O
martes 28 de xuño, a partir das 20:00 horas, na Porta do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, proseguen os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man dos nosos autores e autoras. Está previsto que este Roteiro, da man de Marilar Aleixandre, parta da praza do Obradoiro, seguindo polo casco histórico, para despois cruzar a Alameda e acabar no lavadoiro de Cornes.
Paco Martín: “Soamente me presentei a un premio”
Entrevista
a Paco Martín en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Como sentan os premios tras 40 anos publicando?
– Paco Martín (PM): Non teño o costume de presentarme, supoño que por medo a que non mos dean. Soamente me presentei a un, o de Barco de Vapor, pero sentan ben porque os recoñecementos que os compañeiros e os veciños lle fan a un, nunca chegan tarde.
– LVG: O Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil foi o que máis sona lle deu. ¿Un autor ten premios preferidos?
– PM: Non. Cada premio ten a importancia que ten, aínda que a ese téñolle un certo cariño por unha razón fóra do propio premio: nunca un libro en galego levara un premio nacional, e faime sentir un pouco pai dun certo recoñecemento ao meu idioma.
– LVG: ¿Cara onde avanzará a literatura infantil nesta cultura do audiovisual?
– PM: Como toda a literatura, imaxino que acabará en formato dixital, pero sempre haberá quen necesite mover a imaxinación e participar máis directamente na historia que está lendo.
– LVG: ¿A infantil é unha especialidade da literatura?
– PM: Salvando os primeiros niveis, é literatura a secas.”
Paco Martín: “Só se poñen atrancos”
Entrevista
a Paco Martín en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A AELG e outros colectivos criticaron a ausencia de escritores en lingua galega no Litvi…
– Paco Martín (PM): Entendo que os escritores non seremos xente especialmente recomendable en ningún lado. Pero se non o somos os galegos tampouco o son os casteláns. Non sei por que teñen que escollelos. Inténtase vender un produto que nada ten que ver con Galicia botando man de cousas rimbombantes, de palabras que soan moito ou incluso botando man de algo tan sagrado como é liberdade, utilizándoa da forma máis espúrea. Se empezamos por mancar o ensino, se somos capaces de aturar iso e de que a ninguén lle remorda a conciencia, ou que se deixen levar por persoas que non teñen nada que ver nin autoridade para opinar sobre determinadas cousas…
– GH: Está habendo un retroceso a nivel cultural en Galicia?
– PM: Estao habendo, si. Todo funciona a nivel educativo. Están atacando o ensino directamente. Se formas unha ou dúas xeracións de incultos a este nivel, gañaches a partida. O outro día lin na prensa que Galicia Bilingüe lle mandou unha carta ao alcalde electo de Lugo para que cumprise a lei e respectase o castelán. Eu non sei se esa asociación lle mandou tamén unha carta ao Paco Vázquez para que respectase a lei… Se se lle permite a unha asociación deste tipo presionar a unha corporación municipal electa polos cidadáns, que país é este? É curioso que esta xente teña acceso directo á Consellería de Educación ou Cultura e en cambio, a Asociación de Escritores ou a Academia Galega non poden. Iso cóntalo fóra e non che cren.
– GH: Como contrarrestar iso?
– PM: Os medios de comunicación teñen moito que facer. Acórdome cando eramos novos, mestres e nos sentabamos para organizarnos, eu sempre insistía en que os que utilizamos o galego temos que ser os mellores, os que mellor traballemos, temos que esforzarnos para que a sociedade vexa que somos os que lle interesa á sociedade e que a sociedade se una. Iso teñen que facelo os medios de comunicación, senón temos unha batalla perdida. Eu o tempo que me quede heino seguir loitando.”
