para enviar textos é gaapsdc@gmail.com e podedes consultar aquí as normas de publicación.”

Crear en 2011 (I)

Desde Cultura Galega:
“A crise económica tamén condiciona a creación. Cando menos iso é o que se desprende dos especialistas consultados nas áreas da literatura, a banda deseñada e a música. Nuns casos a pegada é positiva e noutra negativa, e mentres nas letras leva a unha visión máis conservadora, na música convida a que os artistas se impliquen máis nos procesos de control das súas obras, entre outras cuestións.
A nivel literario, o ano non achegou grandes novidades, e a crise deixouse sentir tamén na creación. Cando menos, así o sinala Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. “Semella que a literatura se contaxiou un pouco dunha certa perda de pulo que está a se ver tamén na sociedade. Faltaron novidades entusiasmantes, e estamos moi necesitados delas. É algo que nos volta a confianza na literatura e nas nosas posibilidades creativas”. Non é, no entanto, que non se producisen obras de valía, ou que non houbese lanzamentos, especialmente no campo da tradución, de importancia. “Houbo textos dignos de recibir unha acollida mais entusiasta, como a tradución de Murakami ou de Salma. Son esforzos notables que pasaron desapercibidos”. Apontalouse tamén neste período a certa crise que está a vivir a edición de poesía. “Houbo unha redución, tamén por cuestións económicas, e é o xénero que sempre sae máis prexudicado. En xeral os editores están con políticas restritivas, con apostas moi selectivas, e esa perda de entusiasmo afecta tamén aos creadores, que arriscan menos”. O ensaio é quizás, e a continuar tendencias de anos anteriores, o xénero que máis está a destacar. “Xa levamos uns anos moi bos, está a pasar o que tiña que pasar e abandonamos aquela especie de reciclaxe de investigación para facer ensaio puro, e estase a ver que é un xénero que, na medida no que se desenvolve apoiado na actualidade, ten éxito”. Finalmente, Vilavedra recoñece o traballo da editoras independentes á hora de anovar no panorama literario. “Ao non aspirar a grandes beneficios están menos pendentes do mercado e fan cousas moi interesantes, aínda que penso que hai de máis. Pero vese que algunhas consolidan unha liña e non publican ao chou, hai casos moi interesantes como o de Estaleiro ou o que publica Kalandraka en narrativa”. (…)”

Agustín Fernández Paz incorpórase á Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

“O escritor lucense Agustín Fernández Paz e a bonaerense Ema Wolf foron as últimas incorporacións da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes ó seu portal de Literatura Infantil e Xuvenil. Dirixido por Branca-Ana Roig Rechou e María Isabel Soto López –da Universidade de Santiago de Compostela–, o portal que a Biblioteca Virtual dedica a Fernández Paz recolle fragmentos das súas obras máis importantes, algúns estudos sobre a súa obra e un completo álbum gráfico. (…)” Vía Galicia Hoxe.

Ferrol: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero

O venres 13 de xaneiro, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, nº 30-32) de Ferrol, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Cesáreo Fraga García, Xesús Mosquera Sueiro e os autores.

Moaña: presentación de Sangue no ollo, de Juan Parcero

O venres 13 de xaneiro, ás 21:00 horas, no Café Teatro Gabana (Rúa Méndez Núñez, 24, O Real) de Moaña, preséntase o libro Sangue no ollo, de Juan Parcero, primeira publicación deste autor e do selo editorial Papilosante. No acto, acompañando ao autor, participa Xosé Daniel Costas.

A Coruña: presentación dos novos números de Clássicos da Galiza e o Arquivo Digital da AGLP

O venres 13 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, preséntanse os novos números da colección Clássicos da Galiza, editados por Edições da Galiza xunto á Academia Galega da Língua Portuguesa. No acto, presentado por António Gil Hernández e Celso Älvarez Cáccamo, presentarase tamén o recentemente creado Arquivo Digital da AGLP.