Agustín Fernández Paz: “A xeración dos 50 volve a Monteverde”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Xornal:
‘”Esta novela [Non hai noite tan longa] é un axuste de contas comigo mesmo e coa miña xeración”, recoñece o escritor., recoñece o escritor. “Eu non son Gabriel Lamas. Non escapei, coma el, dunha situación que o afogaba, e por iso non experimento a súa carraxe. Pero si que teño a sensación de ter sido estafado. Vólveme cada vez que vexo unha película e comprobo que hai moitas imaxes que foran censuradas, ou cando consigo ver por fin algunhas que sabía de memoria polas revistas de cine e que xa non me serven agora. Pasoume hai uns anos con If…, a de Lindsay Anderson. Eu sabíao todo desa película por Triunfo, que lía todas as semanas, e por Film Ideal e Nuestro cine. Devecía por vela, pero era imposíbel. Cando a vin, despois de tantos anos, xa non me fixo graza. Pasáralle o momento”. (…)
Monteverde é Vilalba, pero tamén outras vilas nas que viviu Fernández Paz ao longo da súa vida, como Betanzos, Pontedeume ou Guitiriz. “Se quixese que o lector identificase o que conto con Vilalba, chamaríalle Vilalba. Non o fixen porque estas cousas acontecían en calquera vila galega –e creo que española– da época, talvez de maneira algo menos acusada na costa”. Os antagonistas cos que bate Lamas, como sucedería tamén en calquera outro lugar do estado español, son os mesmos que torturaran o seu pai. Descendentes sociolóxicos ou de sangue dos que se levantaran contra as aspiracións dos seus antepasados, de tradición anarquista. “Esa é a outra estafa. Repasa a lista dos altos cargos das institucións e dos consellos de administración das empresas e compáraa coa dos xerarcas do franquismo, a ver que pasa. Están todos os apelidos, seguen no poder. O das fosas comúns é o síntoma máis evidente, pero hai outras fosas, simbólicas, que tampouco queren abrir”.’

Tui: recital poético no 120 aniversario dos Xogos Florais de Galicia

“A concellería de Cultura do Concello de Tui conmemora o 120 aniversario da celebración na cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcan un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua. O programa destes actos comeza hoxe, venres 24 de xuño, cun recital poético que terá lugar ás 20:30 horas na igrexa de San Domingos de Tui e que contará cun recital poético de Alfonso Pexegueiro e no que se realizará a lectura de poemas do libro A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, en recoñecemento ao seu recente Premio da Crítica, e contará coa actuación musical dos tudenses Fofinski the Chinaski.” Vía Galicia Hoxe.

Xosé Neira Vilas recibe a Medalla Alejo Carpentier

‘O Consello de Estado da República de Cuba outorgoulle ao escritor e membro da Real Academia Galega (RAG) Xosé Neira Vilas (Gres, 1928) a medalla Alejo Carpentier, que recoñece os “relevantes méritos alcanzados” polo autor e o seu “labor no enriquecemento da cultura” nacional cubana e galega. Así o expresou onte o cónsul de Cuba, Alejandro Fuentes, quen entregou a insignia ao escritor galego nun acto celebrado na facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, ao que tamén asistiron o reitor da institución, Juan Casares Long, e a directora da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, Ana Chouciño. Neste escenario, emocionado, Neira Vilas dedicou este recoñecemento á súa muller, Anisia Miranda –falecida hai ano e medio–, e destacou os “lazos” que unen Galicia e o país que cualificou como a súa “patria paralela” e que fan posible a “existencia” dunha “simbiose cultural” presente en todas as disciplinas de saber. Deste modo, coincidindo coa celebración do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego, a Universidade de Santiago (USC), a través de cátedra de cultura cubana Alejo Carpentier, tamén se sumou ao recoñecemento a “unha das plumas máis relevantes” da literatura galega que “pasou grande parte da súa vida na illa americana”, como expresou a directora do departamento, Ana Chouciño.’ Vía Xornal.

Ángel de la Cruz dirixirá a adaptación audiovisual das historias do detective Frank Soutelo

“O director Ángel de la Cruz adaptará para as pantallas coa súa produtora Artemática, a novela Lume de cobiza, a recente entrega do detective Frank Soutelo na súa primeira aventura en Galicia, obra do escritor e crítico cinematográfico Miguel Anxo Fernández, editada por Galaxia e actualmente nas librarías. (…) Na presentación da obra en Santiago, proxectouse un teaser do proxecto audiovisual da obra e a presentación da web de Frank Soutelo.” Vía Galaxia.

Cangas: recital poético dentro do II Festival de Cultura Proletaria

O sábado 25 de xuño, a partir das 18:00 horas, no Centro Social “A Tiradoura” do barrio de Reboredo (Cangas do Morrazo), e dentro do II Festival de Cultura Proletaria organizado pola CUT, terá lugar un recital poético coa participación de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xabier Cordal, Chus Pato e Xiana Arias.

Oleiros: recital de A porta verde do sétimo andar

O sábado 25 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa Charry (Praza de Galiza, s/n.) de Oleiros, terá lugar un recital do Colectivo A porta verde do sétimo andar. Como parte do acto, presentaranse os Q de Vian, cadernos que promove o Colectivo, a aportación musical do cantautor Miguel Alonso e presentarase a novela de Kiko Neves O día que morreu Steve Macqueen. Unha novela de Xabi Ribax.

Convocado o XI Premio de Historia Medieval de Galicia

Convocado o XI Premio de Historia Medieval de Galicia convocado pola Editorial Toxosoutos, coas seguintes

BASES

Primeira. Poderán concorrer ao premio todos os autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en lingua galega ou portuguesa. Os textos deberán ser inéditos cun mínimo de 150 folios a dobre espazo. Valoraranse o rigor, a innovación metodolóxica e o interese para a sociedade.
Segunda. Os traballos de Historia Medieval de Galiza comprenderán toda a etapa medieval. Os traballos de Historia Medieval de Portugal cinguiranse ao período de historia en común.
Terceira. Presentarase o orixinal e cinco copias antes do 1 de novembro de 2011en: Editorial Toxosoutos, Cruceiro do Rego, 2 – Obre, 15217 Noia (A Coruña).
Cuarta. Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título da obra.
Quinta. O premio considerará dúas clases de galardóns, nomeadamente, un gañador, ao que se lle asigna unha dotación económica de 4.000 euros, e un finalista, que recibirá unha cantidade de 1.200 euros. En ambos os dous casos, os traballos serán publicados pola Editorial Toxosoutos na súa colección Trivium, renunciando os autores aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutras linguas de posíbel publicación por parte da devandita editora. Aínda que os premios poderán quedar desertos ou ser compartidos en calquera das categorías sinaladas.
Sexta. O xurado estará composto por cinco especialistas de recoñecido prestixio, e actuará como secretario sen voto un membro da Editorial Toxosoutos.
Sétima. O fallo do xurado darase a coñecer o día 17 de decembro, aniversario da morte do Mariscal Pardo de Cela.
Oitava. O xurado poderá recomendar a publicación dos traballos que, aínda non sendo premiados, sexan de calidade.
Novena. Os autores e autoras quedarán comprometidos a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.
Décima. A participación nesta convocatoria presupón a aceptación das presentes bases, así como as decisións do Xurado, que serán inapelábeis.