A Universidade da Coruña fai Honoris Causa a Manuel Rivas e John Rutherford

“O escritor Manuel Rivas e o filólogo John Rutherford foron nomeados o 17 de outubro doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. A Mesa do Claustro da Universidade da Coruña aprobaba as distincións, confirmando a proposta que saíra da Facultade de Filoloxía. Encol de Manuel Rivas, a entidade considerou que se trata o “máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega”. Pola súa banda, Rutheford foi recoñecido como ” un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega” co seu traballo desde a Universidade de Oxford. Aínda non se estableceu data para o acto do duplo nomeamento.” Vía Cultura Galega.

Santiago: presentación de Asasinos, asasinos, asasinos!, de Vicente Piñeiro

O mércores 19 de outubro, ás 19:45 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Asasinos, asasinos, asasinos!, de Vicente Piñeiro, publicada en Toxosoutos. No acto interveñen, acompañando ao autor, Ánxela Gracián e David González Couso.

Cultura anula a convocatoria das axudas ao funcionamento de asociacións e fundacións

‘O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe, martes 18 de outubro, a anulación da orde pola cal se convocaban axudas ao funcionamento de asociacións e fundacións. A Consellería de Cultura “deixa sen efecto” a convocatoria publicada no DOG do 13 de xuño, que contemplaba axudas por valor de 50.000 euros para 2011 e de 250.000 euros para 2012. Segundo a Xunta de Galicia, “con motivo da política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, resulta necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados”. O departamento de Roberto Varela sinala que esta decisión tómase “co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público”.’ Vía Cultura Galega.

Monforte: Polafía no Museo Pazo de Tor, o 22 de outubro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Rede Museística da Deputación de Lugo, o grupo musical O Trícole e a Asociación Cultural O Colado do Vento (Sober), organiza unha nova edición das Polafías no Museo Pazo de Tor de Monforte de Lemos o sábado 22 de outubro, ás 18:00 horas.

¡Ouh, Casa de Tor,
onde eu soupen o que era vivir nun pazo!

Uxío Novoneyra

Música, contos, cantos e memoria das tradicións do propio pazo e dos arredores. Contará coa participación de Mini e Mero, O Trícole, Isidro Novo (que lerá poemas de Uxío Novoneyra, Manuel María e Lois Pereiro), as lendas de Alfonso Campos, os contos de Quintín, as historias do pazo de Ángeles Rivada González, a historia do pazo e do museo de Encarna Lago, a memoria de ilustres antergos da casa pacega de Xosé Lois García, os recitados de Marisa Álvarez, as historias dos franceses de Antonio Eirexe e moitas veciñas e veciños da contorna co seu saber contar e cantar.

Bases do XXXVII Certame Nacional Galego de Narracións Breves Premio Modesto R. Figueiredo do 2011

BASES XXXV II CERTAME NACIONAL GALEGO DE NARRACIÓNS BREVES PREMIO MODESTO R. FIGUEIREDO DO ANO 2011

1. Finalidade do premio. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Rianxo organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de Premio Modesto R. Figueiredo. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.
2. Requisitos para participar. Poderán participar todos os autores e autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.
3. Traballos que se poden presentar. Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.
4. Tempo e modo de presentación. As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 de novembro de 2011 a algún destes enderezos:
Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela
Concello de Rianxo (Concellería de Cultura), 15920 Rianxo – A Coruña
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas que o Xurado considere apropiados para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno, no exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.
5. Premios. A obra gañadora será premiada con 1000 euros. Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas poderán obter os segundos premios que serán de 400 euros cada un. Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda que non conten con premio económico). En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores e autoras.
6. Xurado e decisión. O Xurado estará composto por catro especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Escritores de Galicia) e do Concello de Rianxo. Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, secretario/a e moderador/a (estes dous últimos con voz pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
O Xurado reunirase cara á terceira semana do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.
7. Entrega de premios. Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de Rianxo na segunda quincena de decembro en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.
8. Obxeccións e normas de interese. A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, que terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga as autoras e aos autores a aceptar as bases deste certame.

Candidatos galegos para os premios ALMA

“Fixéronse públicas as candidaturas para a edición 2012 do Premio Memorial Astrid Lindgren (ALMA), un dos máis importantes da literatura infantil e xuvenil no ámbito internacional. Na lista figuran a escritora Fina Casalderrey e mais o ilustrador Miguelanxo Prado entre un total de 184 candidatos de 66 países. Esta é a lista completa de candidaturas. O nome dos gañadores darase a coñecer o 20 de marzo de 2012.” Vía AGPI.

Santiago: recital poético Picaversos, con Olga Novo, Martin Wu e Lupe Gómez

O martes 18 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Ferid@s, chega a segunda sesión do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Eva Veiga, Estevo Creus e Mónica de Nut, que ofrecerán ao público con textos propios e alleos baixo ese paraugas temático, intercalados con música. A entrada custa 2 euros.

Monforte: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O martes 18 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de España, 2) de Monforte, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres.

Fran Alonso: “Tento dar conta do que acontece ao meu redor, interpretándoo sen o xulgar”

Entrevista a Fran Alonso en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Neste libro analiza as relacións sociais da actualidade, teñen mudado moitos nos últimos anos?
– Fran Alonso (FA): En Ninguén reflexiono sobre a vecindade cunha mirada indiscreta do que percibimos pola apariencia ou escoitamos a través das paredes; pero tamén é unha análise sobre como as novas tecnoloxías (internet, os móbiles) inflúen no noso hábito de comunicación. Agora as nosas relacións sociais pasaron a basearse na proximidade a ser mediatizas pola tecnoloxía.
– AD: ¿É unha reflexión optimista ou feita dende a morriña?
– FA: Non me gusta a melancolía, pero tampouco é positiva. Limítome a dar conta do que acontece no meu tempo; trato de interpretalo sen o xulgar.
– AD: ¿Trátase dun ensaio con faciana de novela de ficción?
– FA: É totalmente ficción. Son moitas historias entrelazadas a través dos “hoax”, os bulos que chegan a través do e-mail.”