Artigo
de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“José Luis Calvo confesa que unha das primeiras cousas que o impresionou de Lugo non foi unha paisaxe, como adoita, senón un son. O escritor e investigador ovetense arribou á cidade en 1989, pero tomou conciencia físíca cinco anos máis tarde, na Noite dos Tolos, a celebración que organiza o club Clavicémbalo. Naquel evento, sentiu un recitado telúrico de Isidro Novo; «impactáronme a contundencia da súa voz e a forza das súas imaxes». Aínda lembra o título do poema que estaba lendo o poeta, Crise. A partir de aí entrou en contacto, unha canda outra, coa persoa e coa obra. A fascinación foi medrando e encauzouse nunha reflexión que quedou plasmada en Xograr da gravidade, que Calvo presentou onte xunto co autor estudado e Carlos Gegúndez en Lugo. O experto asegurou que o título está tirado dun poema que dedicou a Novo en Definitivo territorio -«un libro dedicado a Lugo»- e que fai referencia ao escritor «como xograr moderno e que ten gravidade por esa contundencia da súa voz e esas imaxes pouco comúns». (…) José Luis Calvo definiu a lírica de Isidro Novo como «un reflexo da desgraza humana», pero, a diferenza da visión opaca do parente, «sempre amosa un atisbo de esperanza». Reiterou que «trata temas moi duros, fai crítica social, pero o lirismo sempre está presente». A seguir citou ao poeta analizado para exaltar que «a poesía é a grande emoción», unha idea que lle valeu para anotar que «ten que existir esa beleza que sae do home, que aínda que escriba unha poesía dura, como no caso de Isidro, ten unha noción de canto musical, como acontecía con Neruda ou con Celso Emilio». Isidro Novo recoñeceuse «abafado» pola xeira de José Luis Calvo e «abrumado» porque ten conseguido ofrecer en Xograr de gravidade unha concepción da súa obra «moi parecida» á que ten el, sobre todo, na súa consideración da poesía «coma a magna arte». «Como poeta non son prolífico porque me dedico con devoción a cada libro», afirmou o escritor.”
Víctor Freixanes: “Era un pulmón incansable da cultura galega”
“O
mundo da cultura lamenta o falecemento de Isaac Díaz Pardo, e glosa a importancia do seu traballo. Recollemos as reaccóns de pesar a este triste acontecemento.
Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, sinala que “pouco a pouco váisenos a xeración dos históricos, quédannos practicamente Xaime Illa Couto e Avelino Pousa Antelo. Isaac era un pouco a ponte entre a Galicia de aquí e a Galicia do exilio, esa ponte simbólica que conseguiu concretar no proxecto Sargadelos con Luís Seoane. Era un pulmón incansable da cultura galega, e deixa unha marca que é esa visión da cultura que non se fecha en si mesma, senón que busca noutros ámbitos, no mundo da empresa, na economía e nas industrias culturais a súa capacidade competitiva. Supuxo unha marca de modernidade no galeguismo do século XX. Con Luís Seoane formaron aquel grupo de soñadores de Bos Aires que souberon moi ben que había que manter firme a dignidade e que tamén había que voltar e dar aquí a batalla. E fixérono ben”.” Vía Cultura Galega.
Falece Isaac Díaz Pardo
“A
morte sorprendía a Isaac Díaz Pardo esta mañá aos 91 anos de idade na Coruña. O histórico galeguista, industrial, empresario e activista cultural estaba ingresado no hospital San Rafael da Coruña a se recuperar dunha pulmonía. Co seu falecemento remata unha das traxectorias vitais máis importantes para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. Cunha longa vida plenamente dedicada a Galicia e ao galeguismo, a figura de Isaac Díaz Pardo (1920-2012) resulta fundamental para coñecer a evolución do noso país ao longo do século XX. Testemuño do galeguismo de preguerra e da súa aniquilación polo franquismo, traballador incansable durante os anos escuros, conexión imprescindible coa cultura galega na emigración e peza fundamental na configuración da nosa cultura na etapa autonómica, a figura do recentemente falecido emerxe como unha constante na historia da nosa cultura ao longo dos últimos cen anos. (…)” Vía Cultura Galega.
Recollido en Asociación Galega de Editores, Galaxia, Xerais, Portal Galego da Língua, Fervenzas Literarias, Gálix, Galicia Hoxe, La Opinión, El Progreso, Galiciaé, El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Camilo Franco, Faro de Vigo, Galiciaé, El País, Galicia Confidencial, Mundo Galiza e Diário Liberdade.
Convocado o X Certame Xornalístico Dora Vázquez
O
Concello de Arteixo, a través da Concellaría de Muller, convoca o Certame Xornalístico Dora Vázquez que chega neste ano 2012 a súa décima edición.
O tema deste ano para o certame é Muller e deporte e poderán concorrer a el todas as persoas que o desexen cun artigo de opinión inédito, único e orixinal escrito en galego.
O prazo para enviar os orixinais remata o día 31 de xaneiro de 2012.
A persoa gañadora terá un premio dotado con 600 € e a publicación do seu artigo nos xornais “El Ideal Gallego”, “La Opinión de A Coruña”, “La Voz de Galicia” e na páxina web da Asociación da Prensa de A Coruña, os cales colaboran un ano máis con este certame.
O concello dispón dun Servizo de Normalización Lingüística que poderán utilizar as persoas participantes antes da presentación do artigo ao certame.
As bases pódense descargar aquí: Diptico X Certame Dora Vázquez 2012.
Santiago: VII edición do Festival Implícate!
