O
xoves 20 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, continúa o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de poesía, coa participación de Marga do Val e Emma Pedreira, presentadas por Anxo Angueira.
Lalín: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
O
venres 21 de outubro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón Aller (Rúa Ramón Aller, 9) de Lalín, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participa, acompañando ao autor, Luís Couto.
A Coruña: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei
O
venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto estará acompañado por Francisco Pillado e Xosé Ramón Freixeiro.
Vigo: presentación de Extramunde, de Xavier Queipo, e do espectáculo artístico O embigo do mundo
O
venres 21 de outubro, ás 20:15 horas, no Museo do Mar de Galicia (Avenida Atlántida, 160) de Vigo, preséntase o libro Extramunde, de Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011. Con motivo da presentación, representarase o espectáculo O embigo do mundo / L’ombelico del mondo, que conta coa participación de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Riolagares (MisterChoco e Xavier Queipo).
Santiago: Olladas sobre o Museo, recital de poesía no Museo do Pobo Galego
O
venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no Museo do Pobo Galego (Rúa San Domingos de Bonaval) de Santiago de Compostela, desenvólvese a quinta edición de Olladas sobre o Museo na que se convida a persoas de distintas disciplinas para que compartan a súa visión do Museo co seu público. A poesía vai ser, neste 2011, a forma en que o Museo será ollado e interpretado. Anxo Angueira (na voz do tamén poeta Brais González Pérez), Andrea Nunes Brións (na voz da tamén poeta Alicia Fernández), Silvia Penas, Séchu Sende e Xabier Xil Xardón farán dos contidos do Museo anacos de poesía, através do recitado en diferentes espazos da exposición permanente, de poemas creados para mostrar a súa ollada sobre o Museo. Esta actividade celebra tamén as Xornadas Europeas do Patrimonio, que desde 1991 a cidadanía de 49 países ven comemorando con visitas guiadas, itinerarios, exposicións, concertos e todo tipo de manifestacións culturais que achegan ás persoas ao patrimonio cultural. O espectáculo está patrocinado pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela e ten aforo limitado. A entrada será libre ata completar o mesmo.
A Coruña: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación
O
xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala de prensa da Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24), preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Ademais dos coordinadores da publicación, intervirá Mariña Pérez Rei e proxectarase unha videocreación poética de catro minutos de duración, obra de de Cristina Ferreiro Real. O acompañamento musical corre a cargo de Brais Morán (guitarra).
Armando Requeixo: Deriva dixital
Artigo
de Armando Requeixo no seu blog, Criticalia:
“Hai tempo que sigo con atención o proceso de remuda que a irrupción do fenómeno dixital está a provocar na nosa literatura. Teño escrito sobre os efectos que anda a producir no subsistema da crítica literaria e tamén na redefinición que supón no eido da tradución.
Xustamente a este último asunto quería agora referirme, pois coido que os cambios neste terreo son ben notorios: do milleiro e medio de libros que se publican cada ano en Galicia aproximadamente unha décima parte son traducións; pois ben, aínda que hai editoriais como Galaxia ou Xerais que ofrecen versións dixitais dos seus volumes en papel, o certo é que, quitando o caso do cento e medio de obras gratuítas reunidas en Bivir —a Biblioteca Virtual Galega dependente da AGT— de textos de autores clásicos, non existen obras literarias actuais que fosen traducidas e que poidan ser consumidas dixitalmente. Hai, polo tanto, un importante déficit neste sentido, o que fai que os dereitos das nosas tradutoras e tradutores para a comercialización dos seus traballos neste novo tipo de soportes se vexan absolutamente desasistidos: non se fan contratos que contemplen a difusión dixital e, polo mesmo, o tradutor ou tradutora, cando entrega o seu labor á editora, non deixa atada contractualmente a súa colaboración para este espazo.
Da desexable promoción da tradución en Galicia, da imprescindible potenciación do ámbito dixital e da necesaria reformulación da relación tradutor/a–editor/a nos produtos deste novo mercado ocúpome nun artigo que podedes ler na web da AELG e que deixo aquí enlazado para abrir diálogo.”
Traspediante baila o último poemario de Estevo Creus
“Baleados
é o nome do poemario que ultima Estevo Creus. Pero tamén a obra que inspira o primeiro traballo de Traspediante, unha compañía de danza contemporánea que se basea nese texto en Baleantes. “É unha peza multidisciplinar que mestura danza e teatro e traballa en interacción o corpo, cun software que fai en directo material visual” explica Marta Alonso, unha das coreógrafas deste proxecto. Un proxector iluminará e converterá as imaxes gráficas en riguroso dircto os movimentos das tres bailarinas desta novidosa aposta (Marta Alonso, Begoña Cuquejo e Paulina Funes).” Vía Cultura Galega.
Entrevista a Miguel Sande sobre a súa última obra, A vida fóra
Entrevista
a Miguel Sande en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A construción dun edificio diante da fiestra dende onde María, vella e enferma, observa a vida pasar postrada nunha cadeira de rodas vaille servir a vostede de escusa para xogar co título desta novela: A vida fóra. Recrearase esa vida fora da xanela e vai sacar esa vida fóra da vella María través das diferentes lembranzas.
