“O estudo de Comercio Interior do Libro en Galicia 2010, confeccionado cos datos achegados por unha mostra de 28 das 45 empresas pertencentes á Asociación Galega de Editores, ofrece unha panorámica completa do sector no pasado ano. Na nosa opinión, tres son os datos máis significativos ofrecidos: o emprego no sector diminuíu un 20% de 2008 a 2010; a edición aumentou un 8,2% no número de títulos e o 27,1% no de exemplares; a facturación diminuíu de 2009 a 2010 nun 8%.
EMPREGO
249 son os traballadores do sector. A diminución de emprego agudizouse en 2010, ano no que se perderon o 14% dos empregos directos e se reduciu case á metade o número de colaboradores profesionais externos. Froito da concentración e da externalización é a actividade comercial a que en 2010 reduce máis o emprego (18,8%).
EDICIÓN
En 2010 a edición privada aumentou en Galicia o número de títulos publicados, chegando aos 2.115, dos que 1.556 foron en galego (74%), 520 en castelán (24,6%) e 27 noutras linguas (1,4%). Outrosí sucedeu coa edición en galego que chegou aos 2.028 títulos -o que supuxo un aumento do 22,33%-, dos que 1.566 foron publicados por editores galegos (77,2%), 320 por membros da Asociación de Editores de Madrid (15,8%) e 139 polo Gremio de Editores de Cataluña (6,8%). É de salientar que o libro en galego sitúase por diante do editado en éuscaro (1.446 títulos), aínda que moi lonxe dos publicados en catalán (10.287), que continúan co seu crecemento espectacular.
O incremento de títulos editados en Galicia ten o seu correlato no aumento do número de exemplares. En 2010, os editores privados galegos fabricaron 3.361.000 libros, o que supón un crecemento do 27,1%, así como da tirada media, que se sitúa en 1.589 exemplares por título. Este aumento da edición reflítese no catálogo vivo dos membros da AGE que acadou os 13.269 títulos.
Con respecto ao volume de edición por materias é moi significativo o crecemento dos títulos de Divulgación, que pasan de 41 a 203, como tamén do seu número de exemplares fabricados, que aumenta de 87.000 a 414.000, cifras que explican, en boa medida, o crecemento do conxunto da edición do sector neste período.
A edición literaria en Galicia mantivo en 2010 os seus parámetros anteriores, supoñendo o 21% dos títulos e o 23,5% dos exemplares. É significativo o aumento da edición de Narrativa, tanto en títulos (297 en total), como en exemplares (que superán o medio millón); baixando pola contra o volume de edición de poesía e teatro, de forma importante. A Literatura Infantil e Xuvenil aumentou lixeiramente o seus títulos até chegar aos 491 (23,2%) e, tamén, os exemplares fabricados, 705.000 (21% do total). Pola contra, a edición de libro de texto baixa, tanto en número de títulos -pasa de 582 a 491 (23,2%)- como de exemplares producidos, 898.000 (26,7%). (…)” Vía Manuel Bragado. Tamén en Cultura Galega e La Voz de Galicia.
A Universidade da Coruña propón facer honoris causa a Manuel Rivas
“O
claustro da Universidade da Coruña decidirá o lunes 17 de outubro se aproba distinguir co título de doutor honoris causa ao escritor Manuel Rivas. A proposta deste recoñecemento partiu da Facultade de Filoloxía, cuxa xunta decidiu elevar ao claustro a decisión. (…)” Vía La Opinión. Tamén en Galaxia e Xerais.
Entrevista a Agustín Fernández Paz en A voz de Vilalba
A
revista A voz de Vilalba do mes de setembro publica unha longa entrevista con Agustín Fernández Paz na que se repasa a concesión do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil e a publicación da súa novela Non hai noite tan longa, pero tamén a situación da lingua galega, a presenza da literatura no ensino… entre outras moitas cuestións. A entrevista comeza cunha pregunta de Mario Paz González, o entrevistador, sobre a presenza de referencias a outros xéneros como o fantástico ou a novela negra en Non hai noite tan longa, ao que o escritor responde que “o da novela negra foi premeditado. Eu son, desde hai moitos anos, un bo lector dese tipo de novela na que, aproveitando unha historia, faise unha análise crítica da sociedade. Ademais, pra contar algo, non hai mellores tramas que as da novela negra, pois dun capítulo vanche levano ao outro, ata o final. O elemento fantástico é unha especie de marca da casa”. (…) A revista pódese descargar e ler a entrevista completa aquí.” Vía Xerais.
A Coruña: presentacións de O día que morreu Steve McQueen, de Kiko Neves, Desobediencia, de Rosa Enríquez, e Pegadas
O
sábado 15 de outubro, ás 21:00 horas, no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, terá lugar a presentación da novela O día que morreu Steve McQueen (unha novela de Xavi Ribak), de Kiko Neves, o poemario Desobediencia, de Rosa Enríquez, e o libro colectivo Pegadas, todos eles publicados por A Porta Verde do Sétimo Andar.
A Coruña: Memoria das Memorias dun neno labrego, espectáculo de Cándido Pazó sobre a obra de Xosé Neira Vilas
O sábado
15 de outubro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con entradas a 7 euros, terá lugar, na conmemoración do 50 aniversario da primeira edición das Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, un espectáculo en que Cándido Pazó combina a súa experiencia como autor, actor e director coa súa coñecida traxectoria como contador de historias, apoiado por un coidado traballo de videocreación.