Anxo Lorenzo é o novo secretario xeral de Cultura
“A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xa ten estrutura e xa se coñecen algúns dos nomes designados tralo cambio de goberno. As competencias de Cultura que se adscribiron a este departamento terán a Anxo Lorenzo (Vigo, 1964) como o seu máximo responsable. O que foi o secretario xeral de Política Lingüística asume agora o reto de xestionar a política cultural da Xunta. A súa secretaría xeral perde a dirección xeral de Libro, Bibliotecas e Arquivos creada hai xusto un ano (que substituía á de dirección e promoción cultural) e queda só cunha dirección xeral, a de Patrimonio Cultural. O decreto, publicado no DOG o xoves 5 de xaneiro, establece tamén que a Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais, segue adscrita a este departamento.” Desde Cultura Galega, onde tamén se recollen declaracións súas.
Celso Emilio Ferreiro por si mesmo
“Máis dunha hora de gravación na que Celso Emilio Ferreiro fai un repaso da súa biografía. Esta é a achega que fai a Mediateca do Consello da Cultura Galega a coincidir, hoxe coa celebracón do centenario do nacemento do escritor. A súa infancia, a relación coa familia, a evolución política e ideolóxica poden coñecerse na propia voz de Ferreiro. A gravación que agora se publica fora editada polo Consello na serie As nosas voces en formato casete. O son procede das entrevistas que María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo realizaran para o seu libro Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas, e fora editado polo Arquivo Sonoro de Galicia. As limitacións tecnolóxicas do momento explican a relativamente escasa calidade do son. O material orixinal está na actualidade en proceso de restauración no propio Arquivo Sonoro e se publicará na rede en canto estea dispoñible. (…)” Vía Cultura Galega.
Celso Emilio Ferreiro, cen anos de resistencia poética activa
Artigo
de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“A pesar das confusións biográficas, Celso Emilio Ferreiro naceu hai cen anos, un 4 de xaneiro de 1912, concretamente ás catro da tarde, horas antes de que, segundo a súa avoa, houbese fenómenos estraños no ceo. A literatura xogou, desde ese momento de feitos estelares, un papel fundamental na vida de quen, segundo os especialistas, foi un dos escritores galegos máis populares. Coincidindo con este centenario, o Parlamento Galego declarou este 2012 como ano dedicado a conmemorar a figura do escritor de Celanova, que cargou toda a súa vida poética coa responsabilidade de ser poeta civil. Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu o 4 de xaneiro de 1912. O seu pai tardou dous días en inscribilo no rexistro civil e por este motivo nalgunhas biografías aparece a data do 6 de xaneiro como a do seu día de nacemento. A perspectiva dos poetas novos sobre a obra de Celso Emilio resúmea María do Cebreiro, asegurando que o escritor volveu «imprevisiblemente antes desta conmemoración e quizais o mellor dela sexa que nos obrigue a relelo». Para a escritora, a poesía de Ferreiro «conecta cun momento de incerteza e precariedade e a súa lectura pode ser moi produtiva na circunstancia actual». Máis que conectada coa súa poesía, María do Cebreiro encontra ligazón entre o autor de Celanova e os poetas que comezaron despois do 2000, «como Daniel Salgado».”
O sector cultural ve con reticencias a remodelación do goberno
Desde Cultura Galega:
““Considero que é un paso atrás” aseguraba Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. A adscrición das competencias de Cultura en Educación, desaparecendo a actual consellaría de Cultura e Turismo, é vista pola Asociación de Actores e Actrices, como “unha mostra máis do desmantelamento da cultura galega”, en palabras de Casilda Alfaro, vicepresidenta da Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Outras entidades, como Agapi, optan por esperar a que se coñeza todo o organigrama. “É unha mensaxe que o goberno nos fai para o noso autogoberno ao emular o Ministerio de Cultura de Madrid xa desaparecido. Pero a situación é diferente porque o ministerio desaparece porque están transferidas ás comunidades autónomas” puntualizaba Bragado, quen considera que a austeridade dun goberno “non depende do número de consellarías como da eficacia na xestión”. Nese sentido, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, apunta que “depende máis dos recursos que do feito de dispor un departamento propio”. Con todo, o sentir maioritario é o de agardar ata que se coñeza a estrutura orgánica deste departamento. “Hai que agardar a organización, e ver se mantén a Dirección Xeral do Libro. Unha vez publicado haberá que estudar o organigrama e ver que se manteñen os compromisos de futuro” puntualizaba Bragado. Desde a AAAG teñen convocada unha xuntanza para este xoves co obxecto de facer unha valoración oficial do colectivo ante esta situación.”
Comeza o programa do Ano Celso Emilio
“O
director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos presentaba o martes 3 de xaneiro as propostas da Consellaría de Cultura para celebrar o Ano Celso Emilio. No programa que se adiantou destacan as iniciativas de divulgación a pé de rúa. A iniciativa 100 poemas para lembrar a Celso Emilio exhibirá mostras da súa poesía nos escaparates de Celanova, mentres a acción Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro repartirá poemas nas caixas de correo dos habitantes das rúas que leven este nome en todo o país. Tamén se desenvolverán dous concertos con versións musicadas das súas obras. Cultura apoiará tamén a edición en inglés de Longa noite de pedra, así como unha versión bilingüe en galego e castelán sobre o escritor e unha escolma dos artigos que realizou para ABC desde 1973 e ata o seu pasamento. Unha homenaxe na Cidade da Cultura completa, polo momento, as iniciativas presentadas.” Vía Cultura Galega.