‘A xeración Lamote ou cando a LIX galega se fixo por fin maior’
Artigo
de Iago Martínez en Xornal:
“Hai traxectos que se asocian a unha lectura e quedan aí para sempre. A Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) pasoulle cando marchou a Gernika en 1976. Ensinante antes que Premio Nacional de Literatura, o vilalbés pagou no País Vasco unha das peaxes –”feliz”, matiza– que impoñía a carreira docente. Naquel tren que o levaba para alá, recorda agora, ía lendo No cadeixo, un dos primeiros títulos de Paco Martín (Lugo, 1940). Aínda quedaban moitos anos para que Fernández Paz debutase como narrador e moitos máis para que Manuel Bragado, vendo unha foto de Xurxo Lobato na que os dous escritores aparecían xunto a Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946), os alcumase como a xeración Lamote. Para que existise a “feliz creación” do editor vigués era necesario que Ramón Lamote, o personaxe creado por Paco Martín en 1985, se instalase na historiografía como un sinónimo –ou metáfora– da maioría de idade da literatura infantil e xuvenil galega. Nun tempo no que as comunicacións en Galicia eran africanas, bromea Fernández Paz, a renovación pedagóxica era unha tarefa titánica na que traballaban grupos illados de docentes por todo o país. Nun determinado momento, alguén propuxo sumar eses esforzos e centralizar en Santiago o traballo do que logo sería Nova Escola Galega. Verse periodicamente e organizar o ensino progresista daquel presente, aínda máis largo do que a Transición acabaría consentindo. Así empezaron a tratarse Agustín Fernández Paz e Xabier P. DoCampo, amigos de antes e compañeiros de traballo, con Paco Martín. Para o que ía ser e non foi a Revista Galega de Educación –que sería, pero con outro formato e outros presupostos–, Agustín fíxolle unha longuísima entrevista a Paco Martín. Calquera a atopa agora, resígnase o autor de Cartas de inverno, entre o mundo de casetes que gardan a memoria daquela época no local onde lle fixo sitio en Vigo á súa biblioteca. Son o testemuño, non só da prehistoria da literatura infantil e xuvenil tal e como a coñecemos agora, senón da época en que a renovación pedagóxica intentou tomar as escolas. Das cousas de Ramón Lamote (1985), gravado a lume na memoria infantil de varias xeracións de escolares, ten algo de libro fundacional. Para Agustín Fernández Paz, que tamén acabaría galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, como DoCampo e Martín, obviamente en anos diferentes, é a primeira vez que na literatura galega se ensaia o que máis alá dos Pireneos había tempo que se facía. “Era o que nós descubríramos cando en España se empezaran a editar os libros de Michael Ende, Gianni Rodari, Ursula Wölfel ou Roald Dahl”, recorda agora o autor de Non hai noite tan longa. “Paco Martín fixo en Das cousas de Ramón Lamote unha novela galega pero tamén universal. Era o que buscabamos”. A crítica, non só a académica, e os lectores, acabarían dándolle a razón a ese pálpito, tanto polo número de exemplares vendidos como pola proxección internacional e o prestixio crítico da literatura infantil e xuvenil galega. (…)”
Ramón Caride: “A literatura galega aínda ten déficit de se introducir no mundo de hoxe”
Entrevista
a Ramón Caride en El País (Galicia):
‘- El País (EP): Séntese parte dunha xeración?
– Ramón Caride (RC): Hai unhas constantes nos narradores coetáneos, como tamén en Lois Pereiro: o rock, escribir tipo colaxe incluíndo voces noutros idiomas, o relato curto, a influenza do cine… Eu leo a Suso de Toro ou Bieito Iglesias e vexo moitos puntos en común, é normal. En moitos casos fomos os primeiros universitarios da familia, vimos dunha cultura agraria, atopamos as mesmas cousas á mesma idade, estabamos na Universidade cando morreu Franco…
– EP: Para escribir en liberdade hai que vivir doutra cousa, como di Ramiro Pinilla?
– RC: O oficio de escritor ten que ser libre. Hai quen se poderá atopar libre gañando a vida doutro xeito e escribindo no lecer. Pero se gañas a vida doutro xeito tes menos tempo para escribir…
– EP: “Sae máis rendible escribir para a escola” tamén é algo que se lle pode escoitar a algún escritor que pasou ao infanto-xuvenil.