– Miguel Sande (MS): A vella María pasa os días nunha cadeira de rodas ollando pola ventá. Un día, e outro, e outro… ata que constrúen un edificio diante da súa vivenda. Entón á vella sácanlle o único que a une co exterior: a vista. Vai ser a partires diso cando non vai ter outra que imaxinar a vida fora desa construción. Velaí o porque do título. Esa expresión obrigada da vella María de imaxinar a vida fora é o que a min me interesaba que fose a cerna e a orixinalidade desta novela. A vella vai facer gala dunha imaxinación desbordante, chegando en ocasións ao disparate. A vida fóra é unha novela dura, pero o que nos chega a través da imaxinación da vella dálle unha chispa á historia, esa vida necesaria para que o lector poida ler este libro cun sorriso. Doutro xeito sería unha novela moi simple: unha vella nunha cadeira de rodas mirando pola ventá. A historia chega a nós coas palabras dela. Sobre o de sacar a vida fora a través das súas lembranzas en parte tamén é certo. A vella María saca retallos da súa propia vida. Esta novela, como dicía Carlos Nuevo cando a presentamos en Viveiro, ten cortes etnográficos, elementos do pasado. A través deses retallos -aínda que non sexan coordinados por mor da memoria rota de María- vamos coñecendo a súa historia: a posguerra, a lembranza da mestra republicana a quen lle queimaron a casa… pero tamén o seu presente. Son cousas que non se relatan explicitamente pero xorden a través dos recordos da vella María. Hai quen ve iso como un defecto, pero eu pretendín contar as cousas doutro xeito.
– FL: Aínda que poesía e teatro abranguen a meirande parte da súa obra, retorna de novo á novela tras aquel Se algún día esta muller morta (Galaxia), I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2006. Nesta A vida fora, sendo unha novela, sitúa ao lector nun cruce de camiños onde conflúen tanto a prosa, como o teatro e un pouso da poesía.
– MS: Eu levo vinte e cinco anos escribindo e sempre digo que veño dos barrios marxinais, que serían a poesía e o teatro. Agora estoume achegando ao que sería o barrio rico: a novela. Noutra das presentacións que fixemos este verán, en Barreiros, o dramaturgo Manuel Lourenzo comentou que se trataba dun monólogo teatral. Aínda que concorde con Manolo, eu tamén creo que se podería ler como un poema longo. Pero sobre todo é unha novela, unha novela curta. Na contracapa do libro Galaxia indicou que se trata dunha novela que está nos límites da narrativa. Coido que non hai fronteiras. Podería dicirche que hai poesía, que hai teatro, pero é novela. Os diferentes matices ten que atopalos o lector. (…)”.
Santiago: VIII Simposio O libro e a lectura, o 10 e 11 de novembro
A
propiedade intelectual na sociedade dixital vai ser o eixe do VIII Simposio O libro e a lectura. A propiedade intelectual na sociedade dixital, que organiza a Asociación Galega de Editores en colaboración co Centro Español de Dereitos Reprográficos e mais co Consello da Cultura Galega. As tecnoloxías dixitais e o dereito á educación, o futuro da sociedades de xestión de dereitos ou a relación entre editores, escritores e bibliotecarios son algúns dos temas que se tratarán. O encontro celébrase os vindeiros xoves 10 e venres 11 de novembro no Auditorio do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. Este é o programa:
10 de novembro-xoves
– 09:30 h. Recollida de documentación.
– 10:00 h. Sesión inaugural: intervencións do presidente da AGE e Conselleiro de Cultura.
– 10:30 h. Conferencia inaugural: Tecnoloxías dixitais e dereito á educación. Conferenciante: Manuel Area, profesor de tecnoloxía da Universidade de La Laguna. Presenta: Manuel Bragado.
– 12:00 h. Conferencia: A xestión da propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Juan José Marín, avogado especialista en propiedade intelectual.
– 13:00 h. Panel de Debate: Edición e propiedade intelectual. Con Blas Garzón, de Traficantes de sueños, Carlos Iglesias, da Editorial Net biblo e Tomás González, de Urco Editora.
– 17:30 h. Panel de Debate: Escritores, editores e bibliotecas. Con Daniel Buján, Director da Biblioteca de Galicia, Antonio Mª Ávila, Secretario Xeral da Federación de Gremios de Editores de España e Marcos Calveiro, escritor e avogado.
11 de novembro-venres
– 10:00 h. Conferencia: A propiedade intelectual na sociedade dixital. Conferenciante: Xavier Marcé, Director do Instituto Catalán das Industrias Culturais.
– 11:30 h. Panel de Debate: As sociedades de xestión na era dixital. Con Pedro de Andrés, presidente de CEDRO, Antón Reixa, representante da SGAE en Galicia e David Maeztu, avogado especialista en Creative Commons e propiedade intelectual.
– 13:00 h. Conferencia de clausura: Os dereitos de autor na sociedade dixital. Conferenciante: Ana Azurmendi, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra.
– 14:00 h. Acto de clausura.