Santiago: Conexões IV. A literatura brasileira hoje. Diálogos Galiza-Brasil
O
evento Conexões IV:-A Literatura Brasileira hoje. Diálogos Galiza-Brasil, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, entre os días 17 e 19 de outubro de 2011 constitúe o primeiro encontro deste teor que se desenvolve na Europa. A orixe desta iniciativa está no proxecto Conexões-Mapeamento Internacional da Literatura Brasileira. Trátase dun programa da área de Literatura do Itaú Cultural que, desde 2008, constitúe un espazo de reflexión e debate e elabora unha base de dados sobre a difusión e a presenza da literatura e da cultura brasileiras no exterior. Esa cartografia permite planificar e desenvolver políticas concretas de apoio á difusión e coñecemento da literatura e da cultura brasileiras a nivel internacional. Trátase do cuarto encontro internacional do programa do Itaú Cultural e o segundo realizado fóra do País –o primeiro foi na Universidade de Wisconsin-Madison (EUA). No Brasil tiveron lugar os encontros de pesquisadores, tradutores e escritores brasileiros e estranxeiros en São Paulo (2008) e no Rio de Janeiro, en parcería coa Universidade Federal do Rio de Janeiro (2009). Alén diso, o Conexões Itaú Cultural xa presentou o seu mapeamento internacional da literatura brasileira na reunión da Associação Europeia de Pesquisadores em Brasil (Universidade de Salamanca, 2009), no 10º Congresso Internacional da Brasa (Brazilian Studies Association) (Brasília, 2010), alén de participacións no Fórum das Letras 2010 (Ouro Preto-Minas Gerais) ou das edicións de 2010 e 2011 na Festa Literária Internacional (FLIP) de Paraty. Conexões IV será co-organizado polo Itaú Cultural e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Embaixada do
Brasil en Madrid e Fundación Cultural Hispano- Brasileña e da Universidade de Santiago de Compostela. Os responsables son Claudiney Ferreira (Itaú Cultural), Felipe Lindoso (consultor do Itaú Cultural) e Carmen Villarino Pardo (USC). Este Encontro pretende que escritores/as brasileiros/as (con traxectorias amplamente consolidadas e con obras traducidas en diversos países poidan discutir en mesas-redondas sobre as dinámicas actuais da literatura brasileira e as dificultades para se inserir nos espazos da crítica e dos mercados internacionais e contrastar esa situación con escritores/as galegos/as homólogos e con críticos literarios, editores, pesquisadores, docentes e tradutores.
O programa, que pode ser descargado aquí: Conexões IV, está formado polas seguintes actividades:
Luns, segunda feira, 17 de outubro
– 17:00 h. Inauguración e presentación á prensa.
– 17:30 h. Conexões Itaú Cultural – A literatura brasileira hoje. Conexões dentro e fora do Brasil. Mesa 1. Con Carmen Villarino (moderadora), Claudiney Ferreira, Felipe Lindoso, Carlos Quiroga e Marco Luchessi.
– 19:30 h. Actuación de Quico Cadaval.
Martes, terza feira, 18 de outubro
– 09:30 h. Descubrindo o Brasil – As pesquisas sobre literatura brasileira e as súas ligazóns con outras disciplinas no ámbito do “Brasilianismo”. Mesa 2. Con Leonardo Tonus (moderador), Carlos Paulo Martínez Pereiro, Elena Losada, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier.
– 12:00 h. Diálogos de escritores 1. Con Felipe Lindoso (moderador), Marçal Aquino, Luiz Ruffato, Suso de Toro e Iolanda Zúñiga.
– 16:00 h. A mediación cultural como diálogo. Mesa 3. Márcio Souza (moderador), Marco Lucchesi, João Almino, Antonio Maura e Manuel Bragado.
– 18:15 h. Entrega da colección de libros de asunto galego-brasileiro do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela.
– 19:30 h. Presentación do libro O conto brasileiro contemporâneo, editado por Laiovento e organizado por Carmen Villarino Pardo e Luiz Ruffato (na Libraría Couceiro Praza Cervantes, 6, de Santiago de Compostela).
Mércores, cuarta feira, 19 de outubro
– 09:30 h. As vertentes do ensino de literatura brasileira. Mesa 4. Con Carlos Paulo Martínez Pereiro (moderador), Pedro Serra, Leonardo Tonus, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier.
– 12:00 h. Espazos para a literatura brasileira actual. Mesa 5. Con Luiz Ruffato (moderador), Marçal Aquino, Cíntia Moscovich, Anxo Quintela e Elias Torres.
– 16:00 h. Diálogos de Escritores 2. Con Claudiney Ferreira (moderadora), Márcio Souza, Cíntia Moscovich, Xavier Queipo e Víctor Fernández Freixanes.
– 18:00 h. Clausura.
– 20:00 h. Presentación do libro Extramunde, de Xavier Queipo, publicado en Xerais (no CGAC, Rúa de Ramón del Valle-Inclán. 15704 Santiago de Compostela). Despois representarase o espectáculo artístico O embigo do mundo / L’ombelico del mondo, coa participación de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Olga Cameselle e o Colectivo Ríolagares (MisterChoco e o propio Xavier Queipo).
Lugo: recital poético Os libros de Caldeirón, con Eli Ríos, Alberte Momán e Paco Souto
O
venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, comeza unha xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eli Ríos, Alberte Momán e Paco Souto.
Allariz: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro
O
venres 14 de outubro, na Libraría Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5) de Allariz, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, acompañando ao autor, participa o profesor Xabier Álvarez.
Moaña: tertulia poética sobre casa atlántica, casa cabaret, con María Lado
O
venres 14 de outubro, a partires das 21:00 horas, na Lonxa Literaria (Centro Sociocultural Daniel Castelao, Quintela s/n.) de Moaña, terá lugar unha tertulia poética sobre o libro casa atlántica, casa cabaret, de María Lado, publicado en Xerais, coa presenza da autora.