– RC: A literatura infanto-xuvenil é escolar, pero iso non é bo nin malo de seu. A través dunha gran campaña podes facer moito diñeiro co Código Da Vinci, pero que alguén se acorde del en cinco anos… Ao final, queda o ben feito. (…)
– EP: Se tivese que sincronizar a súa obra coa literatura galega, onde a poría?
– RC: A miña tradición é Ferrín. En Elipsis e outras sombras, o primeiro relato, Prólogo á impunidade, sobre a represión franquista, é realista a tope. E despois escribe sobre o mundo de Huxley e máis a materia de Bretaña… Non é que se adiantase, senón que naquel momento xa tiña aquela visión. Como el di, o escritor é coma un pirata. E as literaturas que aspiren a estar no mundo teñen que botar man do propio e do alleo, porque nada lles é alleo.
– EP: Cría que nesta altura ía ter que estar asinando manifestos en prol do galego?
– RC: A verdade é que non, pero o galego, a fin de contas, será o que nós queiramos. Está ben asinar manifestos, pero falando galego non agredes a ninguén. E quen se sinta agredido por iso ten un problema psicolóxico que ti non vas solucionar. Eu teño libertade de cátedra e ninguén me vai imponer o idioma das miñas aulas.’
Xosé Neira Vilas: ”Creei a Balbino nun bar e o primeiro en lelo foi o camareiro”
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Considera que a súa carreira está eclipsada pola figura de Balbino?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Non. Desde logo teño outros moitos libros, posiblemente de elaboración máis completa, e a figura de Balbino non eclipsou esas obras, aínda que dalgunha maneira este libro destaca sobre os outros, porque se segue reeditando. (…)
– EP: Vostede dixo nalgunha ocasión que non coñeceu realmente Galicia ata estar na emigración…
– XNV: A Galicia inmediata si, pero non tiña a noción histórica e cultural de Galicia, o que eu descubrín en Buenos Aires. Tomei conciencia de Galicia en América Latina, co contacto cos exiliados e emigrantes. Alí había moita cultura; exposicións de pintura, concertos, emisoras de radio, libros, periódicos, revistas… E incluso en Buenos Aires empecei a tomarme en serio a miña carreira como escritor e como periodista. Escribín en cantas publicacións galegas había alí. Tiñamos unha actividade moi intensa, e o meu coñecemento de Galicia ven asociado á miña vocación. Polo tanto, desde ese momento escribo sempre e únicamente en idioma galego. Dos 43 anos que estiven en América non escribín ningún libro nin ningún artigo que non fora en idioma galego, a non ser nalgunha ocasión que colaborei coa prensa latinoamericana. (…)
– EP: Que futuro lle augura ao galego?
– XNV: O idioma consolídase cada vez máis. Temos unha serie de obras fundamentais que o van consolidando e axudan a que se fale máis, porque a fala é máis importante que todos os libros.
– EP: Que consello lle daría aos mozos que se inician nas letras galegas?
– XNV: Primeiro, que lean moito. Segundo, que lean ben, xa que non é só ler e pasar a correr. E por último, que escriban moito sen preocuparse por publicar. Eu levaba once anos escribindo ata que publiquei a primeira obra.”
Santiago: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón
O
martes 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco. A Libraría será tamén o punto de partida para facer un roteiro pola cidade vella percorrendo algúns espazos da homosexualidade na Idade Media compostelá. O acto faise no Día do Orgullo, Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual. Máis información aquí: Amigos e sodomitas Santiago 2011 xuño.
A Coruña: actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro
O martes
28 de xuño, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, terá lugar unha nova actuación do proxecto de fusión artística Fuso Negro, no que Xoán Abeleira (voz e percusión), Karlos Barral (percusión), Bruno Couceiro (batería), Julio Cuns (guitarra) e Kale Thunström (baixo) e Tono Galán (obras, escenografía, fotos, vídeos…), fusionan música, teatro e poesía de vangarda.
Allariz: mesa redonda Lembrando a don Paco del Riego
O 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3, Allariz):
Vigo: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado
O
luns 27 de xuño, ás 20:00 horas, dentro da programación dos Vasos Comunicantes do festival Vigo Transforma, no Novo Tinglado, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión.
